ELECCIONES EN GALICIA 2024 | Paulo Ríos Número 4 da lista do BNG pola provincia de Pontevedra

“O acordo entre Bloque e Anova é histórico para a política do país”

O moañés, con serias opcións de manter a acta de deputado, considera atípicas as eleccións do 18 de febreiro “porque están moi abertas e o nacionalismo ten opcións reais”

Paulo Ríos, no barrio moañés do Rosal.

Paulo Ríos, no barrio moañés do Rosal. / Julio Santos Álvarez

Paulo Ríos (Moaña, 1993) é deputado autonómico polo BNG dende vai catro anos, cando acadou a súa acta como número 6 da candidatura nacionalista pola provincia de Pontevedra. Agora a formación que lidera Ana Pontón volve a apostar por el. Vai de número 4, con posibilidades moi reais de repetir coma deputado.

–Como recibe a aposta do BNG por vostede con este salto adiante nas listas?

–Sempre é positivo que conten contigo. Eu nunca dixen que non a ningunha das responsabilidades que tiven. Sempre tento facelo o mellor posible. Aceptaría calquera número na lista pero está moi ben que valoren o traballo feito.

–Leva casi 4 anos no Parlamento galego. Como valora o traballo feito?

–Foi un pouco como agardaba. É un traballo moi intenso sobre todo porque hai moitísimo que estudar e coñecer. O máis gratificante é poder traballar no territorio e estar coas asociacións de veciños ou cos colectivos que teñen algún problema e poder levalo ao Parlamento. Trátase de problemas concretos que afectan ao día a día da xente.

–De que está máis orgulloso nestes anos?

–Uns dos temas máis importantes que levei son os que teñen que ver coa loita pola sanidade na comarca, como os centros de saúde de Marín e de Seixo, a reclamación das urxencias de Moaña, a pediatría de Bueu ou a petición do centro de saúde de Aldán-O Hío. Tamén en temas de mobilidade denunciamos todo o que está a pasar con transporte público do país.

–E cal é a espiña que ten clavada por non poder resolvela?

–O problema é que en practicamente todo o que levei o PP pasou o seu rodillo da maioría absoluta, negándose a aprobar nada. A espiña é non poder facerlle entender ao PP a necesidade das cousas que alí levamos, como os problemas sanitarios da comarca.

–Ve ao nacionalismo con máis opcións que nunca de chegar á Xunta?

–O máis importante é que a xente visibilice que realmente existen posibilidades de que saquemos ao PP da Xunta e academos unha Xunta gobernada polo BNG. Son unhas eleccións galegas moi pouco comúns porque está todo moi aberto. Nós saímos a gañar porque existen posibilidades reais. Creo que o imos a acadar.

–O abrazo de Ana Pontón e Beiras. É só algo simbólico ou axudará nas eleccións?

–Creo que ese acordo entre o BNG e Anova é algo histórico para a política do país, non só para o nacionalismo. Que exista altura de miras para deixar o pasado atrás e poder comezar un camiño de colaboración e entendemento ante unha oportunidade de sacar ao PP da Xunta. Trátase de devolver á normalidade á política galega.

Suscríbete para seguir leyendo