Foguetes e fogueteiros, a arte de pintar o ceo da noite

O Museo do Pobo Galego edita un libro de Xerardo Dasairas sobre este milenario oficio

Parte do espectáculo pirotécnico deste domingo nas Festas do Cristo, en Cangas.   | // SANTOS ÁLVAREZ

Parte do espectáculo pirotécnico deste domingo nas Festas do Cristo, en Cangas. | // SANTOS ÁLVAREZ / david garcía

A serie “Manuais” que edita o Museo do Pobo Galego incorpora un novo título. Trátase de “Foguetes e fogueteiros. A pirotecnia”, un libro que é o resultado do traballo do investigador Xerardo Dasairas, que fai un percorrido pola milenaria historia da arte pirotécnica.

Non hai ningunha festa que se prece que non comece co estoupido dun foguete, que non inclúa unha salva de bombas de pirotecnia e, naquelas que teñen máis recursos, que inclúan un espectáculo de fogos artificiais e de cores, como os que este domingo despediron á procesión do Cristo de Cangas. Ao redor da pirotecnia, que tamén se pode considerar como unha arte efémera, versa o novo libro do investigador e profesor Xerardo Dasairas Valsa, que leva por título “Foguetes e fogueteiros. A pirotecnia”.

O volume conta cun prólogo do director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, xa que a publicación insírese na súa colección “Manuais”. Un texto no que defende que o foguete é un “ruído artificial que marca un límite espacial e temporal, dinos que alí onde estalan esa comunidade está de festa. É un ruído cun valor ritula, un recurso estrepitoso para anunciar o tempo festivo”, explica. En definitiva, “non é un ruído en bruto, senón elaborado que forma parte dunha linguaxe”.

Xerardo Dasairas co seu novo libro sobre a pirotecnia.   | // FDV

Xerardo Dasairas co seu novo libro sobre a pirotecnia. | // FDV / david garcía

O traballo de Xerardo Dasairas abrengue máis de 200 páxinas nas que se presentan os primeiros rituais ao redor do lume, a expansión da pirotecnia e presta unha fonda atención as súas figuras e evolución en Galicia. O autor defende que é a pirotecnia ben merece ser considerada como unha expresión de arte efémera e, máis aínda, como un sentimento. Esta arte ben pode ser considerada como o intento de dominar o lume e pólvora. Mais, tamén con humor e retranca galega, vencella ese carácter efémero co amor e co imposible. Xa o di o refrán galego: “Só son foguetes”, recorda Dasairas.

A intención do investigador é profundizar no oficio do fogueteiro e na súa evolución ata a actualidade. “Evolucionou no proceso de fabricación, que se fixo industrial e eliminou o fogueteiro artesán; mellorou as instalacións, nas medidas de seguridade, no comercio dos produtos e mesmo no xeito das exhibicións”, explica o autor. Agora eses grandes espectáculos de cores que tanto admiramos empregan máquinas de disparo controladas por ordenador e que permiten unha sincronización case perfecta. Dito doutro modo, a distancia entre a vella foguetería e a pirotecnia actual xa se fixo moi longa e ben merece unha aproximación histórica.

A pirotecnia ten avanzado moito ao longo dos séculos, mais a finalidade non mudou tanto. Ademais de dominar ao lume está ese desexo de debuxar e pintar no ceo da noite cores e figuras de todas as clases. Pero este oficio milenario, aínda que adaptado aos novos tempos, está novamente en risco de desaparecer. Como explica Dasairas, “na drástica redución dos presupostos festivos no primeiro que se desbotan son os fogos”.

Pero tamén hai un cambio de conciencia social, sobre todo coa crecente urbanización, xa que non todo mundo entende ou apreza o significado desta linguaxe festiva. Ben se resume no que lle transmitían nunha conversa os membros dunha comisión de festas ao director do Museo do Pobo Galego sobre redor a colaboración e aportación económica dos veciños das novas urbanizacións cando ían pedir. Algúns si que colaboraban, pero outros non porque “astra lle molestaban as bombas” [sic].

Suscríbete para seguir leyendo