Entrevista | Erea Castro Cantante e compositora

“Co fado conseguín crear a miña propia mensaxe e sentir que facía algo verdadeiro”

A artista galega actuará o próximo luns a partir das 22.00 horas, no Paseo Marítimo, sendo o concerto máis destacado desta edición de "Días de Mar de Moaña"

De esquerda á dereita: Xosé Daniel Costas, Leticia Santos, Erea Castro e Coral Ríos  | // GONZALO NÚÑEZ

De esquerda á dereita: Xosé Daniel Costas, Leticia Santos, Erea Castro e Coral Ríos | // GONZALO NÚÑEZ / Ignacio Gesteira

Ignacio Gesteira

“Días de Mar de Moaña” presenta a actuación da cantante de fado, Erea Castro, como gran concerto da edición de este ano. O próximo luns 14 de agosto, ás 22.00 horas, no escenario do Paseo Marítimo, os amantes deste xénero musical poderán gozar de “Arraial”, o proxecto musical desta artista e no que fai unha mestura das raíces galegas, españolas e portuguesas. É unha forma de reivindicar a identidade daquelas persoas que viven en lugares de paso e conviven con diversas culturas. O concerto foi presentado onte no Concello de Moaña coa presenza da alcaldesa, Leticia Santos; a concelleira de Turismo, Promoción Económica e Cultural, Coral Ríos; e o concelleiro de Obras e Servizos, Cultura e Participación Veciñal, Xosé Daniel Costas; e a propia artista.

–Como xurdiu a oportunidade de que actuase en Moaña?

–A través da concelleira Coral Ríos. Tiñamos coñecidos en común e eu pedinlle unha reunión para expoñerlle o meu traballo. Penso que Moaña está facendo unha gran labor atendendo á diversidade que ten a poboación aquí. Hai moito portugués e moita familia de portugués asentada na vila. Hai moita tradición vencellada con Portugal.

–Que é o que espera do seu concerto en Días de Mar?

–Sobre todo que a xente supere determinados prexuízos que hai de cara ao fado e que teñan una xornada moi agradable. A maioría da xente de aquí está de vacacións,entón espero poder formar parte dese momento de recreo e de desintoxicación do estrés. Espero que todo o mundo marche para casa cunha sensación de liberación total.

–Como iniciou a súa paixón pola música?

–Xa dende nena. Penso que comecei a cantar antes que a falar. De feito, o primeiro regalo que lle pedín aos meus pais foi unha radiocasete con micrófono. Tiven moi bos profesores tanto na escola como no instituto que souberon potenciar esa paixón que eu tiña pola música. Eu non me defino como fadista porque non tiven a sorte de crecer nesa esola, pero si que son apaixoada do fado e da súa sonoridade. O que eu fago é levar un pouco o seu son as nosas tradicións e á música que habitualmente escoitamos.

–O fado foi sempre a súa primeira opción no mundo da música?

–Non. Eu sempre digo que isto é como as relacións, ata que non provas varias cousas non sabes realmente o que che gusta. Candou eu comecei no mundo da música o fixen nun coro con xente maior ca min. Empecei a flirtear co jazz, o blues e o soul, e máis adiante co pop e o country, pero non sentía que eses xéneros foran algo que me definisen a min como artista. Cando me atopei co fado, digamos que conseguín unha conexión na que podía levar o meu propio discurso, facer a miña propia mensaxe e sentir que facía algo de forma real e verdadeira. Algo co que podía trasmitir algo natural.

Erea Castro nunha imaxen promocional.

Erea Castro nunha imaxe promocional. / Miguel Vidal

–O seu amor por Portugal vén da proximidade que ten a súa Salvaterra do Miño natal co país luso?

–Si. Fíxate que eu creo que a xente da miña xeración e das novas que veñen agora abrazan esta relación con Portugal dunha maneira moi distinta á que facían os nosos pais. Antes había moito sentimento de superioridade, pero agora a todos nos encanta Portugal e a todos nos gusta visitalo. Ademais, a maneira de comportarnos é a mesma ca súa e a música que producimos tanto os galegos coma os portugueses ten moita carga sentimental.

Eu non me defino como fadista porque non tiven a sorte de crecer nesa escola, pero si que son unha apaixoada do fado e da súa sonoridade

–Que é o que máis tenta trasmitir ao público nos concertos?

–Toda esta carga sentimental da que che falaba antes e que non importa nin a linguaxe nin a procedencia de ninguén. O que importa é que as emocións son instrísecas a calquera cultura. Da igual que un sexa de fala galega, española ou portuguesa. Cando ti realmente sintes unha canción é independente da linguaxe, porque hai algo aí que te remove por dentro. Eu xogo con iso, con que as persoas sintan e se dean conta de que todos somos iguais e que todos temos pasado as mesmas historias.

–Resúltalle complicado facer toda esta mestura de linguas e culturas tan variadas?

–Non. Esta é a relidade das persoas que vivimos en lugares transfronteirizos, que ao final rematamos contaxiándonos das formas e expresións dos dous lugares e, sen darnos conta, creamos tamén as nosas propias formas de expresión. Chega un momento no que ti tentas entenderte con persoas que están no outro lado e asumes palabras do seu vocabulario e eles do teu. Ao final creas unha mestura que é como un salpicón. Penso que é tan bonito e orixinal que temos que reivindicar e dicir que aínda que estemos nun lugar de paso temos a nosa xerga propia.

Suscríbete para seguir leyendo