Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cangas rende homenaxe na Festa das Letras ás persoas e entidades que traballan pola cultura

Autoridades e premiados comparten foto na Festa da Cultura celebrada onte no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela Santos Álvarez

“Benvidas e benvidos ao Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela”. Días despois de recibir o nome do mestre, dramaturgo e alcalde de Cangas, o edificio que serve de epicentro da representación cultural no municipio rendeulle homenaxe ás persoas e entidades que o fixeron e o seguen facendo posible. Foi por mor do Día das Letras Galegas no que, por suposto, lembrouse a figura de Florencio Delgado Gurriarán e recalcouse a importancia de defender e promover o idioma propio, pero tamén aos artífices de darlle pulo á creación artística e literaria e á recuperación do patrimonio merecedores dos premios Xohan de Cangas e Ignacio Cerviño. Para Jesús Bernárdez, “Caramuxo”, Asunción Bernárdez e Tromentelo, nunha festa presentada pola dramaturga e actriz Vanesa Sotelo e que alternou discursos institucionais con actuacións de danza, teatro e música.

Asunción Bernárdez, Suso "Caramuxo" e Sara Malvido, de Tromentelo, coas figuras conmemorativas. Santos Álvarez

A concelleira de Cultura, Aurora Prieto, foi a encargada de lembralos despois da apertura do acto pola Escola de Danza Maite Quiñones e de que a presentadora dera a benvida a público e autoridades. A edila convidou a achegarse á figura de Delgado Gurriarán recuperando palabras que lle ten adicado a Academia Galega a un home “cuxo labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora”, “un excelente poeta e cultivador dun galego enxebre”, unha persoa “que foi ponte entre a Galicia interior e a Galicia exiliada”.

A alcaldesa, Victoria Portas, entrega o premio Xohan de Cangas ao Labor Cultural a Tromentelo, que recolle a súa directora, Sara Malvido Santos Álvarez

A continuación, Vanesa Sotelo dedicou unhas palabras ás persoas que traballaron pola cultura en Cangas e xa non están entre nós, “aínda que segue viva a súa memoria”. O violonchelista Ramón Rocha interpretou unha peza de Anxo Gago, músico e compositor que foi merecedor do seu día do premio Xohan de Cangas ao labor cultural. A presentadora recitou un poema de Florencio Delgado Gurriarán, fío condutor co exilio en México, mentres se proxectaba a súa imaxe na pantalla. A Escola de Teatro de Cangas, de Teatro de Ningures, subiu ao escenario para representar unha breve peza, previa á entrega do premio Ignacio Cerviño á Recuperación/ Promoción do Patrimonio a Jesús Bernárdez, que recibiu o galardón antes de proxectarse unha entrevista gravada previamente e do seu agradecemento.

Jesús José Bernárdez Solla, "Suso Caramuxo", recolle o premio de mans de Aurora Prieto en presenza de Vanesa Sotelo Santos Álvarez

A actuación de Lembranzas da Ría deu paso á entrega do premio Xohan de Cangas á Creación Artística/ Literaria a Asunción Bernárdez Rodal, da que tamén se visionou unha entrevista previa. Coa interpretación dunha peza polo Coro San Xosé, e cos seus membros sobre o escenario, fíxose entrega do premio Xohan de Cangas ao Labor Cultural a asociación Tromentelo, que o recibiron de mans da alcaldesa, Victoria Portas antes de visualizar unha entrevista previa.

Público asistente á Festa da Cultura, durante a interpretación do himno galego para rematar o acto Santos Álvarez

A rexedora foi a encargada de pechar unha festa “que reflexa o gran arraigo cultural do noso concello” e que serve de mostra “da calidade, da creatividade, da orixinalidade e do bo traballo que o pobo de Cangas ten feito neste eido”. Trasladou os parabéns aos tres premiados e incidiu en que “cada vez é máis difícil escoller quen serán os colectivos a recoñecer”, porque hai moito e bo.

O Coro San Xosé , nunha das actuacións que amenizou a festa celebrada onte no Auditorio de Cangas Santos Álvarez

“Grazas polo voso bo facer, pola vosa implicación, pola constancia, polas renuncias voluntarias e necesarias para sacar adiante un proxecto cultural que non sempre atopa todos os apoios que necesitaría”. De Tromentelo destacou “a súa traxectoria, que sitúan a Cangas no mapa e dan continuidade á nosa cultura ensinando ás nosas crianzas”. De Jesús Bernárdez, Suso Caramuxo, “as súas mans prodixiosas”, e a Asunción Bernárdez definiuna como “gran filóloga” e recomendou ler o seu libro “Lola, filla de Cangas”. O acto rematou coa interpretación do himno galego.

Compartir el artículo

stats