Leda polo que supón de recoñecemento do pasado pero máis aínda polos folgos que da cara o futuro. Así se amosa Vanesa Sotelo, dramaturga canguesa que vén de recibir o Premio Mondoñedo 10 na modalidade de teatro, que distingue a mellor peza dramática da última década.

- Cómo valora recibir este importante premio?

- É unha iniciativa moi necesaria porque permite ver a producción literaria dramática ao longo dunha década. A nivel persoal é unha satisfacción porque hai unha alta calidade nas pezas elixidas e noutras que quedaron fóra, e que sexa "Nome: Bonita" a elixida pois é unha ledicia maior. Foi un texto non premiado que marcou un punto de inflexión para min, un texto moi meditado que agora, tres anos despois é recoñecido. Para min é un impulso este premio.

- Un premio ao mellor da última década. Fai pensar tamén en que indirectamente se premia a súa traxectoria.

- Non o pensaba así porque a miña traxectoria tampouco é moi longa, aínda que se pensas que empecei con 15 anos... [risas]. É un premio a un texto, pero para chegar a el hai que pasar por outros textos, outras experiencias. O último que escribín foi "Índigo", presentado a principios de ano cunha lectura dramatizada, e está pendiente de editar en 2019, e unha as veces non ten moito ánimo de seguir escribindo porque non hai apoios nin galardóns. Esto dame un impulso, o sentimento de que hai que seguir.

- "Nome: Bonita" reivindica a forza das mulleres, e ese papel como guerrilleiras nun mundo reservado tradicionalmente aos homes. Pero que é para vostede esta obra?

- Son varias liñas as que se cruzan. Unha delas é o mundo das mulleres, un mundo novo por facer, por construir. Está tamén a cuestión da memoria, da identidade e dese silencio que hai que romper. E dentro dese mundo das guerrilleiras está o paralelismo coas cangaceiras brasileñas. Hai ademais unha viaxe intercultural dentro da lusofonía, en Galicia, Portugal e Brasil.

- Sempre lle gustou rachar moldes, crear un teatro máis atípico, máis experimental, distinto ao máis tradicional da escena galega.

- Non sé se esa é a expresión axeitada porque teño moitos referentes, pero sí é certo que non me gusta acomodarme, quedarme no máis clásico. Teño un xeito de achegarme á escena máis abstracto, máis lírico, aínda que en "Nome: Bonita" sí fun un pouco na miña contra e quizais sexa o meu texto máis convencional.

- Cal é o estado actual de saúde do teatro en Galicia?

- O estado de saúde é delicado e complexo. Vexo que hai un talento brutal e unha capacidade de traballo enorme, de resistencia desbordante, e iso parece que vai na nosa contra. Non existen os apoios necesarios para que se constrúa con calma, hai unha precariedade brutal e cada proxecto que se materializa é un acto heroico. E tamén falta a difusión e presenza nos medios. O teatro faise dende a resistencia e dende un amor tremendo polo que se crea. Pero a miña sensación como directora, creadora e público é de frustración. Creo que ese exceso de amor nos está matando, ese anhelo de querer facelo a toda costa.