A pegada da memoria das mulleres

Medio centenar de persoas percorre as rúas de Vigo da man de María Casar, quen deu a coñecer o legado feminino na cidade no marco do roteiro “Sons de Mulleres”

Participantes, esta mañá, no roteiro "Sons das Mulleres"

Participantes, esta mañá, no roteiro "Sons das Mulleres" / Marta G. Brea

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Era a única muller que repartía a prensa na rúa Príncipe. Unha rapaza moi noviña que todos os primeiros de maio lucía orgullosa as súas camisas vermellas polas rúas da cidade. Afiliada ao sindicato UXT, non era raro atopala nos mitins, por iso, o seu nome figuraba na lista negra. Rosario Hernández, coñecida como “A Calesa”, tan só tiña 20 anos cando lle cortaron os peitos, logo de ser secuestrada e detida polos fascistas tras a sublevación golpista, de ser violada no cuartel da Falanxe en María Berdiales, de ser torturada toda a noite e de ser atada a unha prancha de aceiro e fondeada nas Cíes, para que ninguén soubera nunca máis dela, para que as ondas do mar afogaran a súa existencia. Mais Rosario Hernández nunca afundiu e vive na memoria e nas rúas viguesas, ao igual que nos versos do poeta galego Claudio Rodríguez Fer, quen lle rendeu homenaxe sobre o papel, e nas gaivotas que chían cando son recitados: “As Illas Cíes foron tres ata 1936, ano en que brotou a Illa Calesa/ Irrompera arao no quiosco/ ondeando aos catro ventos/ blusa e bandeira vermellas/ como a inocencia dos pobres./ Por fóra era toda de cantil e cafurna/ máis por dentro tan só finísima area/ de praia proletaria desfacéndose/ en duna de utopía./ Axitaba o salgado vento da historia/ os seus periódicos como gaivotas./ Elas anunciaban os toxos e as xestas,/ o cerquiño e o mato das carpazas,/ a herba de namorar e a camariña,/ o carraspique e a caléndula./ Agora mora baixo un bosque de algas pardas/ lendo periódicos ás lontras./ Entre as Cíes emerxeu a Illa Calesa./As súas noites son os nosos días”.

Olimpia Valencia. |   // FDV

Rosario Hernández, "A Calesa" / FdV

A da “Calesa” é unha das historias que gardan as pedras da rúas de Vigo e que hoxe puideron coñecer de primeira man as preto de 50 persoas que participaron no roteiro feminino “Sons de Mulleres”, unha iniciativa promovida por Mulleres Nacionalistas Galegas co obxectivo de dar visibilidade a todas aquelas mulleres que, de xeito individual ou colectivo, teceron a historia da cidade. Seguindo a súa pegada a través de 15 puntos e da man de María Casar, os asistentes a un dos actos incluídos polo Concello de Vigo dentro da programación con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora puideron achegarse así a lugares como a imprenta de Juan Compañel, onde Rosalía de Castro editou o 17 de maio de 1863 “Cantares Gallegos”, “La hija del mar” no 1859, e “A mi madre” no 1863; á única biblioteca feminista de Galicia, o Centro de documentación y recursos feministas; á memoria da primeira muller galega licenciada en Medicina, Olimpia Valencia, ou á da presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo, integrante do Socorro Vermello Internacional, alfabetizadora, mestra de piano e activista sociopolítica no barrio de Lavadores, Urania Mella; así como á das pedagogas e educadoras Concepción Arenal, Ernestina Otero e Antía Cal, pero tamén á das mulleres anónimas como as ostreiras, cesteiras e labregas que vendían o seu excedente na Praza da Constitución.

Urania Mella. | //  MARTA G. BREA

Olimpia Valencia / FdV

Partindo do Paseo de Alfonso a primeira parada foi o lavadoiro da Barroca, punto no que María Casar puxo en valor un espazo comunitario no que antigamente as mulleres viguesas podían compartir tempo xuntas lonxe da ollada masculina. A Estación Marítima tamén foi outro dos puntos visitados no roteiro de onte, onde María Casar fixo especial fincapé nas “bágoas salgadas” que alí foron derramadas polas mulleres, non só pola tristura de ver aos seus homes marchar a facer as Américas, senón porque elas mesmas ateigaron as adegas dos barcos que as transportarían até un soño quebrado, pois da outra beira do Atlántico, milleiros de mulleres galegas foron explotadas como man de obra barata.

Os participantes no roteiro no lavadoiro da Barroca.

Urania Mella. / FdV

Camiñando de novo cara o Casco Vello, a rúa Pescadería, antigo mercado do peixe, garda o son daquelas mans expertas que cun xiro acertado ofrecían aos visitantes un dos mellores bocados do mar. “Noutros tempos, estas mulleres anónimas apañaban cun ganapán as ostras nas praias de Cesantes, Arcade e Vilaboa, e chegaban a abrir até 1.000 ostras ao día. Ofrecían o seu produto fóra do mercado da Laxe porque non tiñan cabida no interior. Máis de 58 anos seguidos estivo aquí traballando algunha ostreira”, sinalou Casar.

Unhas cantas rúas máis arriba, outro espazo de mulleres anónimas, as cesteiras. A guía do roteiro explicou na vella rúa da Amargura, hoxe rúa da Cestería, como outras mulleres se dedicaban a crear aquelas patelas que logo servían no Berbés para levar o peixe e mesmo outras cestas nas que se lles levaba a comida aos ferroviarios. Xa na Praza da Constitución, María Casar, indicou que alí as mulleres vendían todo tipo de mercadorías e logo agochaban aqueles cartos da ollada dos seus homes para poder educar ás fillas. O percorrido continuou pola rúa Príncipe, dedicada á memoria histórica, e rematou no MARCO, onde se rendeu homenaxe ás vítimas da violencia machista.

Suscríbete para seguir leyendo