Uns 400 axentes dos corpos e forzas de seguridade despregaranse esta fin de semana en Santiago de Compostela con motivo das celebracións nos días centrais das Festas do Apóstolo no marco deste ano Santo e do Día de Galicia. Segundo informaron fontes da Delegación do Goberno en Galicia, os axentes que estarán despregados na capital galega por terra e aire pertencen á Policía Nacional, Policía Autonómica e Policía Local.

Máis aló das actividades culturais e sociais sucedidas ao longo de toda a semana na capital galega, incluídos os insignes lumes da noite do 24 -lanzaranse desde cinco puntos diferentes da cidade por segundo ano consecutivo ás 23.30 horas e poderán seguirse pola TVG- a Ofrenda ao Apóstolo será a primeira celebración solemne que dará inicio á conmemoración do 25 de xullo. Nela está prevista a presenza da Familia Real, cos reis e as súas fillas, que acudirán este domingo á ofrenda ao Apóstolo na Catedral compostelá no marco da celebración do Xacobeo 2021-2022.

"Prudencia e responsabilidade"

Ademais, xunto ao monarca o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, participará no Real Padroado de Santiago 18 anos despois da última convocatoria, ao que tamén acudirá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, entre outras autoridades.

Por parte da Delegación do Goberno en Galicia, ante as celebracións desta fin de semana no marco das restricións actuais pola pandemia da COVID-19, reitera a chamada á "prudencia e responsabilidade" da poboación.

O tempo para os lumes de artificio

Agárdase a curto prazo unha alternancia de ceos moi anubrados con momentos con nubes e claros. Haberá precipitacións o sábado e o domingo pola mañá. En canto ás temperaturas, serán normais para este período, con mínimas que descenderán moderadamente e máximas que ascenderán moderadamente.