Sáude mental e adolescencia

Non te cortes: fala!

A falta de pertenza ao grupo (ou o rexeitamento por parte do mesmo) é crucial para explicar o suicidio na mocidade

Non te cortes: Fala!

Non te cortes: Fala! / SHUTTERSTOCK

Alexandre García Caballero

O suicidio e os intentos de suicidio nos adolescentes acadaron nos últimos anos unha importante visibilidade social. Aumentaron as autolesións non suicidas e triplicouse o número de intentos de suicidio en urxencias. 

Os suicidios consumados en menores son poucos (9 no pasado ano 2021, cun cambio de tendencia sendo maioría mulleres;2 e 5 mortes, nos anteriores). Pero cada cativo que se mata supón un drama de dimensións incalculables, e, para os superviventes, o comezo dun loito inimaxinable. 

A morte dun fillo/a é probablemente o dano máis grande que podemos sufrir, a morte autoinflixida fai abrollar unha ronsel de preguntas, que magoan se cabe máis aos proxenitores que os abeiraron e que, impotentes, son testemuñas desta decisión incomprensible. 

Por que querería morrer un/ha rapaz/a?

Máis alá dos factores de risco: o acoso escolar, os abusos sexuais ou a violencia, as doenzas mentais, o consumo de sustancias, a autoesixencia, o medo ao fracaso, a discriminación de calquera tipo, as dificultades para aceptar a orientación sexual, a historia de perdas a nivel familiar, o suicidio de familiares ou amigos... Joiner sinalaba hai uns anos tres factores fundamentais: a falta de pertenza ao grupo, a vivencia dun mesmo como carga, e a capacidade adquirida. 

Pero este modelo, válido para os adultos, falla na mocidade. O primeiro dos factores, a falta de pertenza ao grupo (ou o rexeitamento por parte do mesmo) é crucial, os outros en cambio menos. 

“A chave da prevención pode estar en axudar aos cativos a regular as emocións negativas: rabia, medo, tristeza...”


Non sempre os suicidios consumados en menores dan sinais de aviso, senón que ás veces o suicidio consumado parece un acto impulsivo, causado por unha dor aguda que opera sobre factores de risco que estaban aí.

Nun libro recente o psicólogo Craig J. Bryan explica estas mortes que ocorren de súpeto, aplicando un modelo matemático de catástrofes e sinala que a variable que nos falta é a toma de decisións de risco. Ese día concreto, a esa hora ocorren unha serie de situacións que levan á persoa a pórse en risco... e ao mellor aí temos posibilidades de prevención.

Podemos traballar para reducir o acoso, para reducir a discriminación, para axudar a fracasar e a soportar o fracaso, acompañar nas perdas, traballar para reducir o consumo de sustancias, pero sobre todo quizás podamos axudar aos cativos a regular as emocións negativas: rabia, medo, tristeza, vergonza, angustia..., recoñecelas cando aparecen, entender que fai que abrollen, que pensamentos xorden con elas e que accións nos levan a adoptar, discutindo en grupo cales son as estratexias alternativas que podemos adoptar que eviten o risco. 

“Cando esteades mal non leades poesía suicida, non vexades Por 13 Razóns, non busquedes novas sobre o suicidio... Porque ás veces o único que facedes é recrearvos no sufrimento que nas cousas boas que a vida nos trae”

Cando esteades mal non leades poesía suicida, non vexades por 13 razóns, non busquedes en Tiktok, nin Instagram, nin Pinterest novas sobre suicidio, non vexades vídeos de autolesións, non escribades diarios: porque ás veces o único que facedes é recrearvos no sufrimento -sempre máis romántico- que coas cousas boas que a vida nos trae. 

Cando nos damos un golpe doe moito, moito, pero si contamos ata dez pasa. Igual hai problemas que doen moito, moito, parece que non hai solución… pero pasarán

Cando te sintas acurralada, perdida ou soa, cando a vida te empurre co seu ouveo interminable, recorda que todos nós tomados de un en un non somos nada, pero o teu destino está nos demais, o teu futuro é a túa propia vida, a túa dignidade é a de todos, ben seguro atoparás amigos, atoparás amor e o teu exemplo, nos valerá a outros para seguir adiante. 

Se non a coñeces, busca “Palabras para Julia” en Youtube e recorda que estamos aquí para darte abeiro. Non te cortes: Fala!