Día das Letras Galegas 2024: “Luísa aínda ten moito que dicir”

O 17 de maio homenaxea á poetisa coruñesa Luísa Villalta, unha “muller cunha forza de pensamento moi grande”, enxalzan a súa irmá Susana e a súa nai María

A directora da sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre; a nai e a irmá de Luísa Villalta, María Gómez e Susana Villalta; e o director da RAG, Víctor F. Freixanes. |  // IAGO LÓPEZ

A directora da sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre; a nai e a irmá de Luísa Villalta, María Gómez e Susana Villalta; e o director da RAG, Víctor F. Freixanes. | // IAGO LÓPEZ / ana carro

Ana Carro

O Día das Letras Galegas 2024 leva o nome de Luísa Villalta, xusto cando se cumpren 14 anos do seu falecemento. Para a familia, é un “orgullo” esta homenaxe. A súa nai e a súa irmá están emocionados por que a súa obra chegue a colexios, institutos e teatros, a todo aquel que nunca tivo entre mans un libro dela. Para a RAG, é o momento de “ler a Luísa”. O ano contará tamén con outras actividades e iniciativas como unha webserie e varias publicacións.

María Gómez e Susana Villalta son a nai e a irmá de Luísa Villalta, poetisa coruñesa a quen a Real Academia Galega (RAG) dedica este ano o Día das Letras Galegas. Están “contentas e orgullosas” por esta homenaxe, pero non poden evitar a emoción, que a voz quebre cando están falando dela e dos seus recordos. Botar en falta é unha ferida no corazón e elas non a esconden. Tanto a súa familia como a RAG queren manter viva a Villalta a través da súa obra. “Luísa aínda ten moito que dicir. É moderna, é do presente e será do futuro. Unha muller cunha forza de pensamento moi grande”, sinala Susana Villalta.

María Gómez e Susana Villalta, nai e a irmá de Luísa Villalta.

María Gómez e Susana Villalta, nai e a irmá de Luísa Villalta. / Cabalar | EFE

Ao seu lado, a súa nai, María Gómez, agarra forte a súa man. Son momentos bonitos, porque a súa filla é a protagonista do Día das Letras Galegas, pero non por iso é sinxelo. “Estamos moi agradecidas por todas as homenaxes a Luísa”, comenta. A súa vida e a súa obra, na que A Coruña recibía o nome de Cidade Alta, serán o eixo das actividades para festexar o 17 de maio. Unha webserie de seis capítulos permitirá afondar na súa historia. “Ela non puido facer máis do que fixo, marchou cedo. Ler a súa obra é moi gratificante. Di moito, ten moita forza de pensamento e está moi actualizado para que hoxe poida ter voz”, resume a irmá, que recoñece que este é “un momento moi gratificante”.

O director da RAG, Víctor F. Freixanes, lembra que Luísa Villalta “representa ás novas xeracións que se incorporaron ás Letras Galegas”. “É a bomba de oxíxeno que necesitabamos”, conta. A directora de sección de Literatura da Academia, Marilar Aleixandre, non quixo esquecer que a poetisa coruñesa estivo “enormemente comprometida coa lingua galega e a defensa da poesía”. “Foi unha pensadora moi completa”, engade. O que quere a RAG é que agora a obra de Luísa chegue a todo aquel que nunca tivo un libro seu na man, xusto cando se cumplen 14 anos do seu falecemento. “Eramos e somos conscientes do seu traballo”, insiste Susana Villalta, que desvela que “hai obras inéditas” que algún día verán a luz.

Presentación de los actos por el Día das Letras Galegas dedicado a Luísa Villalta.

Presentación dos actos polo Día das Letras Galegas dedicado a Luísa Villalta. / Cabalar | EFE

Unha webserie, unha biografía para o público infantil e un acto no teatro Rosalía de Castro

A RAG ten preparada unha completa programación para adicar este ano a Luísa Villalta. Desde unha webserie pasando por unha biografía para o público infantil e ata un acto no Rosalía de Castro.

  • 17 de maio. O Día das Letras Galegas celebrarase no teatro Rosalía de Castro da Coruña, a cidade de Villalta, a que ela chamaba Cidade Alta na súa obra. Neste acto central participarán Ana Romaní, Margarita Ledo e Manuel Rivas, que pronunciarán as alocucións académicas nun pleno extraordinario e público. Nesta xornada publicarase unha edición especial da obra O concerto para un home só.
  • Primavera das Letras. O proxecto Primavera das Letras, que comeza en febreiro, “nace coa idea de levar a figura da autora homenaxeada aos más novos”. Haberá unha nova edición da web para o público infantil. Violino, Inglesas e o libro xigante sairá publicado para a amosar a vida e obra de Luísa Villalta aos máis pequenos. O libro ten como narradores o violín da homenaxeada e a guitarra de Rosalía de Castro. Os autores son o académico correspondente Xoán Babarro e Ana María Fernández, gañadores de premios como o Barco de Vapor e o Lazarillo. A linguaxe plástica é de Óscar Villán, distinguido co Premio Nacional de Ilustración. O proxecto será presentado a finais de febreiro en Sada da man da comunidade educativa do CEIP Sada e unha representación do IES Isaac Díaz Pardo, onde Luísa exerceu como docente de Lingua e literatura galegas dende o ano 1991 ata a súa morte, en 2014.
  • Webserie. O documental sobre Luísa Villalta contará con seis episodios e está dirixido por Damián Varela e guionizado por Alba López. Poderá verse a partir de marzo en academia.gal, en Youtube e na TVG. A peza audiovisual arrinca coa infancia e os anos de formación da autora e continúa co foco posto no seu mundo poético e o resto da súa produción literaria, a importancia da música na súa vida, o seu fondo compromiso cívico e o seu labor como docente. Conclúe cun derradeiro episodio sobre A Coruña no seu legado literario, cidade que deixou pegada especialmente no poemario premiado pouco antes do seu pasamento e editado postumamente, En concreto (2004), e mais Papagaio (2006). Neste último volume Villalta escribiu poemas que falan da violencia sexual e a especulación urbanística en diálogo coas fotografías nas que Maribel Longueira deu conta do derrubamento das vellas casas de prostitución do barrio que lle deu título. A webserie c’onta cos testemuños de familia, amizades, creadores e creadoras e voces estudosas do seu legado como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar García Negro, Alexandrina Fernández Otero, Armando Requeixo, Xosé Luís Martínez Pereiro ou Inma Otero Varela.
  • Simposio académico. O Ano Luísa Villalta rematará cun simposio académico sobre a autora, pero Fernández Freixanes aínda non confirmou cando e onde se levará a cabo. Si que adiantou que será no último trimestre do ano. Na páxina web da RAG xa se pode ler a biografía feita por Ana Romaní.