E ti, xa es do club do galego?

Referentes actuais da lingua en diferentes ámbitos da cultura falan sobre as súas influencias de infancia e mocidade

No vídeo, Esther Estévez fala sobre as súas influencias de infancia e mocidade.

FDV

A. Chao

A. Chao

Mesmo antes que o DNI, a cativada que medrou nos anos 90 do pasado século contaba cun carné máis importante para eles, aquel que os facía sentir parte dun grupo que fala o mesmo idioma -de xeito literal e figurado- e que lle garantía verse na televisión cando menos polo seu aniversario. Ser do Xabarín era unha relixión da que agora, cando se cumpren 30 anos da súa estrea, séguese a presumir.

Aquela xeración viviu boa parte da infancia sen móbil, sen internet e sen plataformas de streaming. Nunha época na que o acceso á información e ao entretemento era ben diferente a como o entendemos hoxe, aquel espazo da televisión pública supuxo unha valiosísima fiestra a diferentes manifestacións culturais, todas elas en galego. A lingua chegaba aos pequenos como sinónimo de diversión. E xa se sabe, se a lección é divertida, apréndese mellor.

Gabino Vázquez, investigador do departamento de Sociolingüística no Instituto da Lingua Galega, explica que, se ben o contexto familiar é fundamental nos comportamentos lingüísticos, “o grao de dispoñibilidade e a calidade dos produtos culturais son, en si mesmos, síntomas de normalización dunha lingua”.

Concretamente, os contidos orientados ás nenas e nenos son moi significativos na construción da identidade e a visión do mundo: “Axudan a valorizar as linguas, a aumentar a familiaridade con elas e ao seu coñecemento”.

Sen dúbida, O Xabarín, e non só el, influíron nos que agora inflúen e dinamizan o uso do galego en diferentes espazos e soportes, adaptados aos novos tempos. Se tocase establecer certo paralelismo cun formato actual, é inevitable sinalar cara o Dígocho Eu.

Personalidades galegas e referentes na defensa e a proxección da nosa lingua.

Personalidades galegas e referentes na defensa e a proxección da nosa lingua. / FDV

Esther Estévez (Verín, 1997), alma do espazo, formou parte desa cativada que medrou co porco bravo máis famoso da pequena pantalla. “Está claro que o que máis me achegou ao idioma, ademais da miña familia, foron os debuxos da TVG, Shin Chan e Detective Conan encantábanme!” aínda que tamén “me marcou moito a música”. Xunto á que escoitaba no espazo televisivo e as cancións tradicionais que lle cantaban na casa, “na adolescencia influíume moito Luar na Lubre”.

“Para min unha das claves na normalización lingüística sempre será a cultura. Eu normalicei o uso do galego grazas a uns debuxos que me facían moita graza. Todos queríamos falar como eles. Así que creo que todas as xeracións deberían ter referentes na televisión, nas redes sociais, na música, nas series...” sinala unha das voces que agora exerce como un deses referentes. “Sigo sorprendéndome cando vexo que o meu traballo chega a tanta xente e en concreto a tantos nenos. Cando visito colexios co DígochoEu vexo que se esforzan en falar galego entre eles polo menos mentres estou eu diante” explica Estévez, sabedora de que, “aínda que non sexa a situación ideal, porque sei que a maior parte dos nenos non falan galego no seu día a día, vexo que teñen ilusión e que con eles o idioma ten futuro”.

De feito, sinala, “creo que estamos nun moi bo momento para a cultura galega. Non paran de xurdir novos creadores de contido en redes en galego, temos a música chea de novos talentos e o mesmo coas películas, series...” A cuestión é, matiza, “atopar un oco entre tanta oferta en calquera idioma e parte do mundo”.

Linguaxe universal

Gabriel Reigosa (Nigrán, 1984), voz principal e guitarra de Dakidarria, é un deses exemplos de traxectoria consolidada no panorama cultural galego. O grupo de ska-punk leva máis de dúas décadas facendo música, boa parte deles en galego. “Escoitar a Siniestro Total ou Heredeiros da Crus foi clave nas miñas inquedanzas como músico”, apunta. Porén, o seu maior vínculo co idioma chegou xa na idade adulta. De pai galego e nai catalá, no seu fogar falábanlle principalmente en español e catalán, “a base que tiña da nosa fala era o socio de meu pai, con el si que falaba en galego, e a dobraxe de Son Goku”, explica. Incluso de cativo, a súa destreza oral era superior na lingua da súa nai que en galego. Foi coa maioría de idade cando comezou un proceso que o levou a empregar a lingua do país como primeiro idioma e a establecela completamente como vía de comunicación despois dos 20.

Dende a súa perspectiva “actualmente, na música logramos desfacernos desa máscara de autoodio, con grupos que conseguiron consolidar a idea de que o galego non só non é unha barreira senón que é unha ponte”, pero, lamenta, “é mal momento para chegar á xente nova. Se nós tiñamos o Xabarín, agora a televisión pública está practicamente secuestrada e iso complica chegar á infancia e á mocidade”.

Precisamente desa ponte que constrúe a música en galego da que fala Reigosa dan boa conta Fillas de Cassandra, un dos grupos emerxentes do momento cunha traxectoria meteórica e que goza do favor de públicos diversos.

Fillas de Cassandra

FDV

María Soa e Sara Faro son, como Gabriel, neofalantes. Na súa infancia consumían moita cultura en castelán, se ben é certo que, Teo, Os Bolechas, Made in Galicia de Sechu Sende, Canta Connos de Migallas, Milladoiro ou Carlos Núñez tiveron impacto sobre quen son hoxe.

“Na secundaria sentimos que era hora dun cambio consciente” con respecto a lingua “e hoxe seguimos na loita”. Agora “ver como nenos e nenas cantan ben forte en galego con nós é sumamente emocionante”. Tamén elas saben que, se cadra, esa rapazada no seu día a día non fala sempre nesta lingua, pero cando menos logran crean un contexto no que si é a súa preferencia.

As letras galegas

Mais aló da música e do audiovisual, a literatura completa unha tríada fundamental na difusión do idioma -co permiso dun sistema educativo que vele pola súa transmisión-. Se alguén pensa aínda que o consumo duns contidos está rifado cos outros, Antía Yáñez (Burela, 1991), recoñecida autora en galego con obras como Non penses nun elefante rosa (Xerais, 2022), encárgase de desmentilo. “Eu era das que merendaba co Xabarín, era unha pasada ver os amigos polo seu aniversario, e os debuxos”, lembra. Pon en valor como este tipo de contidos axudan a preservar a fonética, “facerlle oído aos pequenos, atopámonos con nenos castelanfalantes que non é que só falen castelán, senón que se lles pides que falen galego non o conseguen e se o logran non dan pronunciado sons propios do galego”.

Como non podía ser doutro xeito, son moitos os libros que tamén afianzaron a súa relación co idioma na infancia e na mocidade: dende A expedición do Pacífico de Marilar Aleixandre, a Tristes Armas de Marina Mayoral. Pero a mención especial lévaa Agustín Fernández Paz. “Regaláronme Contos por palabras en castelán, lino e gustoume moitísimo. Logo vendo os créditos do libro fixeime en que o título orixinal era en galego, entón entendín que escribindo en galego, Agustín Fernández Paz chegaba a outras moitas linguas”, conta. Foi co primeiro autor co que sentiu que, dende a súa propia lingua, “podía escribir e chegar a todos os recunchos do mundo”.

Foi xusto gracias “aos libros xuvenís en ligua galega que chegaron ás miñas mans nos anos de instituto cunha profesora entregada que me contaxiou o amor pola literatura e a nosa lingua” como una das escritoras galegas actuais máis laureadas se converteu en neofalante. Ledicia Costas (Vigo, 1979), que medrou co “privilexio” de gozar de “Dragon Ball e do Doutor Slump” en galego, recoñece a importante labor que fai hoxe a Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia “un magnífico traballo reforzado pola dedicación das mestras e mestres nas aulas”. Resalta tamén o papel das editoriais, que ofrecen un catálogo nutrido de obras infantís e xuvenís: desde Xerais a outras máis pequenas como Triqueta Verde ou Kalandraka.

O Xabarín ¿hoxe?

Ledicia Costas bota en falta, porén, un “audiovisual potente como foi o Xabarín para a nosa xeración, urxe reinventarse”.

Esta mesma idea retómaa Berta Davila (Santiago de Compostela, 1987). Ela acadou no 2021 un fito sobresaínte ao gañar o Premio Xerais de Novela con Os seres queridos e o Jules Verne de Literatura Xuvenil por Un elefante na sala de estar. Os seus alicerces construíunos “una nena que medrou nos 90 e que tivo acceso a moitos clásicos da literatura infantil e xuvenil traducidos ao galego, pero fundamentalmente influída pola produción propia de autores como Paz Andrade ou Xavier Docampo”.

Na súa memoria tamén hai espazo para a música e as series, pero coida que “debemos fuxir desa idea de que calquera tempo pasado foi mellor, esquecer a nostalxia limitadora que nos leva a reproducir formatos que foron exitosos e pensar en como subsanar as carencias actuáis”, na que cuestións como as plataformas de streaming, a posibilidade de escolla ou a inmediatez son fundamentais.

As novas promesas da literatura galega como Sara Vila (As Neves, 1989) reclama, pola súa banda, “respaldo institucional, os contidos existen, pero non uns espazos nos que esa creación de dea a coñecer e chegue a todos os públicos, nisto o Xabarín foi unha plataforma marabillosa” que busca sucesores.

Rir, soñar, xogar, proxectarnos no futuro, estudar, investigar, traballar… en definitiva vivir. Iso é o que necesita o galego, e o que nós necesitamos del. Así que de aquí non marchamos sen quedarmos para mañá! Porque o galego precisa falantes o 17 de maio e os outros 364 días do ano.

A tarefa de conservar o galego nos cativos

As cifras non deixan de ser preocupantes. No 2003 o 32% dos nenos entre 5 e 14 anos aprendían a falar en galego fronte o 46% que o facían en castelán e o 21% que aprendía en ambas de xeito simultáneo. A fenda ata o 2018, últimos datos dispoñibles no IGE, non fixo máis que agrandarse: para a mesma franxa de idade só un 19% tivo como lingua de inicio o galego fronte o 50% do castelán.

Con todo, “os datos de uso cos que conta o galego na actualidade son relativamente positivos no conxunto das linguas minorizadas”, apunta Gabino Vázquez, pero “dependen fortemente do avellentamento da pirámide poboacional” xa que, sinala, de acordó cos datos dispoñibles, “se o galego é a lingua principal de máis do 75% da poboación máis vella, descende por baixo do 20% nas novas xeracións”.

A familia de Beatriz Rodríguez, veciños de Reboreda (Redondela) experimentou como a sú filla Sara, que agora conta 7 anos, pasou de usar o galego como lingua principal a mudar ao castelán. “Foi pasar ao cole e comezar deixar de empregar o idioma, e iso que a súa profesora é galegofalante”, conta. “A nena non sinte ningún tipo de rexeitamente cara o galego, gústalle a música e os libros, mesmo a fixen socia do Xabarín e goza cos contidos, pero o argumento é que os seus amiguiños falan castelán”, sinala Rodríguez. Una consecuencia colateral desta situación e que Álex, o fillo menor, “xa nunca chegou a ser galegofalante coma ela, si que emprega expresión, pero as menos”. Neste sentido, Gabino Vázquez sinala que , “tanto a creba da transmisión do galego dentro das familias coma a muda cara ao castelán durante a escolarización son procesos que están a ter un impacto directo na presenza da lingua nas novas xeracións” de feito as investigacións da Real Academia Galega no concello de Ames, amosaron que ao redor de tres cuartas partes do alumnado de familias galegofalantes remataba sendo castelanfalante á saída da educación obrigatoria.

Deste xeito, conclúe que “a educación formal é cada vez máis importante na adquisición das competencias lingüísticas, xa que para moita rapazada de contextos urbanos a escola é xa o único espazo de contacto habitual que poden ter coa lingua galega”.

Na familia de Beatriz non conciven outra maneira de ver o mundo que non sexa en galego, “e así seguiremos”.

Suscríbete para seguir leyendo