De Vigo a San Colmado

A ponte medieval de Sárdoma

A ponte de Sárdoma, na actualidade.  |  FOTOS: ALBERTE REBOREDA

A ponte de Sárdoma, na actualidade. | FOTOS: ALBERTE REBOREDA / FdV

Alberte Reboreda

A Ponte da Abeleira, o nome tradicional da ponte medieval de Sárdoma, érguese na paraxe do Sandial, unha parte do lugar desta parroquia viguesa coñecido como Belín, segundo Sestay Martínez (2015). Como é sabido, o nome primixenio do Lagares era río de Sárdoma, un hidrónimo de orixe indoeuropea con base na raíz Sard- que, segundo o mesmo autor, ten o valor de “río que moito flúe, o de grande corrente”. O Lagares foi coñecido como río Sárdoma, cando menos ata 1866-67, como acredita o Itinerario descriptivo militar de España, que se refire ao principal leito fluvial de Vigo como “río Sárdoma o arroyo Cambeses”. Esta publicación refírese ao viaduto que nos ocupa como “un puente de piedra de dos arcos” que se ergue no val do Fragoso.

De orixe medieval, este viaduto é unha das edificacións románicas máis senlleiras de Vigo xunto coa Ponte de Balaídos e as igrexas de Santiago de Bembrive, San Salvador de Coruxo e Santa María de Castrelos. Tamén a ermida do Freixo en Valadares e as igrexas barrocas de Sárdoma e de Santa Cristina de Lavadores acollen restos desta mesma cronoloxía.Xa que logo, a nosa ponte formou parte dun antigo camiño que uniu a parroquia de San Pedro de Sárdoma (da que existe constancia documental desde 1203, segundo Santiago y Gómez -1896-) coa cidade medieval de Tui a través do Alto de San Colmado, unha portela natural situada entre as freguesías de Zamáns (Vigo) e Cela (Mos).

Ferreira Priegue (1988) cita este camiño medieval que partía de Vigo por “S. Pedro de Sárdoma y el Couto”. A mesma autora destaca a proximidade deste camiño da igrexa medieval de Castrelos e do desaparecido mosteiro medieval de Cela (Mos), o mesmo no que se refuxiara Diego Xelmírez de volta do pío latrocinio que levou a cabo en Braga. Todo isto reafirma a frase de Richard Ford (1845) segundo a que os camiños da España medieval foron obra do clero.

Segundo González Muñoz (1979), durante a Idade Media a comunicación de Vigo co interior realizábase por medio de dous roteiros. Un era o camiño real que a unía co Porriño, e de alí bifurcábase en dous ramais, un en dirección a Ponteareas e Salvaterra, e outro con destino a Tui. “El segundo iba a Bayona, castillo de Goyán y la Guardia y en el se atravesaba el puente de Sárdoma”, afirma en referencia á Ponte de Balaídos ou Fragoso.

Efectivamente, na Carta Xeométrica de 1834 o xeógrafo e matemático Domingo Fontán sitúa en Vigo o inicio de dous camiños reais (o do Porriño e o de Redondela) e doutras dúas vías de rango menor: a que conducía a Baiona e A Guarda (que cruzaba a Ponte de Balaídos) e a que se dirixía a Tui a través do Alto de San Colmado. A nosa ponte formaba parte deste último vieiro.

No século XVII o estado material deste viaduto non era bo a causa das enchentes. Así o confirma González Muñoz (op. cit), que consultou unha acta municipal datada no ano 1651 referida ao río Sárdoma na que se afirmaba que “el camino está muy deteriorado y las dos puentes caídas por las avenidas del río”. A situación persiste medio século máis tarde noutro documento, este de 1700, compilado por Fernández Vega (1982), da dar fe de que o Rexemento de Tui concedera un poder ao Marqués de Mos co obxecto de que negociase unha real provisión “para el aderezo de los puentes deshechos por la guerra con Portugal: Puente Ramallosa, Sárdoma y los que hay en los caminos de La Coruña, Lugo, Betanzos, Santiago, Bayona y otros”.

De Vigo a
San Colmado

O río de Sárdoma nunha postal de 1902. / FV

Baixo a nosa ponte, no ano 1924, apareceu o cadáver do cidadán Cándido Grobas, vítima dun roubo violento que lle arrebatou o diñeiro que portaba, así como o reloxo e unha cadea. Un ano despois, en xaneiro de 1925, as chuvias da invernía provocaron o desbordamento do río en San Pedro de Sárdoma que provocou a morte por afogamento da leiteira María Rodríguez “que se dirigía a Vigo llevando un caballo cargado con vasijas de leche” e foi arrastrada polas augas ao intentar cruzar este viaduto. Unha década despois, en 1935, a prensa escrita dá a coñecer a aparición baixo a ponte doutro cadáver, esta vez da muller Concepción Lorenzo; a causa da morte foi unha atresia.

Espinosa Rodríguez (1949) foi o primeiro cronista local en valorar e caracterizar esta ponte medieval. Así o fai cando sinala que Sárdoma “está cruzada por importantes caminos, uno de ellos el que separa los barrios de Raviso y Lameiro, unidos por un puente románico de escasa curvatura, bajo el cual se desliza el río que baja de Cambeses, para unirse más abajo en el barrio de Moledo, con el de Beade, y formar el Lagares”.

No mes e abril do ano 1984 o noso viaduto foi obxecto dun “salvaxe atentado” en palabras do FARO DE VIGO, que daba conta do cementado sen autorización do seu firme a cargo dun contratista de obras que residía nas proximidades. A Comisión de Defensa do Patrimonio e o Padroado do Museo de Castrelos informaron ao alcalde Manoel Soto das obras executadas, quen decretou o levantamento da capa de cemento e a devolución da ponte ao seu estado orixinal.

Rasante alombada

Carballo Arceo, Luaces Anca e Toscano Novella (1998) describen o histórico viaduto de Sárdoma como unha “ponte alombada de 11 m de lonxitude e 2,5 m de ancho (...) realizada en perpiaños de granito e composta por dous arcos de medio punto de algo máis de 2 m de luz. Na súa cara sueste conserva, entre os arcos, un tallamar triangular duns 60 cm de lado. A disposición da ponte con respecto ó curso do río demostra que o curso deste foi modificado por recheos efectuados por unha fábrica na zona sueste da ponte”.

O estado de conservación do contorno da Ponte da Abeleira é deficiente (muros esborrallados nas ribeiras do río, tubaxes de cemento á vista, plásticos arrastrados polo caudal) e ben merecería un plan integral de recuperación e conservación que poña en valor un dos principais monumentos da memoria fluvial olívica. “Verba estirpe, marmaña, Sárdoma na Terra”, en palabras de Méndez Ferrín.

Suscríbete para seguir leyendo