Relato e arquivo

Berta Cáccamo no Museo de Pontevedra

Sen título (1990).

Sen título (1990). / Carlos L. Bernárdez

A revisión da obra de Berta Cáccamo (Vigo, 1963-2018) que nos ofrece o Museo de Pontevedra até o 9 de xuño ten orixe nun meditado traballo do comisario Juan de Nieves sobre a conxunto do labor da pintora e en especial sobre a importancia do arquivo da artista e a relación deste coa obra sobre papel e a pintura. O resultado é un proxecto, baseado nos fondos do Legado Berta Cáccamo, enormemente atractivo e rigoroso, con cadernos, correspondencia, obxectos, fotografías, documentos, pinturas e obras sobre papel que postos en suxestivo e intelixente diálogo esencializan aspectos centrais da proposta artística de Berta Cáccamo e permiten observar, desde as reflexións da artista, as elocuentes variacións entre o seu mundo formal desde mediados dos anos oitenta.

A mostra, de arredor de 40 pinturas e máis de 30 papeis, pon estas obras en relación con 15 vitrinas en que se dispón o material de arquivo, unha posta en común que conforma dúas perspectivas de achegamento ao labor da artista nitidamente complementarias. O resultado é un percorrido narrativo e ao mesmo tempo visual, con frecuentes resonancias inesperadas e sempre estimulantes suxestións. Neste sentido a serie de papeis, cadernos e documentos escolmados serven para elaborar un xogo de correspondencias documental creado a partir de materiais, destacando os apuntamentos e reflexións de carácter estético e procesual.

Relato e
arquivo

Escolma de cadernos de Berta Cáccamo, na exposición en Pontevedra. / FV

Globalmente, o que exposición consegue ofrecer ao espectador é sobre todo suxestións; o conxunto tan variados de obras e documentos poden e deben ser captados e postos en común desde unha rede de ligazóns que no exclúe o emotivo. Cómpre lembrarmos que o labor de Berta Cáccamo partía dunha forma de esencialidade que tiña orixe nunha actitude fondamente reflexiva e ao mesmo tempo nunha aparente simplicidade xestual, feito que permite que agrome a súa potencial poeticidade, baseada no ritmo da mancha e nas texturas.

A obra da nosa pintora, xa desde finais dos oitenta, chega ao punto de establecer un auténtico alfabeto plástico, baseado en correspondencias e contrastes entre formas e cores, mais sen ningunha rixidez, con tendencia cara a unha expansión modulada. Neste sentido podemos falar de formas conmovedoras e expresivas, que deixan o trazo do visíbel no pincel e que segundo a maneira como aplica a cor poden acelerar ou amolentar unha forma.

Diante do seu traballo sempre temos a sensación de que a pesar, ou mellor dito, por seren abstractas, estamos perante “entidades significantes” –termo que nalgunha ocasión foi utilizado por Juan de Nieves para falar da artista–. Certo que en boa parte da arte moderna este feito é evidente, co peso conceptual, mais na obra da pintora este aspecto maniféstase con maior énfase xa que as súas son, fundamentalmente, obras froito dunha previa reflexión que transportan toda a construción mental cara a pintura, un aspecto que esta exposición nucleada pola idea de arquivo reafirma con precisión.

Relato e
arquivo

Porta estreita (1990) / B.C.

Este aspecto xa se percibe no seu traballo dos oitenta –destacado nesta mostra– cando, sen sentirse allea ao ambiente e influxo expresionista do momento, opta por unha actitude e por uns procesos máis reflexivos, por se situar nese referente significante ao que fixemos referencia. Mais esta actitude vai dar un froito creativo desde finais da década co debuxo como alicerce e apoiada nun esencialismo que se percibe na simplificación dos cadros reducidos a formas elementais, como se chegase ao convencemento de que a pintura debe utilizar a súa linguaxe soamente na cantidade precisa para provocar emoción e eliminar o innecesario. Estamos ante unha concreción plástica que, de aplicarmos unha analoxía lingüística, sería como unha frase o máis obxectiva e breve posíbel. O pequeno formato, dominante nas vitrinas da mostra do Museo de Pontevedra, non fai máis que reforzar estas características e sensacións e permite que abroche o esencial.

Variadas tensións

Mais non debemos esquecer que todo este mundo e esta tensión interior que conforma a súa construción plástica non é máis que o tempo feito espazo na superficie destes papeis e cadros. O problema da pintura de Berta Cáccamo consiste, daquela, en procurar un acordo entre variadas tensións, que parten, como a artista afirmaba, da independencia dos diferentes elementos: apuntamentos, debuxos, bosquexos e cadros, que son modulados polo pensamento creativo. Nos traballos dos últimos anos domina a mancha, mantense, non obstante, unha actitude común coa obra anterior, que se concreta na vontade de evitar o espectacular, o excesivo, con preferencia sempre polo rigor, que acaba por configurar unha especie de elementalidade austera. Son espazos abstractos, soamente alterados por breves trazos, variacións a partir de formas simples e puras que suxiren a expresión de emocións humanas básicas, algo ben evidente nos cadernos e libros de artista. Son en definitiva, as súas, obras que suxiren un sentido dramático e que nos debruzan en profundidades psicolóxicas, un auténtico retrato –e relato– sobre moi variados soportes.

Títulos: Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo. Artista: Berta Cáccamo. Comisario: Juan de Nieves. Local: Museo de Pontevedra, Edificio Castelao. Até o 9 de xuño de 2024

Suscríbete para seguir leyendo