Libros recomendados

Crítica literaria

LIBROS - 1

LIBROS - 1

VV.AA.

Para mover o silencio

As bases do noso presente

Lois Alcayde Dans

O ollar humano ten moi difícil, por non dicir imposible, facer unha medida xusta das cousas. O propio termo, “xustiza”, é peza central do debate político. Malia a imposibilidade de consensuar (nin falta que fai) un termo medio diso, temos no noso presente voces que se atreven a facer aquilo que Luís Pimentel recollía nas súas poesías e que recuperou na prosa da nosa época Manuel Rivas, aquilo de “mover o silencio”. Iso conseguiu Serxio María Rodríguez con O pensamento político de Ramón Piñeiro, editado este ano por Galaxia. Trátase dun ensaio breve e conciso que, sen pretender ser un relatorio informático, unha biografía exhaustiva, apela ás bases do pensamento do pensador galego para tecer unha rede de contactos, vivencias e desavinzas do persoeiro coa súa propia traxectoria e a traxectoria dun país, Galicia, que se ben non foi feito polas súas mans si que precisou do seu maxín case áulico para a orientación dunha neófita autonomía renacida do seu antigo Reino, desaparecido e esquecido co paso dos séculos. Rodríguez constrúe, así, un ensaio ameno que nos leva ás bases europeístas do pensador de Láncara e fai algo que supón un dobre exercicio: dunha banda, describe con finezza o sistema político galego que temos, herdeiro aínda en moitas cousas de humores, líquidos e vísceras daquel organismo vivo da política galega dos anos 70 e 80, como ben amosaron no seu día o xa mencionado Rivas e o escritor Nacho Taibo no precursor ensaio Os partidos políticos na Galiza (Edicións do Rueiro, 1977). Doutra banda, o texto achega esta división ideolóxica ao propio substrato do pensamento de Piñeiro, inmerso, no eido do político, na mesma néboa un chisco confusa na que tamén habitaban grande parte daqueles que conformaron aquela plataforma, un chisco idealista, un chisco inconcreta, que foi Realidade Galega, ao xeito de grupo de presión ou lobby cultural naquel país onde os políticos de gafas douradas e traxes de raia diplomática estaban a facer país a golpe de DOG e escavadora en San Caetano. O ensaio, se ben afonda con presteza na dificultade pragmática do pensamento de Piñeiro, transversal e esparexido na intención galeguista dentro de forzas políticas distintas, ten unha vía de continuación futura, aos ollos de quen escribe, no papel de Piñeiro naquela política activa, interesante mais non sempre á luz, como ben recolleu das palabras de Barreiro Rivas o autor Manuel Pérez Rúa no libro Galicia, 1981-2021. Autonomía, Sociedade e Cultura (Galaxia, 2023). Nesa néboa difícil de apreixar habita a incógnita de Piñeiro; un xeito moi propio daquela xeración e perfís, tan galegos, nese sentido do irresistible do tempo e das cousas que se fan, e aparecen, no político como se sempre estiveran aí. É como o devalo das mareas, mais ese xeito de ollar Galicia tivo que ser construído pedra a pedra. A maxia está en que o proceso, como o da marea, semelle un xeito natural de estar no mundo. Aí é onde Rodríguez recolle o noso presente, coñecendo ben as bases.

  • O PENSAMENTO POLÍTICO DE RAMÓN PIÑEIRO (2024)

    Serxio María Rodríguez, Vigo, Galaxia, PVP. 15,58€


Entrar n’A Trasnoite

O poema como campo de xogo

Oriana Méndez

A Trasnoite, de Adrián Maceda, chega a nós a través de Malafera, o selo vigués de poesía dirixido por Branca Trigo e Alfredo Vázquez que insiste en guindarnos libros como caldeiros formais nos que conflúen liñas de escritura en constante desprazamento, en constante busca da lectura activa a través da transgresión encabalgada de calquera norma literaria. A Trasnoite é un claro exemplo deste paradigma no que o texto se vai constituíndo a si mesmo a partir dunha produtividade ou dun “inconsciente formal” liberado que xa rachou hai tempo as fronteiras dos xéneros e da propia literariedade. É tamén, polo tanto, un desafío á lectora, que ten que seguirlle a pista, arquexando as máis das veces, a una escritura rotundamente contemporánea e decidida a ir máis alá. O mesmo título, non o perdamos de vista, implica movemento. No seu interior: referencias que van dende a literatura gótica até o universo popular do cinema adolescente norteamericano. Dito doutro xeito, os Campos Asfódelos da mitoloxía grega mestúranse, sen se atropelar, cun Test detector de vampiros. Para nos explicar esta materia, podemos pensar na literatura ergódica, no ronsel de A casa de follas, de Danielewski, ou nunha sorte de cibertexto no que a poesía se cuestiona en multitude de posibilidades: diálogos, monólogos, fórmulas matemáticas ou linguaxe de comunicación virtual sobre unha forma e un estilo de todo punto experimentais. O poema como campo de xogo porque a participación da lectora determina o desenvolvemento do propio texto, así como acontecía nas novelas de terror “elixe a túa propia aventura” ou mesmo en Rayuela. En A Trasnoite, máis ben, o que se desprega ante nós sería un protovideoxogo, unha aventura gráfica: xa non habería que escoller o nexo a seguir ou páxina á que ir; senón que o esforzo da toma de decisións lectora estaría en detectar a relevancia duns textos sobre outros, as relacións existentes entre e eles e en dar elaborado un mapa dun libro no que cómpre entrar.

  • A TRASNOITE (2024)

    Adrián Maceda, Vigo, Malafera, PVP. 17€


Parodias sinxelas

Con aventuras e ritmo

Xosé Feixó

A Editorial Toxosoutos vén de publicar Caixa B, de Jorge Emilio Bóveda Álvarez (Ourense, 1975), novela detectivesca na que destaca en primeiro lugar unha singular caracterización do protagonista (ademais dun desacostumado, e interesante, limiar a cargo de Diego Ameixeiras): é un apaixonado das grandes biografías, o que queda reflectido na obra, xunto cunha serie de déficits que poderían presentalo como pouco efectivo ou nada idóneo para a profesión: narcoléptico, austero, desleixado…, pero que logo nos sorprende coa súa eficacia, o que certamente nos fai lembrar certos detectives de serie de televisión. O tema é tamén algo que nos lembra unha práctica pasada, ou non tanto, pero moi notable hai uns anos, no bum da construción, cal era o movemento de diñeiro b nese sector. Vicente, o protagonista, aproveita a oportunidade de meter a man na caixa antes da intervención policial, e aproveita tamén para veranear en Sanvento/Sanxenxo, sito en Gallaecia/Galicia. Neste sentido, nomear lugares ou obxectos ficticios con tanta semellanza, non ten moita xustificación, así como tampouco certas liberalidades pouco realistas ou cribles. O noso detective, Pastor Páez, da axencia Vinte, a quen se lle encomenda o caso, segue ao protagonista para dar cos cartos, cun desenvolvemento cheo de parodias sinxelas, e cunha chea de aventuras intrigantes, tanto en canto á sisa dos cartos como á aparición doutras personaxes que lle imprimirán máis ritmo e interese á narración, como a atracción que chega a sentir Vicente pola súa caseira, seguíndose disto, á par, outras historias paralelas á vida da familia do protagonista (a muller e a fila) e á substracción dos billetes dos distintos escondedoiros.

  • A TRASNOITE (2024)

    Jorge Emilio Bóveda, Noia, Toxosoutos, PVP. 17€


Músicas de Luísa

Como unha fermosa melodía

María Navarro

A indiscutible relación de Luísa Villalta coa música leva a María Canosa (Cee, 1978) a escribir un texto que deseña a modo de capítulos baixo as notas musicais. Parte do termo Pentagrama para presentarnos a homenaxeada nas Letras Galegas 2024; onde naceu e viviu, a familia, as inquedanzas de nena. As cinco liñas equidistantes e paralelas iraas enchendo coas notas musicais que remiten a trazos da súa personalidade: a DOzura que exhibía en forma de humanidade, o carácter REservado, a MIlitancia e a aMIzade, a Formación Académica, o firme e SÓlido pensamento, o LAtexo do corazón polas palabras e a importancia da comunicación e o SIlencio, este que ela usaba na música e na escrita e aqueloutro que puxo fin á súa vida. Para rematar, unha alusión á Harmonía, como conxunto de sons agradables que están en sintonía, referencia As palabras ingrávidas, manuscrito no que a poeta estaba a traballar e que veu a luz postumamente. É quizais a delicadeza que deita Canosa no que escribe o que converte o volume nunha fermosa melodía con identidade e significado propio dentro do contorno sonoro particular que constituíu Luísa Villalta, unha persoa comprometida coa literatura, a educación e a Terra. Agora cando se celebra o vixésimo aniversario do seu pasamento e logo de convocar premios que lembran o seu nome e o seu labor como o de Inciativas Normalizadoras das tres universidades galegas ou o de Proxectos pola Igualdade convocado pola Deputación da Coruña, entoa os seus acordes na relación de persoeiros que co foron e co seu legado deixan ás xeracións futuras testemuños dunha época e dunha querenza pola lingua e a cultura que se poñen de manifesto en textos coma este e outros que se han de publicar este 2024.

  • LUÍSA VILLALTA, MELODÍA DE PALABRAS (2024)

    María Canosa (Ils. Laura Romero), Vigo, Xerais, PVP. 12,30€

Suscríbete para seguir leyendo