Inconsistencias vitais

A comedia segundo Jose Prieto

Un momento na representación de Fariña. |  FOTOS: CEDIDAS

Un momento na representación de Fariña. | FOTOS: CEDIDAS / Manuel F. Vieites

Manuel F. Vieites

No campo da literatura dramática é difícil atopar pezas que sigan de forma estrita un determinado patrón xenérico, e tal acontece coas pezas incluídas no volume Cinco pseudocomedias, do que é autor Jose Prieto, e que vén de editar Xerais. Como se advirte na contra cuberta, son cinco textos especiais nos que a comedia, sendo elemento transversal, vaise adobiando cunha tonalidade costumista, absurda ou documental, e nas que se perciben influencias varias, de Federico García Lorca a Jean Genet. Nas cinco hai, sen dúbida, moito máis que comedia, pois malia numerosas escenas divertidas, o conxunto deixa un sabor agre persistente. Das cinco comentamos agora catro, deixando para unha próxima achega a titulada Bernarda, pois sendo todas notables esta última ten un interese especial, polo que se dirá.

Fariña vén sendo unha adaptación dramática do estudo de investigación homónimo que realiza o xornalista Nacho Carretero sobre o narcotráfico en Galicia, e que se publica en 2015, para despois ser traducido ao galego en edición de Xerais. Dada a temática central da peza, é ben difícil cualificala como comedia, ao ser en realidade un drama documental, asentado ora na recollida de feitos documentados ora na ideación libre de outros igualmente veraces, porque houbo un tempo no que nalgunhas vilas do sur de Galicia se podían ver nenos na rúa xogando a ser contrabandistas. A peza mostra en pequenas escenas o proceso de reconversión do contrabando de tabaco en narcotráfico, as razóns de tal transición e os efectos que aquela peste provocou en toda a xeografía galega, sen esquecer tolerancias e disimulos varios ante montes, moreas e mareiras de diñeiro que non só chegaron aos petos dos implicados no delito. Escrita en escenas breves, que se suceden de forma vertixinosa, a peza acerta a recrear a riqueza, complexidade e arestas do conflito, os seus axentes, e as motivacións e desculpas de cada quen, e non esquece formular, por boca dos seus defensores, unha sorte de filosofía do narcotráfico, que se presenta como unha actividade que favoreceu o progreso do país, pois mentres rulaba a “fariña” a economía circular funcionaba a pleno rendemento, e tamén aumentaba o negocio das funerarias.

Bonecas pode entenderse como unha mostra da maneira en que coa imaxinación se poden argallar todo tipo de situacións e mundos, unha ferramenta fundamental na vida cotiá, ou na arte, que as persoas desenvolven na infancia, cando transforman calquera pau en cabalo. Na peza preséntanse os xogos de roles de dúas mozas, Rebeca e Clara, nos que recrean e falan de todo tipo de situacións, como casar, traballar, rifar, festexar, rexoubar, fantasiar, mocear, pelexar ou morrer, e tamén unha certa violencia física e verbal. Todo acontece mentres esperan a chegada de dúas persoas que semellan ser seu pai e súa nai, inda que non estea claro, como tampouco o está a situación de partida, ao non saber con certeza quen son as dúas mozas que xogan. De igual maneira, cabe pensar que algunhas das accións nas que estoura a violencia poden ser reflexo da relación entre o pai e a nai, que parece estar moi deteriorada e con indicios de maltrato. Nesa indeterminación reside un dos valores dunha peza que podería lerse como resposta á pregunta: que fan as fillas no seu cuarto, cando papá e mamá non están na casa?

Tamén hai xogos con roles na peza titulada Culpable, na que unha muller acode ao despacho dun inspector de policía sen outra motivación que a de someterse a un interrogatorio no que tamén participa un tal Vieira, actor en simulacións dramáticas. Entre os tres arman un psicodrama colectivo, divertido, delirante, e por veces moi cáustico, que nos fai lembrar escenas memorables dos Marx Brothers, e co que a muller parece eliminar as pantasmas e culpas que converten a súa vida nunha agonía. A cabeza, como adoita dicirse, non para, e para que pare, nada mellor que cortala. E así, as pezas de Prieto trasladan unha reflexión profunda, aceda e crítica, sobre as inconsistencias das nosas vidas. Un volume moi recomendable, en todos os sentidos.

Inconsistencias
vitais

O dramaturgo Jose Prieto. / FV

Bye, Bye Honey

Con ese título, tan adecuado para unha comedia musical que mestura cantigas coñecidas con outras orixinais, Prieto constrúe unha peza chea de negrume e podremia, que ten moito de drama psicolóxico e mesmo sociolóxico. Esa mirada psicosocial xa abrolla na canción de inicio, titulada “Gris”, na que se repite unha e outra vez un lema, “a miña terra e gris”, en tanto o país que nela se debuxa é especialmente cruento, sobre todo para as mulleres, como sempre adoita acontecer, en todo tempo e lugar. Aquí saberemos da historia de Marta Romero, que comeza a súa vida laboral de camareira nun bar de Miño, onde mostra a súa faceta de cantante, que a leva, enganada, a cantar nun club de alterne, onde ao pouco tempo a obrigarán a exercer a prostitución, iniciándose tamén no mundo da droga. Historias de todos os días, pouco coñecidas, pero máis reais e comúns do que podería parecer. Marta loita por saír dese círculo infernal, mentres moitas outras mulleres abandonan e quedan polo camiño, convertidas nunha morea de carne para o comercio sexual, porque hai quen paga. Unha denuncia brutal da violencia de xénero e da prostitución, cun final que quere ser feliz, ou case.

Suscríbete para seguir leyendo