Do indixenismo ao indianismo

Pensamentos alternativos (e IV)

A revolta  de Tupac Amaru II (1780).

A revolta de Tupac Amaru II (1780).

Alfredo Iglesias Diéguez

Nos anos posteriores á chegada de Colón a América (1492), a fase exploratoria transformouse en fase de conquista, o que implicou o desenvolvemento dunha serie de estratexias que garantisen o control da poboación e a apropiación dos recursos naturais dese “novo mundo”, comezando o que Enrique Dussel denominou o “encubrimento de América”: un proceso de ocultación, negación e exterminio do mundo amerindio.

Un longo proceso de resistencia: A historia dos pobos amerindios ao logo dos últimos 500 anos é unha historia de resistencia: primeiro, fronte aos colonizadores procedentes de Europa, que atoparon nas terras americanas un “novo mundo” que colonizar, como se as terras americanas non estivesen habitadas –todo iso, certo, malia os intentos de Antonio de Montesinos ou de Bartolomé de las Casas para evitar a escravización e a aniquilación dos pobos indíxenas–; despois, fronte aos crioulos, que asumiron o liderado dos procesos de independencia na América Latina e no Caribe, excluíndo todos aqueles colectivos oprimidos polos colonizadores –indios, negros e mestizos, alén de mulleres–, que participaran xunto cos propios crioulos nas loitas pola independencia.

Efectivamente, logo de tres séculos de resistencia, a poboación amerindia foi a protagonista principal das primeiras rebelións contra o poder colonial, como as que dirixiron os quechuas peruanos José Gabriel Condorcanqui (Tupac Amaru) e Micaela Bastidas no ano 1780 e os aymaras bolivianos Julián Apaza Nina (Tupac Katari) e Bartolina Sisa nos anos 1781 e 1782. Do mesmo xeito, a participación dos indíxenas foi fundamental no proceso de independencia mexicano e nas guerras de liberación do sur do continente lideradas polo xeneral San Martín; non obstante, unha vez que se iniciou o proceso de construción dos modernos estados burgueses na América Latina dirixidos polas elites crioulas, o “indio” volveu ser excluído das esferas do poder; unha exclusión que na maioría dos casos se xustificaba con discursos racistas, como os do arxentino Domingo Faustino Sarmiento, quen defendía a aniquilación dos pobos indíxenas na coñecida “conquista do deserto” (1878-1885). Con todo, foi precisamente a participación dos indíxenas nesas guerras e a súa incorporación ao mundo laboral capitalista, o que propiciou o xurdimento do indixenismo na América de comezos do século XX, un tempo no que tamén comezaba a difundirse o panamericanismo defendido por José Martí.

Do indixenismo ao
 indianismo

José Carlos Mariátegui. / FV

Un indixenismo sen indíxenas?:Nas primeiras décadas do século XX, nas que as elites sociais de orixe crioulo-europea vivían de costas á realidade social dos seus propios países, como denunciaba Mariátegui nos seus Sete ensaios de interpretación da realidade peruana (1928), a “cuestión do indio” deu lugar a un debate no que se perfilaron tres posturas, aínda que as tres negaban, dun xeito ou doutro, a realidade indíxena: a primeira, herdeira das teses racistas, defendía o exterminio dos pobos indíxenas; a segunda, liderada por indixenistas como Jaramillo ou Alvarado, postulaba que a única solución á “cuestión india” pasaba pola súa asimilación á cultura europea ou, en palabras de Jaramillo, “a mestizaxe é a única vía de salvación do indio”, unha postura que acabará confluíndo co panamericanismo, que defende a incorporación do indíxena a unha nova cultura nacional integradora e moderna, se ben de orixe europea, unha corrente que xiraría arredor do nacionalismo aprista representado por Haya de la Torre e o seu “indixenismo mestizo”; e, a terceira, iniciada polo marxista peruano José Carlos Mariátegui, que atraeu indixenistas como Urviola, Salazar, Valcárcel ou Quispe, sostiña que o “problema do indio” non era un problema relacionado nin coa identidade cultural ou étnica nin de integración na sociedade mestizo-europea, senón que era un problema de clase, fundamentalmente de acceso á terra.

Non obstante, no momento en que o “indio” percibiu de novo a súa “recolonización” por proxectos alleos e nun tempo en que o proletariado urbano, o campesiñado sen terra e a poboación afrodescendente, comezaban organizarse de xeito autónomo, xurdiu o movemento indianista.

Do indixenismo ao
 indianismo

Dolores Cacuango. / FV

Os dereitos dos pobos indíxenas

O indianismo é un movemento que xorde da experiencia e das loitas organizadas polos propios indíxenas na defensa da súa identidade colectiva, da súa lingua, da súa cultura, da súa relixión e espiritualidade, pero tamén dos seus usos e dos seus costumes tradicionais, da súa forma de relacionarse coa natureza e da súa forma de organizarse comunitariamente, polo que defende un proxecto plurinacional e anticolonial no que os estados recoñezan o dereito dos pobos indíxenas a manter a súa identidade, cultura e institucións no seo dos estados.

O indianismo xurdiu da man de Dolores Cacuango, unha muller quechua que loitou na primeira folga indíxena do ano 1934 e que defendeu que os saberes, as formas de ver o mundo e os valores indíxenas son “alternativas tan humanas como aquelas de quen tenta convencernos de que as súas son as únicas”, polo que é un proxecto válido para o mundo. Esa interpelación a decolonizar o mundo e a construír un mundo con outros valores ‘máis humanos’ é o fundamento da obra de indianistas contemporáneos, como Fausto Reinaga, autor d’ O pensamento indio (1991), ou Felipe Quispe, autor d’ A miña captura (2007), no que expón os mecanismos de raza e de clase que explotan aos pobos indíxenas e sostén que a fin da opresión ten que proceder da súa propia experiencia e cosmovisión.

Suscríbete para seguir leyendo