Libros recomendados da semana

LIBROS - 1

LIBROS - 1

Historia, fantasía e viceversa

Iago Fernández

O primeiro volume desta saga ambientada no s. VIII é, ademais dun tesouro lingüístico, unha gran sorpresa. A abundancia e a natureza dos paratextos (mapa e ilustracións, índice toponímico e onomástico, glosario de voces dialectais…) non son propios da novela histórica senón de Tolkien, ilustrador afeccionado e, coma Costas, lingüista e académico.

O xénero histórico e o da fantasía épica preséntanse como opostos ontolóxicos, pero Historia e Fantasía, segundo lembra a arte de novelar, son interdependentes. Tolkien (ou Sanderson ou Martin), ao sumar materiais documentais ficticios, insiste nos fundamentos dun mundo inventado que se pretende autónomo. Porén, especialmente no caso do inglés, a realidade histórica e material esvara fuxidiamente polos cantos da invención, e velaí as pegadas da Batalla do Somme, a fera moral católica ou as arquitecturas do finlandés agochadas tras da lingua dos elfos. No xénero histórico acontece á inversa. Se os mundos da Fantasía non son propiamente autónomos, xa que posúen un fundamento material e histórico, os da Historia, irremediablemente atacados de Fantasía, tampouco.

Ao sur da liberdade relata a vida do señor hispanomusulmán Muhammad ibn Marwan Al-Galiqí, coñecido como “o galego” por ser orixinario do Noreste da Península. Malia as mañas narrativas e retóricas propias da novela, o tal Muhammad foi tan material como a onomástica e a toponimia dos índices que figuran no libro. O fantástico non se atopa, xa que logo, na marxe de indeterminación que vai dende os datos históricos (Muhammad pisou Badaxoz) ata as elaboracións formais e as suposicións e invencións que impón a recreación da historia novelada (os diálogos, mesmamente). O fantástico, así coma o fundamento material e histórico na fantasía épica, fica por fóra da obra, e Costas, a xulgar polas citas que encabezan o libro, teno presente. Unha das citas é do arqueólogo portugués Cláudio Figueiredo Torres, e di: “o que está dito é sempre, ou quase sempre, mentira”. Outra pertence ao escritor checo Milan Kundera, e di: “para liquidar as nacións o primeiro que se fai é quitarlles a memoria […] logo vai alguén [...] dálles outra cultura e invéntalles outra historia”. Neste caso, o fundamento fantástico da novela é a historiografía oficial, que varre coa memoria dos pobos e obtén a oficialidade por poderes. O relato esquecido ou, quizais, restrinxido da vida de Muhammad ibn Marwan Al-Galiquí propón a recomposición dun imaxinario nacional-galego.

A coherencia da proposta radica en que, para leximitar e deslexitimar discursos historiográficos, Costas recorre á reversibilidade da Fantasía e da Historia propia da novela.

  • Ao sur da liberdade

    Xosé-Henrique Costas, Morgante, Cangas, 2023 / 19 euros

Ciclo da vida, beleza da terra

Xosé Feixó

Factoría K Narrativa publica Deiche ollos e miraches as tebras, de Irene Solá (Malla, Barcelona, 1990), en tradución de María Alonso. Trátase dunha novela de trama e composición complexa, tanto polo número de historias que narra como polo mesmo tipo desas historias e os personaxes -de indefinición ou precisión premeditada- que as desenvolven, así como polas fronteiras vagas e dispersas entre o claro e o confuso, a lembranza e o esquecemento, a realidade e a fantasía.

Como aconteceu co seu anterior e premiado libro, Canto eu a a montaña baila, Irene Solá volve aprofundar no ciclo da vida e na beleza da terra, como escenarios do máis belo e do máis horrible, contándonos a agonía dunha anciá e megullándonos na historia dunha familia, chea de momentos que poderían cualificarse de marabillosos e outros tamén de escuros e turbios, e todo iso ao longo de varias xeracións e varios séculos, combinando violencia e compaixón, instintos bos e malos, con predominio absoluto dos personaxes femininos de Mas Clavell, en Les Guilleries, no nordés de Catalunya, a casa patrucial, que é, para elas, o cento das súas vidas e aventuras, maiores e menores, e xa desde o comezo da saga, que inicia Joana, que pacta co demo para poder casar cun home feito e dereito, orixinando así unha proxenie maldita, e unha descendencia feminina desprezada por seren bruxas, fedellonas e argalleiras, salientado con iso a forte relación entre literatura e territorio en casos coma este.

Como resultado, Solá consegue historias para ser lidas en alta voz e en compaña, a carón do lume, moi inquietantes, non sen certo deixe no corpo de intriga e temor, herdanza da narración oral catalá e do imaxinario popular. Interesante.

  • Deiche ollos e miraches estas tebras

    Irene Solá, Faktoría K, Pontevedra, 2023 / 17 euros

Aprender o pensamento crítico

María Navarro

Ficcionar ter atopado un escrito ten sido un recurso moi substancioso no eido da literatura; en El ingenioso hidalgo don Quijote de la Mancha ou en A esmorga quen dá cos documentos considera que é interesante compartir co lector o achado. Tamén Eila desexa amosar o contido do libro secreto da Filosofía que o seu avó redactou a man e faino a través de sete viaxes nas que xunta ao seu amigo Breixo viaxa a outras épocas da historia da Humanidade onde viven aventuras canda filósofos e filósofas que os achegan á orixe do coñecemento convencidos de que cos consellos de mulleres e homes sabios dos tempos pasados conseguirán mellorar as cousas no presente e no futuro.

Comezan a súa primeira viaxe no tempo de Sócrates onde escoitan que un home baixiño e gordecho falaba para o xentío nunha praza pública e do que entenden o verdadeiro sentido de iluminar aos demais con ideas auténticas. Continúan coas súas visitas dirixidas ao xardín de fantasía con árbores exóticas de follas verdes coma esmeraldas onde atopan a Aristóteles, noutras viaxes dialogan con Hipatía de Exipto, Descartes, Immanuel Kant, Federico Nietzsche para rematar con Simone de Beauvoir e de todos eles van aprehendendo como foi evolucionando o pensamento, de que forma o coñecemento foi dando resposta aos retos da propia vida, cales son os misterios da filosofía ou mesmo teñen a oportunidade de interpretar certos comportamentos que han servir para aplicar na vida cotiá.

Nunha época coma a actual na que filosofar non semella unha tarefa doada, dado o dominio da tecnoloxía sobre a utilidade inmediata, un texto coma este pode favorecer a curiosidade, a reflexión, o pensamento crítico, a autonomía, o respecto, o que o converte nunha boa opción para introducir á cativada no diálogo filosófico.

  • O libro secreto da filosofía

    José Carou (Ils. Sara Valcárcel), Galaxia, Vigo, 2023 / 14,72 euros

Liñas mestras

Oriana Méndez

Tras case unha década desde a publicación do seu último libro dirixido ao lectorado adulto, Tempo de cristal e sombras (Espiral Maior), chega A liña da vida (Chan da Pólvora), o novo poemario de Xosé María Álvarez Cáccamo. Sendo unha das figuras máis recoñecidas da poesía galega contemporánea, é tamén autor de novela, teatro, literatura infantil, ensaio e mesmo de pezas memorialísticas que afondan nas claves históricas dos últimos tempos. Ademais, á súa dilatada traxectoria suma hogano a creación de poemas-obxecto que adoitan ver a luz tanto na rede coma en exposicións presenciais. En fin, a súa produción poética, recoñecida cos Premios da Crítica de Galicia e de España, entre outros, e traducida a distintos idiomas, esixe a aproximación de todo lector amigo do xénero. A liña da vida confirma a posición salientable de Álvarez Cáccamo no mapa poético galego.

O enunciado escollido para o frontispicio deste libro remite a unha recapitulación de experiencias significativas ao longo do transcurso vital, a unha ollada en retrospectiva; porén, os poemas non renuncian á procura dunha beleza lumínica, aínda que afastada do sol de mediodía: “Nas miñas mans actúan/a tinta eléctrica e o cristal de sombra,/o chumbo/das nubes de novembro e o sulfato/da melancolía”. A través dun permanente coidado da lingua, do mantemento dun ritmo que fai discorrer con fluidez as imaxes e as ideas entre os versos, e mediante unha vixiante preocupación estilística, a voz poética n’A liña da vida afonda nunha sorte de existencialismo que fai tremer a respiración de quen le.

O volume rrganízase en tres partes -”Corpo de inverno”, “O tempo que arde” e “Agosto completamente negro”- que se desenvolven con certa autonomía semántica -o corpo, as derrotas, a morte-, mais o fío condutor da soidade intrínseca perante o mundo, ante o paso do tempo e incluso ante un mesmo, sostense de principio a fin e aínda aumenta de intensidade. Non obstante, escintila a estrela: “Eu poño escuma dun desexo colosal na boca”.

  • A liña da vida

    X.Mª Álvarez Cáccamo, Chan da Pólvora, Santiago, 2023 / 15,20 euros

Suscríbete para seguir leyendo