Xornalismo

Xornalismo de noso

100 anos de "El Pueblo Gallego"

Praza de "El Pueblo Gallego", onde se ubicou o xornal.

Praza de "El Pueblo Gallego", onde se ubicou o xornal.

Desque Juan Compañel instalou en 1856 a imprenta na rúa Real, sob protección dos Chao de intachable posición republicana, Vigo foise converter na capitalidade do Rexurdimento literario. Alén dos libros -sendo Cantares gallegos (1863) de Rosalía un estralo luminoso na noite literaria-, velaí a emerxencia da prensa comprometida no eixo nacional e social con vontade de perdurabilidade. Os xornais dos 40, redactados por provincialistas militantes da Revolución de 1846 (Faraldo, o primeiro e o mellor), defínense por unha traxectoria efémera mais de forte calado ideolóxico. Compañel e mais os Chao recuperaron ese contido pero artellando un proxecto sólido, con viabilidade económica e enorme expansión xeográfica, mesmo tras as fronteiras.Logo do aninovo do 56 aparecerá "La Oliva" na realísima rúa. Mais foi perseguida, multada, censurada e prohibida polo Goberno conservador; de aí que no 57 mudase o nome por "El Miño". Compañel, Chao e Murguía de Castro rebélanse contra a ruda adversidade; non se achican nin aceptan a desesperanza como escusa para estomballarse en sofás de casas burguesas (e ben que podían facelo). Esta xente constrúe un discurso político-ideolóxico nutricial do nacionalismo galego. Até 1873 (ano da I República) escriben, imprimen e distribúen un periódico de claro ánimo republicano e marchamo nacional. Son a voz do Rexurdimento.Compañel acepta un cargo político da nova República que o despraza a Ourense. A súa marcha supón a fin do xornal. Mais as máquinas mercaraas Miguel Fernández Dios para de inmediato darlle continuidade sob nome "La Concordia", converténdose no primeiro diario de Galiza. Outra razón que afortala esta tese capitalina de Vigo nas letras galegas.

  • A cidade que alumeou as primeiras letras de Rosalía

    Vigo forma parte indisociable da biografía da poeta, pois na Rúa Real imprimiuse a súa primeira novela e varios poemarios

O periodismo vigués medrou. A prensa obreira toma as factorías, a labrega as congostras. Aparece o "Galicia" de Paz Andrade, a disposición do nacionalismo organizado; ou a prensa deportiva en claro ascenso, cun nacente Celta de Vigo.

Mais será "El Pueblo Gallego" (1924), canda FARO DE VIGO, quen marque este período prebélico. Aquel naceu coa Liga de Defensores de Vigo, que tamén adquire a mencionada La Concordia. Durante anos publican ambos (El Pueblo, matutino; La Concordia, vespertino) até fundírense nun só. En 1927 Manuel Portela Valladares faise propietario e director d´"El Pueblo".

Xornalismo
 de noso

Portada do xornal en abril de 1931. / Arquivo

A liña editorial era cuspidiña á de "La Oliva", coas diferenzas de seren épocas distintas e distantes. Pro a cuestión nacional e mais o progresismo enchoupa as páxinas. Mírense os colaboradores: Castelao, Johán Carballeira, Ánxel Fole, Carlos Maside, Álvaro Cebreiro, os Villar Ponte, Otero Pedrayo, Blanco Torres, Lustres Rivas, Bóveda ou Fernández Mazas.

Esta orientación escúlpeaa Portela, que morrerá exiliado en Francia coñecedor de que "El Pueblo Gallego" era entón un órgano do feixismo español dirixido por Jesús Suevos, pronazi de pura cepa. O legado intelectual escrito nas súas páxinas antes da guerra ardeu. Onde hoxe se sitúa o Colexio de Arquitectos, tras da tasca do Elixio, estivo esta publicación que honra a tradición periodística de Vigo.

José M.ª Castroviejo, irmán da escritora Concha exiliada logo da guerra, dirixiu o xornal durante os anos centrais do franquismo. Malia os íntimos vencellos co feixismo, mesmo denantes da guerra, Castroviejo interesouse pola alma galega abeirado a Cunqueiro. Ambos patrocinaron fábulas, lendas, contos de boa literatura e mellor gastronomía. Del Riego, Seoane ou Paz Andrade, para alén das distancias ideolóxicas, outorgáronlle certo trato e recoñecemento. Xa tras a morte de Franco, os medios dependentes do estado foron desaparecer; é así como, en 1979, chega á fin a vida d´"El Pueblo Gallego".

Nós debemos comprender como a pólvora finiquitou unha tradición periodística encetada en 1856. Vigo erixiuse durante ese tempo na referencia do país como o foi no combate obreiro. Estes son elementos vertebrais da identidade viguesa, da imaxe da cidade e do seu alento. Sobre eles fíxose a urbe, pois Vigo é tanto asfalto e ferro, como tinta e papel. Esa é a imaxe que eu teño da miña cidade, e non outra.

Xornalismo
 de noso

Manuel Portela Valladares (1867-1952). / Arquivo

[object Object]

Cáseque borrado da lembranza, M. Portela Valladares significouse como cofundador da agrarista "Acción Gallega", comandada pola Pantera de Ourense Basilio Álvarez, amigo de seu. Chegou a presidente do Goberno da II República. Exiliado en Francia, detido pola Gestapo, viviu a vitoria dos aliados e afirmouse na crenza republicana e autonomista. Por iso preside o Bloque Repubricán Nazonal Galego (BRNG), con Líster propulsor, e adhire ao Consello de Galiza de Castelao.

Portela fora proposto para ministro sen carteira do Goberno Giral. Un goberno pensado para a toma do poder tras a queda de Franco se os aliados proseguisen a guerra vitoriosa. Os avais de Portela eran sólidos, como os dados por Líster e Castelao. Mais o rianxeiro é informado por Ramón Piñeiro que el fora electo, e non Portela, pra representar Galiza nese executivo. A proposta naceu das forzas do interior. A morea de cartas de Castelao e Prada nese tempo (conservadas pero inéditas por “dios sabe cual razón!”) dános detalles.

En todo caso, a decisión é un capítulo borroso baseado no testemuño de Borobó. Na reunión do Preguntoiro propuxeron a Castelao fronte a Portela. Mais dos alí reunidos: cantos o facían a título persoal e cantos a nivel orgánico? O caso é que Piñeiro levou a París este acordo e tumbou a Portela (visto como refén dos comunistas). Malia o cambio, Líster e Portela apoiaron a Castelao. Irmáns a prol da República e da autodeterminación do pobo galego.

Suscríbete para seguir leyendo