Entre Lourido e Soutolobre

A estela con armas do Penedo dos Mouros

Detalle da conta do colar de variscita.  |  FOTOS: ALBERTE REBOREDA

Detalle da conta do colar de variscita. | FOTOS: ALBERTE REBOREDA / Alberte Reboreda

Alberte Reboreda

O Coto do Castro de Soutolobre, tamén coñecido como Os Castros ou Os Penedos dos Mouros, é unha coñecida aldea fortificada, situada nas parroquias de Soutolobre e Lourido, no concello de Salvaterra de Miño. Emprazado entre os lugares dos Castros e O Eido Vello, foi obxecto de fascinación e estudo, cando menos desde o ano 1981, momento no que foi identificado por Hidalgo Cuñarro e Costas Goberna. Recentemente, baixo a dirección do arqueólogo Francisco Herves, leváronse a cabo diferentes investigacións que viñeron prender máis luces sobre este sitio arqueolóxico.

Xa no ano 1936, o Coto dos Castros fora citado, sen maiores pretensións, por Álvarez Limeses nas páxinas que dedicou a Lourido na súa Geografía General del Reino de Galicia. A outra freguesía que comparte o xacemento é Soutolobre (o Santolobari que se cita nun documento do ano 911), un topónimo composto duplo (o souto latino + o céltico lobre) que, por mor da súa sufixación, remite a unha aldea fortificada prehistórica, tal e como adiantara o profesor Moralejo Álvarez (1977). Segundo este lingüista, continuador dos estudos de D’Arbois de Jubainville e Menéndez Pidal, o sufixo prelatino -obre procede do céltigo briga / brig-, co sentido de “altura fortificada / cidadela de refuxio”.

Así pois, o Penedo dos Mouros é unha aldea fortificada romanizada de planta subtriangular situada a 149 metros de altura que ocupa unha extensión de pouco máis de 4 hectáreas. Aparece defendida por un foxo perimetral que, no sector oeste, foi alterado por unha destacada canle mineira. O castro articúlase a partir dunha croa protagonizada por un domo granítico erosionado ao que suceden en altura un total de tres terrazas, as máis delas orientadas ao oeste.

Os traballos realizados en 2022 permitiron documentar unha serie de elementos inéditos dispersos polo xacemento de Soutolobre: picos mineiros de cuarcita, cabanas, abrigos naturais, minas, gravados rupestres a base de coviñas, así como morteiros e muíños da época galaico-romana vinculados á minaría que os habitantes do castro explotaron na contorna.

Xa neste ano 2023, Herves levou a cabo unha pequena escavación en área de 100 metros cadrados no segundo espazo socalcado do xacemento que permitiu completar a documentación dun complexo gravado rupestre que só era parcialmente coñecido ata agora. Trátase dun grupo de insculturas realizado nun grande bolo granítico fracturado en dous, situado nun lugar estraño: o interior dunha cabana castrexa de planta circular. O arqueólogo, que interpreta estes petróglifos como unha estela da Idade do Bronce, opina que este enorme batólito, de varias toneladas de peso, foi trasladado aquí desde outro lugar, o que parece difícil de enxergar, se exceptuamos a forza da gravidade.

Arredor da cabana de planta circular escavada documentáronse unha ducia de crisois de fundición metalúrxica datados na Idade do Ferro. Malia as numerosas incógnitas que esperta o espazo escavado, Francisco Herves ten claro que a función do bolo granítico insculturado que se protexeu no interior da cabana, ao que lle asigna unha intencionalidade simbólica ou relixiosa. Como queira que en Galicia non se coñecen paralelos idénticos a este de Salvaterra, as hipóteses permanecen abertas.

Un dos achados máis destacables da campaña foi o dunha conta de colar tallada con material verde. “Pensamos que pode ser variscita”, sinala Herves, en referencia a un mineral con afloramentos próximos coñecidos en Punta Corveiro (Sanxenxo) e Bragança (Portugal), moi utilizado na elaboración de obxectos exóticos de adorno persoal durante toda a prehistoria, xa desde o Neolítico.

O Concello de Salvaterra promoveu esta escavación, que foi financiada pola Consellería de Cultura. Os resultados non só son relevantes para a comunidade científica, senón tamén para a veciñanza de Lourido e Soutolobre e para os escolares de Salvaterra de Miño, que tiveron a oportunidade de visitar o xacemento e aprender sobre a súa historia de primeira man.

Entre Lourido e
Soutolobre

Vista xeral da cabana de planta circular. / A.Reboreda

Puñal, peixe e anzol

Sen dúbida o descubrimento máis notable desta campaña é o que o director da escavación identifica coma unha estela ou pedra gravada situada nun misterioso batólito fracturado que ocupa a totalidade do interior dunha cabana petrificada de 3,40 m de diámetro. No panel principal deste grande bolo granítico, que ata agora permanecía parcialmente enterrado, podemos ver sen dificultade un puñal de lingüetas de forma triangular definido por unha liña de puntos ben visibles. A empuñadura desta arma curta, que se mostra en posición pasiva, toma corpo por medio de dous sucos paralelos incompletos.

Peña Santos e Rey García (1993) atribúenlles aos puñais e alabardas representados nos petróglifos galaicos unha cronoloxía que vai da segunda metade do III milenio ata os inicios do II milenio a.C. A tipoloxía do puñal de Soutolobre recorda claramente á representada na Pedra das Procesións (Gondomar) ou no petróglifo do Ramallal (Campo Lameiro), aínda que cunha técnica de gravado diferente.

A posible estela do castro do Penedo dos Mouros, única no noroeste da Península Ibérica ata o momento, inclúe tamén, a xuízo do escavador, unha figura humana con dúas cabezas dotada cun báculo de autoridade e vestimenta militar, así como unha posible alabarda e incluso outros motivos infrecuentes no mesmo panel que poderían representar un escudo, un peixe e un anzol.

Suscríbete para seguir leyendo