Entrevista | ALFREDO CONDE Escritor

“Galicia é unha nación cultural, pero non política”

Co volume 'A propósito de la política', Alfredo Conde pecha a triloxía de "memorias selectivas" que iniciou con 'En canto a Fraga' e proseguíu con 'A conto do literario', todos eles publicados en Ézaro.

Alfredo Conde, en Pontevedra.

Alfredo Conde, en Pontevedra. / FOTO: RAFA VÁZQUEZ

–Estráñame un pouco que esta triloxía comezase co libro dedicado a Fraga Iribarne…

–Iso ten a súa historia. Resultou que unha editorial, na que eu estaba, me pedira que escribise unha biografía sobre unha persoa á que eu quixen e respectei e respecto moito. Pero como non me apetecía, porque tocaba moito os meus sentimientos de aprecio a dita persoa, propuxen a Fraga, xa que me parecía de maior rendemento e non atinguía os meus sentimientos nin a miña obxectividade. A contraproposta non foi aceptada, pero xa comezara a escribir En canto a Fraga e, mentres escribía, decateime que despois podería escribir un libro sobre o político, outro sobre o literario e un máis sobre o familiar, aínda que me parece que este último o vou deixar.

–Ten Vde. a sensación de que a súa actividade política afectou negativamente a súa traxectoria literaria, ata o punto de silenciar os moitos méritos do seu labor nese terreo?

Non exactamente. Eu sobrevivín como escritor grazas aos tradutores. O primeiro libro meu que se traduciu foi Xa vai o Griffon no vento, e aconteceu que foi nomeada como a mellor novela estranxeira daquel ano en Italia. A conta diso, comenzaron a aparecer traducións a outros idiomas e, xa digo, iso foi o que me permitiu sobrevivir pola repercusión que tiveron os meus libros fóra mentres en Galicia eran deliberadamente ignorados, silenciados. Pero eu non me queixo en absoluto. Aínda que xa me gustaría ter aquí a metade do éxito literario que tiven fóra!

–Silenciados, por que?

Será porque eu son como son.

–No seu libro cita o colectivo Realidade Galega, do que Vde. estivo moi perto. O certo é que RG non foi, precisamente, ben tratada, nin no seu día nin na Historia. Que fallo se cometeu en Realidade Galega que, aparentemente, o que pretendía, e de forma lexítima, era que o galeguismo se integrase na política da Transición en Galicia?

Eu estiven perto de Realidade Galega, pero non dentro dela. Nunca me convocaron para iso. Está claro que o seu obxectivo era moi lexítimo e, dende logo, non era motivo para que certas organizacións políticas puxeran “a parir”, dito en román paladino, os seus membros. Quizais a RG ocorreulle que tiveron unha visión das cousas, digamos que, anticipada, e desde que faltou Ramón Piñeiro e o piñeirismo foi integrado en mans de xente que fora antipiñeirista e antigaleguista, que nos puña a caldo e nos chamaba de todo, menos bonitos, pois todo cambiou.

–Cal é o peor recordo e cal o mellor que garda das súas tres lexislaturas como parlamentario autonómico?

O peor de todos foi cando fun a Cuba, sendo conselleiro, cumprindo un compromiso suscrito pola Xunta anterior, a que presidía Albor. Foi cando lle fixen a entrevista a Fidel Castro.Pero despois de todo iso, fun con Fraga a Cuba, co coñecemento e aplauso de Alfonso Guerra, e a conveniencia de que o éxito que ía ter a viaxe de Fraga fose compartido co PSOE porque estaba eu alí, porque aínda que eu era unha persoa próxima, nunca militei no Partido Socialista. E resultou que, cando regresamos, El País titulou, a catro columnas, a famosa frase “¿Qué hace un intelectual de maletero de Fraga?”, posta en boca de Alfonso. Iso doeume de verdade, ata onde poidas imaxinar. Chamei a Guerra e deume a súa palabra de honra de que el non dixera iso; pero cando lle pedín que o desmentira, non o fixo.

–E o mellor?

Deses teño moitos. Na vida política, eu son un home privilexiado. En primeiro lugar, porque fun da pouca xente que viu nacer un Parlamento sendo partidario do parlamentarismo, crendo no poder da palabra, da negociación, do pacto… Iso para min foi algo afortunado. E outro momento moi importante foi cando, sen eu agardalo, me vin convidado a formar parte da Xunta como conselleiro de Cutltura.

–No seu libro afirma que así como Alfonso Guerra apoiou a González Laxe, Felipe González non. Que razóns podería haber para este feito? Ou acaso as razóns hai que atopalas na rivalidade que, xa daquela, existía entre González e Guerra?

A Felipe, isto de Galicia soáballe a “tribo”. Así como con Cataluña, Euskadi e Andalucía tiña unhas compracencias ben visibles, do que pasaba en Galicia, el sempre se considerou alleo. Pero non creo que fose por rivalidade con Guerra. Eu tratei moi pouco a González, pero dáme a impresión de que para el, o de Galicia era un “mal necesario”; canto a Guerra, do que era partidario era de que Galicia non tivera a mesma repercusión estataria que Cataluña e Euskadi.

-–Hai quen opina que, hoxe en día, xa non están moi claras as diferenzas entre a xente que se declara,ou vota, as dereitas e a que se declara e vota as esquerdas. É o seu caso ou Vde. segue declarándose como un home de esquerdas?

A min no me gustan as autodefinicións, senón o que se fai, o que se leva feito. Eu, por exemplo, que fun acusado de traidor á lingua galega, resulta que debín escribir uns 30 mil artigos e publicado uns 50 libros en galego, o cal me dá a impresión de que teño escrito en galego máis que ninguén. E, con todo, fun excluído do sistema literario galego despois de gañar o Premio Nadal. Que se son de esquerdas, pregúntasme? Mira, o que non son é nacionalista, prefiro ser galeguista; eu creo que Galicia é unha nación cultural, pero non política.

–Insisto: de dereitas ou de esquedas?

Que sexan outros os que me xulguen polas miñas obras e por todo canto levo feito. E, efectivamente, hoxe as diferenzas son menos, por iso creo que os termos máis axeitados a considerar estriban na consideración de se es partidario da democracia, e se es solidario cunha concepción dunha cultura como a nosa, que está en deterioro constante, a pesar de que nunca na historia tivemos tantos resortes e ferramentas como temos agora para que o galego perviva esas mil primaveras máis que dicía Cunqueiro.

–Este libro ábrese coa letra da canción “Milonga del moro judío”, de Jorge Drexler. É realmente así como se sinte?

–Si. Se a puxen aí, é por algo.

–De todas as decisións que tomou na súa vida política, arrepíntese dalgunha?

Si, claro. De varias.

–Por exemplo?

Na primeira votación para o presidente galego da Xunta, todos os galeguistas acordaron votar que si, menos eu, porque me parecía que cunha abstención valería. Daquela era mozo e bastante sectario, pero recoñezo que me trabuquei.

Suscríbete para seguir leyendo