Cando América chegou a Europa

Elites indíxenas e conquista castelá

Perspectiva de Sevilla no século XVI.

Perspectiva de Sevilla no século XVI. / JoaquimVentura

Avel·lí Artís Gener, “Tísner”, exiliouse en México en 1939 e alí estivo ata 1965. En 1968 publicou Paraules d’Opóton el Vell, unha narración irónica –suposta tradución dun texto náhuatl– sobre a chegada dun grupo de aztecas á península Ibérica. Unha distopía que, con retranca, describe os costumes españois pero, asemade, presenta o interese destes viaxeiros pola lingua, as palabras e mais os topónimos de “Astlan”: é dicir, Galicia.

Tísner non ía desencamiñado, no fondo. Os americanos non sabían navegar e nunca fixeron expedicións por mar. Mais se repasamos documentación monacal do século XVI en adiante, é doado atopar que nas declaracións de “limpeza de sangue” dos candidatos a ingresaren en mosteiros, que esixían non ter antecedentes de xudeus nin de mouros, comezouse a engadir non telos de indíxenas do Novo Mundo. E podería parecer unha prevención retórica (ademais de racista) pero, en realidade, non era tal. O historiador andaluz Esteban Mira Caballos, especialista na historia da América hispana, vén de publicar El descubrimiento de Europa. Indígenas y mestizos en el Viejo Mundo (Crítica). Con moita profusión de datos, froito de estudar os fondos do Arquivo de Indias de Sevilla, dá luz á presenza de persoas procedentes de América que se instalaron –voluntariamente as menos, forzadas a maioría– en terras españolas, nomeadamente Andalucía, Estremadura e Castela.

Cando América chegou aEuropa

Inca Garcilaso de la Vega (1539-1616) / FdV

Segundo o mandato de Isabel de Castela, que seguía a doutrina dos relixiosos humanistas (especialmente os franciscanos), os habitantes das novas terras eran súbditos da Coroa e, en consecuencia, persoas libres. Porén, os conquistadores (tamén os portugueses), que emprenderon a aventura transatlántica pola cobiza, raramente tiveron en conta o mandato real e trouxeron á península Ibérica persoas americanas en calidade de escravos, para poderen vendelos nos mercados da Andalucía occidental e Estremadura. O historiador andaluz consigna 2.500 persoas que padeceron tal situación, unha lista aproximada. No caso dos escravos procedentes de África (comezando polas Canarias cando foron ocupadas), o seu comercio estaba permitido e pagaba impostos e, polo tanto, quedaba rexistrado.

Mais ás dificultades que a travesía oceánica supoñía, engadíanse as enfermidades ás que os chegados de América quedaban expostos en Europa. Iso sen contarmos o choque cultural entre as sociedades mesoamericanas e andinas, cun forte sentido comunitario, e mais Castela, dentro xa dun capitalismo incipiente e cunha profunda aspiración á propiedade privada.

A condición subordinada dos chegados de alén o océano non impediu que defendesen os dereitos que a Coroa lles outorgaba en preitos presentados no Consello de Indias. Incluso, do mesmo xeito que había un procurador de pobres para asistir a quen non tiña medios económicos, estableceuse un procurador de indíxenas para aqueles de orixe americana. Os preitos eran presentados tamén por mulleres americanas que casaran cun súbdito español.

Perante as leis (incluso da Igrexa) que limitaban ou prohibían a escravitude, os comerciantes inventaban mil e unha trampas, sendo a máis habitual faceren pasar por brasileiros escravos das colonias españolas e da Indias Orientais. E de xeito semellante, cando Sevilla e Lisboa viron limitado tal comercio, Zafra pasou a ser o maior mercado para vender escravos americanos.

Naturalmente, e a diferenza das sociedades euroasiáticas –que tiñan un nivel técnico e cultural semellante entre elas– en América había unha gran desemellanza entre as culturas mesoamericanas e andinas –equiparables ás europeas–e aqueloutras das súas periferias que naquela altura estaban aínda nun nivel tribal da Idade de Pedra. As máis evoluídas formaran unhas elites nobiliarias que, malia a conquista, conservaron un poder que exercían como mediadores clientelares entre o pobo e as autoridades españolas. Unha estrutura que foi confirmada polos reis Habsburgo e Anjou, sempre coa autoridade superior española. Unha situación que se mantivo ata que a aparición dunha clase media indíxena levou aos movementos de emancipación.

Suscríbete para seguir leyendo