Efecto flow

Fascinación polas alturas

O funambulista francés Philippe Petit camiñando entre as Torres Xemelgas (Nova York, agosto de 1974).

O funambulista francés Philippe Petit camiñando entre as Torres Xemelgas (Nova York, agosto de 1974). / Marcela Santorun

O funambulista francés Nathan Paulin camiñou este verán polo ceo da praza de Catalunya a 68 metros de altura, no Festival Grec. Paulin comezou a súa práctica paseando por riba dos piñeiros, e di que a experiencia foi unha especie de meditación que o atrapou. Os funanbulistas foron ao longo de séculos unha atracción que proporcionaba unha boa dose de adrenalina aos espectadores. Pero isto de camiñar pola corda frouxa nas cidades deu inicio o 7 de agosto de 1974, día no que, antes de ser detido, Philippe Petit disfrutou do pracer que lle proporcionaba a súa afección polas alturas, cando cruzou varias veces os 42 metros que separaban as Torres Xemelgas a máis de 400 metros de altura. Estas andainas vertixinosas sobre un estreito fío non son unha atracción moderna, danzar sobre unha corda por riba do abismo era unha práctica hipnótica apreciada polos espectadores xa na antigüidade.

Sempre hai privilexios na observación dende as alturas. Dende ese lugar, onde parece que ninguén albiscou a vida nin habitou o baleiro, medita O camiñante sobre o mar de nubes de Caspar David Friedrich. Pode que o protagonista desta obra do romanticismo fantasee coa idea de lanzarse entre as nubes, etéreo, emulando o voar maxestoso dunha aguia. Resulta fácil imaxinalo entregado aos estados emocionais que produce a percepción do infinito, síntese nu e ínfimo fronte á natureza, confrontada coas tempestades da consciencia humana. É posibel que se concentre na inquedanza que promociona a adrenalina ante a posibilidade de tirarse, ese efecto que confundimos cun desexo de morte pero este fenómeno das alturas é produto dunha reacción biolóxica de alerta, unha anticipación ante o perigo. A propia experiencia do personaxe, de costas ao observador, constitúe unha declaración de intensións que nos ubica fronte ao abismo onde a natureza se integra nunha poética da obsevación para a mente.

Pero hai alturas para todos os gustos, non só materiais senón sensibeis. Un espazo elevado pode proporcionalo a forma do territorio, unha construción, ou unha onda no oceáno. Pero tamén hai alturas simbólicas, intelectuais ou sociais que participan de todos os fenómenos que proporcionan as físicas; é dicir, tamén son adrenalínicas, pracenteiras e mortais. Aínda que a altura mude de contexto, sempre achega unha condición para confrontar coa nosa natureza; será por iso que di un proverbio chinés que sobes ancián para baixar novo. Propón unha forma de relacionarse co entorno, mesmo cando so é metáfora, como no caso do abismo no relato na literatura ou no cine, no que se coloca o espectador nunha perspectiva singular sobre a realidade, aportando un marco para observar a totalidade. Unha altura narrativa na que se sobe o observador para proxectar a súa ollada e deixalo pendurar do abismo dunha situación dramática.

A forma de mirar dende a altura converte todo nunha paisaxe máis comprensíbel. Mais non hai unha única perspectiva para observar esta atracción porque tanto se poden dar cita a necesidade de arribar a un espazo de autoconsciencia como unha evasión de nós mesmos ou de todo. Existe aquí unha experiencia dos sentidos e das emcións que é completa, a vida e a morte nun intre. Será por iso que a fascinación por conquistar as alturas é histórica, e atravesa escenarios de todo tipo de poder relixioso, político ou persoal. Dende a Torre de Babel, os faros, as catedrais góticas, as torres nos burgos, os rañaceos, as cordas ou as montañas, flotar no espazo e adentrarnos no baleiro para habitalo, é unha constante aínda que signifique perder a vida.

Hoxe hai propostas moi perigosas para proporcionar emocións intensas nas alturas. Pode que estas experiencias estean máis preto das situacións que potencian a estimulación química que espiritual. Talvez sexa por esta afección farmacolóxica que temos e xa somos tolerantes ás doses máis modestas. As situacións de risco liberan no corpo hormonas e neurotransmisores que xogan un papel importante para as modernas disciplinas do rooftopping. Algúns din que estas experiencias nas alturas os axudan a superar os medos e explorar os seus límites ou alcanzar novas metas. Os psicólogos falan do efecto flow, facendo referencia a un estado de consciencia pracenteriro que nos dirixe a unha actividade consumatoria ou pode que simplemente escalamos porque para poder ver o val, controlalo e conquistalo hai que subir a unha altura.

Suscríbete para seguir leyendo