Arte

Arquitectura e paisaxe

A propósito da obra de Manuel Gallego Jorreto

Casa do pintor Cruz na Illa de Arousa.

Casa do pintor Cruz na Illa de Arousa. / Carlos L. Bernárdez

A relación entre a arquitectura e a paisaxe é o tema dunha suxestiva publicación do arquitecto Luis Gil Pita, un traballo dedicado á obra de Manuel Gallego Jorreto (La vegetación entreverada. Tres casas de Manuel Gallego en la mirada de Juan Rivas, Santiago de Compostela, 2021). Como o propio título indica, no ensaio conflúen a obra arquitectónica e mais o ollar pictórico dun orixinal paisaxista como é o pintor Juan Rivas.

O resultado, textual e visual, afonda na idea de a arquitectura de Manuel Gallego Jorreto obedece máis ben ao principio de entrelazamento e non de oposición entre o elemento construído e o medio natural.Entón, tendo en conta esta perspectiva, faise evidente a percepción de que Gallego Jorreto constrúe discursos arquitectónicos, e tamén visuais, intensamente reflexivos e entende a actividade creativa ligada a unha forte dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e histórica e o seu contacto co contexto natural e cultural, incidindo na maneira en como as formas mudan ao seren modificadas en contacto co medio. Para ese propósito o arquitecto segue estratexias de produción que son froito dunha atenta análise do espazo natural entendendo a construción como unha serie prácticas que posibilitan pór en cuestión os diferentes ámbitos de ligazón co espazo concreto, apostando pola análise do impacto de contextos específicos. Na obra de Gallego a expresión do efecto da problemática construtiva é froito dunha actitude reflexiva na cal o importante é patentizar a vontade analítica, diseccionando os mecanismos de actúan en todo o proceso e que teñen como finalidade un determinado ámbito construtivo. Este proceso faise inserindo diferentes xogos de relacións alterados con capacidade analítica e sentido crítico.

Arquitectura e paisaxe

Abaixo: casa familiar de Manuel Gallego (cadros de Juan Rivas). / Carlos L. Bernárdez

O traballo de Gallego parte, pois, no esencial, dunha dialéctica entre o espazo, obxecto e a ligazón co medio natural, un aspecto que suxire o texto de Luis Gil Pita, complementándose cunha importancia relevante dada á planificación e ao aspecto procesual da obra, ben explicado polo autor do ensaio, con ese fluxo entre o interior -en que está en cuestión a mensaxe e a compoñente emocional- e exterior -en que se subliña o que está exposto ao contacto co medio natural-.

O resultado tamén ten unha forte carga esteticista, lembremos que desde Plinio temos testemuño da singular atracción que a contemplación da natureza provoca nos seres humanos, esa especial sedución que a contemplación instaura como algo que nos lembra e transporta a ámbitos abisais da nosa condición. Unha concepción que foi elevada no século XVIII, coa estética do sublime, a elemento conformador da contemplación e da elaboración artística. Neste sentido é moi salientábel a alusión que fai o autor do ensaio á ruína e ao proxecto de John Soane do Banco de Inglaterra (1792-1823), coa referencia ao futuro esboroamento do edificio, ligando os traballos actuais a unha tradición estética vinculada á contemplación da ruína.

O natural e o construtivo

Por último, o volume complétase coa reprodución de diferentes cadros de Juan Rivas que ofrece a súa percepción paisaxística de tres vivendas unifamiliares de Gallego Jorreto, na Illa de Arousa, Corrubedo e Veigue.

Son obras creadas desde unha captación da ligazón do natural e o construtivo e que conforman uns ambientes que responden ao entrelazamento entre arquitectura e vexetación que hai que entender non só como espazos captados para facer deles un campo de intervención artística, senón como constituíntes dun territorio de reflexión, un lugar onde a observación do mundo, a memoria e o pensamento se unen, presentándonos un mundo pensado e experimentado a través do ollo do artista e espellado de xeito múltiple sobre si propio.

O traballo que presenta Juan Rivas posúe, alén diso, esa capacidade de comunicación que transcende a pintura como técnica, e que é utilizada polo pintor para pescudar sobre a relación entre os límites da propia obra, a do arquitecto e a natureza, captando espazos liminares e indecisos.

Neste proceso, Juan Rivas reforza a relación singular co elemento externo captado, tan característica do conxunto da súa produción, para xogar, neste sentido, coa sutileza da limitada paleta, que ten un papel fundamental e consegue reforzar as cualidades envolventes das obras. Estamos, pois, perante unha nítida vontade de construír unha ligazón específica co lenzo desde o ollar, mergullado na reflexión sobre capacidade da pintura como medio de representación.

Hai, polo tanto, en todo o traballo, unha sensación de austeridade evocativa, que se consegue por medio dunha aposta completa e moi meditada pola técnica pictórica, o que axuda tamén a modular as sensacións e a crear complementarias e desemellantes percepcións. Igual importancia adquiren os diálogos que crea coa arquitectura que acaban por constituír unha especie de comunicación cifrada que non remite á escrita, senón máis ben serve de estímulo ao ollar, a unha contemplación aberta a diferentes lecturas e suxestións.

Suscríbete para seguir leyendo