Arredor de Detrás do Sol

O maxisterio de Eugenio Granell en Porto Rico

Vista parcial da mostra de Eugenio Granell

Vista parcial da mostra de Eugenio Granell / C. L. B.

A traxectoria de Eugenio Granell entre 1950 e 1959 é o tema de Detrás do Sol: Granell en Porto Rico, unha exposición que se poderá visitar ao longo de todo o verán na sede compostelá da Fundación Granell. A mostra é resultado dunha investigación en que se analiza a traxectoria de Eugenio Granell como catedrático na Universidade de Porto Rico, Recinto de Río Piedras, entre 1950 e 1959. Alén diso, presenta a maneira en que o artista galego iniciou unha nova escola de arte moderna na illa caribeña e como neste contexto os artistas portorriqueños foron quen de experimentaren co surrealismo e con diferentes tendencias vangardistas desde linguaxes variadas.

Eugenio Granell conseguíu desde a súa chegada a Porto Rico atraer cara o surrealismo a moitos artistas locais como Hilton Cummings, Virginia Vidich ou Robert Alberty (El Boquio). Segundo o comisario José Correa Vigier, a escola iniciada por Granell ampliou a narrativa plástica e o pensamento crítico dos artistas da illa en contraste coa estética conservadora dominante no Porto Rico daquela altura.

  • Detrás do sol

    Eugenio Granell
    Fundación Eugenio Granell

    o De martes a viernes de 11-14 e de 16-20
    Sábados de 10:30 a 14:30

Arredor de Detrás do Sol

Sen título / Luis Maisonet, 1953

Con todo e con iso, o que máis destaca na mostra desde a perspectiva dos traballos expostos é a pintura de Granell, con algunha das obras cimeiras da súa produción como El vuelo diurno del Pájaro Pí e El vuelo nocturno del Pájaro Pí, ambas de 1952, onde podemos percibir unhas formas debedoras do cubismo, sintetizadas con outras influencias vangardistas e tratadas cun cromatismo contrastado e brillante e unha planimetría espacial poboada de seres e obxectos, que delata a influencia do ambiente tropical. Son obras pertencentes a unha serie, dedicada ao “Paxaro Pi”, unha formulación poética e mítica do artista. Estamos perante un modelo de creación elaborado a partir do mecanismo surreal dos misterios que provocan estrañas confluencias, nun mundo primixenio de forte carga poética. Neste tipo de traballos, o proceso de fixar imaxes do subconsciente consegue unha atractiva síntese do pictórico e o poético e crea auténticas metáforas plásticas, con ese paxaro de ecos totémicos inserido nun universo primordial e edénico, unha floresta/xardín que favorece a eclosión de pulsións abisais, onde o Paxaro Pi cumpriría un rol de enlace co noso mundo, transportando a voz dun universo primixenio. Neste sentido o Loplop, o pai superior dos paxaros, presente en moitas obras de Max Ernst non se encontra moi lonxe da creación do artista galego.

Sen título: Luis Maisonet, 1953. Nas imaxes pequenas: vista parcial da mostra (á esquerda); Sen título: Cossette Zeno, 1952. |  FOTOS: C. L. B.

Sen título: Cossette Zeno, 1952 / C. L. B.

No estilo de Granell, como demostra as obras realizadas en Porto Rico, o mito e a metamorfose tórnanse elementos centrais. Fusiona o vexetal e o animal, cun tratamento achegado á abstracción, cun barroquismo moi remarcado, e remite a un mundo telúrico, que se afasta da convención figurativa. A evocación dos títulos, sempre importante para o artista, sitúa estas obras dentro do que a crítica ten denominado “paisaxes máxicas”. Trátase de títulos que estabelecen coas pinturas unha relación analóxica, que nos levan a un ámbito poético, sempre referencia para o artista, nun mundo que, como el mesmo afirmou, sempre o acompañou mais que o trato con grandes figuras do surrealismo como André Breton, Benjamin Péret ou Wifredo Lam fixo “desencadear”.

  • Título: Detrás do Sol: Granell en Porto Rico
  • Artistas: Eugenio Granell e discípulos. Comisario: José Correa Vigier. Local: Fundación Granell, Santiago de Compostela. Até o 10 de setembro.

Suscríbete para seguir leyendo