A vinganza da Tía Rosa

Unha comedia feliz de Suso de Toro

Teatro do Noroeste (con dirección de Eduardo Alonso) nunha representación de Unha rosa é unha rosa (1997). | FOTO: ARQUIVO

Teatro do Noroeste (con dirección de Eduardo Alonso) nunha representación de Unha rosa é unha rosa (1997). | FOTO: ARQUIVO / Manuel F. Vieites

Manuel F. Vieites

Lendo o título desta obra de Suso de Toro, Unha rosa é unha rosa, publicada inicialmente por Xerais en 1997, ano en que se estrea por Teatro do Noroeste, e que agora se reedita, cabería lembrar unha peza musical composta por José María Cano, incluída no álbum Aidalai (1991) de Mecano. A cantiga, pola súa vez, podería ter un referente posible nun verso dun poema de Gertrude Stein, “Sacred Emily”, o que di “Rose is a rose is a rose is a rose”, que logo ela transforma nun aforismo. Mais a idea da frase tal vez proceda dun verso de Shakespeare en Romeo e Xulieta. Tamén habería que lembrar un poema de William Blake, que comeza cun verso célebre, “O Rose thou are sick”. Indo ao refraneiro popular, que ao mellor por aí vai o aforismo de Stein, sabemos que “as cousas son como son”, o que nos leva ao Shakespeare que escribiu Ao voso gusto (As you like it), pois non hai tres sen dúas.

Como o exercicio da crítica implica aventurar interpretacións, e a literatura dá para cismar de máis, o título ao mellor tamén ten algo que ver co feito de que na peza haxa dous personaxes de nome Rosa, e polo tanto temos unha Rosa e unha outra Rosa. Quen sabe. Pero o que parece evidente, despois dun par de lecturas moi entretidas, é que toda a peza asenta na vinganza que planifica a Tía Rosa, e nas causas que provocan tal sede de sangue, o que ten consecuencias nefastas para a súa familia, e tamén para o tenente Colombo, o policía da cidade de Los Angeles que era protagonista nunha serie televisiva homónima, amais de ter un irmán notario cerca de Compostela, segundo se di. A presenza do popular detective, que parecía estar sempre nas verzas, faise visible desde o primeiro momento, cando a Tía Rosa, mira a televisión no seu cuarto, onde emiten un episodio no que o argumento que imos coñecendo polos diálogos que imos lendo (ou escoitando nun teatro), ten certa similitude co que vai acontecendo na casa vella onde ela vive, antiga e rodeada por unha herdade de catrocentos ferrados.

A televisión cumpre unha función fundamental, pois é onde se manifesta a defunta Tía Rosa, a canle que usa para comunicar con Rosa e trasladarlle algúns feitos lutuosos na súa vida, e o papel que xogaron neles Pololo e Adela, seus sobriños. Hai pois claras referencias a películas famosas, como Poltergeist, pero tamén a traxedias como Hamlet, pois a razón de que a Tía Rosa se manifeste, como pantasma chegada do alén, é o seu desexo de vinganza. Pouco a pouco saberemos das circunstancias nas que Pololo e Adela se fan coa herdanza da Tía Rosa, e da vida que os dous gozan trala conversión do eido de catrocentos ferrados nunha urbanización de luxo.

Pero o caso é que a Tía Rosa, ao facer testamento, decidira deixarlle unha terceira parte dos seus bens a esta segunda Rosa, pois a rapaza vén sendo filla dunha irmá de Pololo, Felisa, e polo tanto a Tía Rosa sería tía da defunta e tía-aoa avoa da moza. Despois de pasar parte da súa vida nun hospicio, cando lle chega a maioría de idade, esta decide visitar aos seus únicos parentes, que, de primeiras, a poñen a sevir de criada, momento no que a Tía Rosa volve do alén para endereitar as cousas e tramar unha vinganza deliciosa e feliz, na que colabora, dunha maneira ou doutra, a sobriña-neta.

Como se afirma na contracapa, o texto contén elementos paródicos, unha visión sarcástica e moi aceda dun sector do corpo social ao que moito lle gusta de vivir sen traballar, e sobre todo moito humor, unhas veces negro e outras mordaz. E por riba de todo, destaca o uso da hipérbole para recrear un mundo moi real, no que habitan todas esas persoas que viñeron a este mundo para vivir á conta dos demais. E habelas, hainas.

O grotesco

A obra ten como subtítulo “unha comedia de medo”, mais o texto da contracapa sinala que se trata dunha traxicomedia, co que estamos diante de dúas atribucións xenéricas, que, sen ser contraditorias, describen dous modos literarios un chisco diferentes no plano formal e nos seus contidos. E para botar un pouco máis de leña ao lume do debate literario, imos propoñer unha outra posibilidade que, con todo, se compadece con esa idea de comedia que nos traslada o autor, e renunciamos ao medo porque haberá quen lendo o texto non pare de rir, pois a peza é moi divertida.

Tendo como referencia o modelo das “comedias burlescas” do século de ouro na dramática de expresión castelá, coa súa forte dimensión paródica e o gosto pola versión moi libre de títulos da literatura “culta” (El Hamete de Toledo), podemos dicir que estamos ante unha comedia grotesca, moi especialmente pola maneira en que se recrea o mundo da vida e o mundo da morte, e tamén polos efectos do uso indiscriminado da hipérbole. Poderiamos falar dun esperpento? Pois ao mellor si, se reparamos na dureza coa que se recrea a condición humana, nunha dimensión micro. Moi recomendable.

Suscríbete para seguir leyendo