Por historia e tradición

Cen anos de sentimento celtista

Bandeiras galegas e outros símbolos identitarios de noso nas bancadas do estadio de Balaídos.

Bandeiras galegas e outros símbolos identitarios de noso nas bancadas do estadio de Balaídos. / ARQUIVO

“Por historia e tradición.” As sociedades contemporáneas, tan cheas de individualismo, precisan de elementos de cohesión a crearen afectos e identidades colectivas, de pertenza a un grupo que construímos e nos constitúe. Ese papel realízao de xeito excepcional o fútbol, capaz de unir nos sentimentos que del nacen xentes de moi diversa condición social, económica ou cultural. Isto non é un fenómeno dos nosos días. Hai xa un século, os fundadores do Celta tíñano ben claro cando buscaron un nome simbólico para o novo equipo que nacía. En palabras de Baliño Ledo (Cadernos A Nosa Terra,1994): “Procurabamos que atrás do nome fose a opinión dos galegos todos...” Cinco foron as propostas: Club Galicia; Real Atlético F.C.; R.C. Olímpico; Breogán e R.C. Celta. Estes dous últimos foron os que desde o comezo máis gustaron. A raíz mítica, o pasado heróico e mais os ecos do romanticismo decimonónico impoñíanse. Aquel 23 de agosto de 1923 naceu o Real Club Celta; pero naceu tamén algo moito máis grande: o celtismo.

Como de símbolos falamos, a equipación iría en consonancia: os primeiro partidos, o Celta xogou con camisola vermella, pantalón negro e medias azuis con volta branca. Pero axiña mudou ao celeste actual: “Desde o intre da fusión dispúxose que o Celta levase as cores da bandeira galega, porque Vigo era xa por aquelas datas a capital deportiva de Galicia”, continúa Baliño Ledo na mesma entrevista. E o escudo, envolto na cruz de Santiago como trofeo dunha liguiña desputada nos anos vinte entre os equipos galegos e que concedería esa honra ao gañador.

Ese celtismo recén nacido viaxou en 1928 a Sudamérica, onde foi acollido con fonda emoción pola Galicia emigrante. Eduardo Blanco Amor, recibiraos en Bos Aires: “Ben vidos sexades a esta grande urbe, a cidade galega meirande do mundo. Representantes da nosa mocidade deportista, atopades abertos de par en par cen millares de corazóns latexantes de amor a Galicia, que ven nos vosos ollos azuis un anaco do lembrado mar de Vigo; e na cruz vermella que loce enriba dos vosos corazóns, o roxo sangue da Terra Nosa, por sempre bendizoada.”

“Afouteza e corazón.” Historia épica, simboloxía e teatralización do ritual son os piares que desde a antropoloxía podemos asinar a calquera momento de construción de identidades. Ese momento de representación, de escenificación, onde os partícipes asumen o papel protagonista do momento e saen reforzados no seu sentimento, quedando a vivencia na memoria colectiva. En primeiro lugar, na casa do celtismo, o estadio de Balaídos, lugar onde se asiste en directo ao espectáculo, onde os siareiros asumen o seu rol mesmo na distribución das bancadas, lugar de exhibición de bandeiras, cantos e reivindicacións. Pero tamén na rúa, onde ten lugar “a festa de todos”, onde se abre o lugar cara un espazo liminar que racha coa vida cotiá de rúas ou prazas. Rúas que foron tinguidas de celeste no memorable ascenso en Sestao en 1987; no masivo desprazamento daquel 20 de abril cara á final da copa do Rei de 1994; nas manifestacións do ano seguinte cando a “crise dos avais”; na viaxe a Lleida para lograr o segundo ascenso na tempada 05-06, nos recibimentos actuais ao bus do equipo…

No centro da imaxe vemos a Eduardo Blanco Amor, que ten á súa esquerda ao defensa Luís Otero e á dereita ao dianteiro Ramón Polo.

No centro da imaxe vemos a Eduardo Blanco Amor, que ten á súa esquerda ao defensa Luís Otero e á dereita ao dianteiro Ramón Polo. / O Dez

Celebramos o centenario. Cen anos de agradecemento, a ese pai que me levou de pequena e foi causante de todo o que veu despois; e ao avó, que o levou a el. Cen anos de momentos para non esquecer, como o himno da Champions soando en Balaídos ou partido do 4%; cen anos de reivindicacións, como o Estatuto de Autonomía ou a protesta pola catástrofe do Prestige; cen anos do que non foi pero puido ser, coma a final de Copa do 48 ou a semifinal de Manchester; cen anos de tristezas, desas que quedan para sempre, como a dura derrota da dinal do 94; cen anos de alegrías e momentos marabillosos, vendo a campións de Europa caer en Balaídos; cen anos de compromiso, como en 1993 cando moitas persoas rascaron o peto para mercaren unha acción que evitara a desaparición do equipo; cen anos de ilusión, cen anos de paixón.

Pero o balón ten que entrar. E entrou, na última xornada, da man “dun dos nosos”, como tiña que ser, entrada épica ao centenario. As súas bágoas na celebración foron as bágoas de todos os que sentimos o celeste. Parabéns R.C. Celta polo aniversario; parabéns ao celtismo. “E coma non, coma sempre, o de sempre: Hala Celta!!!”

Suscríbete para seguir leyendo