Libros

Fiable biografía

As militancias de Don Paco

Aspecto da ilustración de portada de "Francisco Fernández del Riego".

Aspecto da ilustración de portada de "Francisco Fernández del Riego". / Estro Montaña

Estro Montaña

Arredor da figura e obra de Francisco Fernández del Riego, o inesquecible Don Paco (1913-2010), aquel intelectual elegante, vitalista, católico e infatigable traballador a prol de Galicia -e quen vai dedicada este ano a celebración das Letras Galegas- vén de ofrecernos Ramón Nicolás unha excelente biografía que en poucas páxinas sorprende o lector pola cantidade de datos e mais a densidade de coñecementos que pon ao noso alcance. Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo é un libro divulgativo, que vén de editar Xerais, que manifesta unha obsesión polos datos e que usa documentos variados para apoiar os comentarios. Biografía, xa que logo, fiable, que nos presenta un personaxe militante da causa galeguista, un filántropo, un esteo de Galaxia, un arquitecto da política cultural do país, un enxeñeiro e un obreiro que expresou a súa vontade de transformar o mundo a través do mitin, das conferencias, do traballo anovador na Academia, do labor desinteresado na Biblioteca Penzol e, na parte máis creativa, a través da novela, dos libros de memorias e, sobre todo, do artigo periodístico e do ensaio. A súa historia é a dun sector fundamental do galeguismo durante décadas, nas que viviu momentos históricos como a aprobación do Estatuto, logo foi perseguido e nas que co decorrer do tempo tamén tería un amplo recoñecemento social. Sinala Nicolás, con razón, que da súa extensísima obra literaria, o máis importante son as súas colaboracións en prensa -entre elas, as de FARO DE VIGO- e os seus traballos ensaísticos.

A Guerra Civil tronzou a súa carreira académica como profesor de Dereito en Compostela, e sería a súa inclinación polas letras e o seu amor polo ben común o que o levaría a esforzarse por reconstruír a sociedade galega e mais a súa identidade, servindo de ponte arreo entre os exiliados e mais os que aquí loitaban por un país libre, democrático e dono do seu destino.

  • Francisco Fernández del Riego

    Ramón Nicolás
    Xerais, Vigo, 2023, PVP. 10,40 €

Suscríbete para seguir leyendo