Secuencias en noir

No 50 cabodano de Jean-Pierre Melville

Jean-Pierre Melville.

Héctor Paz Otero

Nunha secuencia de O círculo vermello (Le cercle rouge; Jean-Pierre Melville, 1970), o comisario Mattei, interpretado por André Bourvil, conversa co inspector xeral da policía e, nun momento dado, este sostén que todos os homes sen excepción deveñen culpables, todos. Pode que algúns nazan inocentes, pero esa calidade pouco dura na esencia dos seres humanos. Semellante afirmación, que o desenlace do filme virá ratificar, ben pode encarnar o derrotismo que o cineasta francés enxire na súa filmografía.

Considerado para os novos realizadores da Nouvelle Vague un irmán maior aínda que non totalmente un modelo, a figura de Melville —o seu apelido real era Grumbach; tomou o pseudónimo Melville do afamado autor de Moby Dick— deambulou para varios críticos entre dúas etiquetas: a do director francés máis norteamericano e a do director norteamericano máis europeo: definición que vén motivada pola súa pegada no cine polar herdeiro do xénero noir que nace en Hollywood na década dos anos trinta.

Porén, se ben podemos recoñecer a nacionalidade estadounidense desta estética de gabardinas, sombreiros, revólveres e facianas escuras, a posta en forma de Melville non podía ser máis europea, de aí o recoñecemento dos cineastas da nova onda. Imposible, daquela, non distinguir a súa pegada nalgúns títulos de Godard, Truffaut ou, sobre todo, en Robert Bresson, nos seus filmes Un condenado a morte fuxiu (Un condamné à mort s’est échappé, 1956) e Pickpocket (1959). Debutou no cine con O silencio da mar (Le silence de la mer, 1947), un proxecto persoal no que, ademais de director, actuou como produtor, guionista e montador. O filme adapta a novela de Vercors sobre a historia dun oficial nazi que se hospeda nunha casa da Francia ocupada, xunto cun home maior e mais a súa sobriña, obrigados a daren aloxamento ao invasor. O ancián, nun xesto de desaprobación, négase a dirixirlle a palabra, illando no silencio ao oficial. Sobre este substrato, a fita constrúese maxistralmente a partir de acenos e miradas, antepoñendo o valor da imaxe por riba do diálogo. A temática do silencio como arma fronte ao mundo inxusto e desalmado semella asolagar boa parte dos personaxes das súas películas, como acontece nunha das grandes obras mestras do cine polar, Le Samouraï (1947), que en España se veu estrear co revelador título El silencio de un hombre, interpretado por un locuaz e xélido Alain Delon, actor fetiche dese xénero policiaco cociñado á francesa. O título orixinal en francés implica asemade unha clara referencia ao estilo do director xaponés Akira Kurosawa (Os sete samurais), mesturándoo coas películas de gángsteres e westerns estadounidenses.

Tanto no xénero noir —Bob, o xogador (Bob, le flambeur 1955); Dous homes en Manhattan (Deux hommes dans Manhattan, 1959); O confidente (Le Doulos 1962) —, nas historias sobre a ocupación nazi —Léon Morin, sacerdote (1961), O exército das sombras (L’armée des ombres 1969) — ou en dramas — Les enfants terribles (1950), Melville envolve a trama nunha nebulosa entumecida grazas a un tratamento moi estilizado no que sitúa o espectador nunha posición distante respecto da acción, como se os personaxes, ao igual que o oficial nazi de O silencio do mar, non merecesen o seu calor humano ou empatía, ou non estivesen en condicións de aceptar ningunha mostra de afecto. A escaseza de diálogos, a ausencia de planos contraplanos ou tomas subxectivas e mais os movementos de cámara, alleos moitas veces aos desprazamentos dos actores, infiren esa mirada distante ao relato fílmico. Con todos estes argumentos, Melville foi quen de inscribir un xénero popular na tradición da qualité, atopando nos clásicos americanos, especialmente en John Huston, esa preocupación pola forma á vez que tiraba proveito da atmosfera que xode con este tipo de historias e dos personaxes marxinais que as protagonizan.

Cinema polar

Desde que Edgar Allan Poe publicase en 1841 Os crimes da Rúa Morgue, o xénero policiaco estivo sempre caracterizado pola súa capacidade para evoluír e adaptarse a diferentes épocas, tanto no ámbito literario como no cinematográfico. O esquema orixinal de Poe, baseado na resolución dun crime por métodos racionais, deparou un variado mapa de relatos que nos anos trinta, en Hollywood, se concretou no xénero negro, esteticamente moi vinculado ao expresionismo alemán de décadas atrás.

Situada nesa tépeda fronteira entre xénero ou estilo, o cine polar que recala en Europa -e concretamente en Francia- non é máis que unha modalidade híbrida que, dalgún xeito, permite desentrañar o contexto das coordenadas espazo-temporais no que se enmarcan as diversas historias. O carácter alegórico deste xénero, as posibilidades estéticas e a introspección dos personaxes elevaron a consideración deste tipo de filmes, xa que permitían a asimilación de formas innovadores sobra a base de relatos recoñecibles e bastante demandados por un amplo sector do público cinematográfico.

Secuenciasen noir

Alain Delon en Círculo vermello (1970). / Arquivo

Innovación estilística e psicoloxía semellan ser os ingredientes chave do cine de Jean-Pierre Melville, de quen este ano se cumpren cincuenta anos da súa morte, e un dos directores franceses máis inxustamente esquecidos pola literatura cinematográfica actual, por máis que moitos dos seus filmes amosaran unha forte pegada fronte a grandes realizadores acomodados en distintas épocas.

Suscríbete para seguir leyendo