AxitaciónChévere

Trinta e cinco anos e un espello

Un momento da representación do espectáculo N.E.V.E.R.M.O.R.E. de Chévere.

Un momento da representación do espectáculo N.E.V.E.R.M.O.R.E. de Chévere. / Manuel F. Vieites

Manuel F. Vieites

A historia do teatro contén moitas historias, como acontece con outros ámbitos da cultura, e cada unha delas terá maior ou menor interese en función do lugar que ocupen os que as queiran construír ou coñecer. Infelizmente unha boa parte delas están aínda por facer, e no caso dalgunhas imos perdendo día a día a posibilidade de poder abordalas cando os seus suxeitos fundamentais desaparecen, ou cando se perden fontes documentais primarias. Como explica o filósofo Manuel Cruz, na presentación de Cara onde vai o pasado (2002), saber o que foi, importa, pois, en palabras de Ortega y Gasset, sempre dá conta da nosa preocupación polo futuro, ao tempo que o ilumina. A historia, e as historias, son fontes de información das que cabe aprender moita cousa. E por iso, tamén no teatro, cómpren esforzos para recuperar, manter e proxectar no presente o noso pasado, para termos un futuro cando menos razoable.

Entre esas historias teatrais ou escénicas por facer, están as das nosas compañías, e, en cada unha, as dos espectáculos, e, desde estes, as maneiras de concibilos, facelos e presentalos. Por aí poden emerxer informacións moi diversas, e mesmo teorizacións, sobre a forma de entender ou interpretar os personaxes, de dirixir aos actores e actrices, ou para deseñar o espazo escénico, o que demanda estudos de caso e recuperar moitas historias de vida. Hai toda unha cultura científica, empírica, normativa, e mesmo metodolóxica, por reconstruír, que moito podería aproveitar tanta xente.

AxitaciónChévere

Un momento da representación do espectáculo N.E.V.E.R.M.O.R.E. de Chévere. / Manuel F. Vieites

O libro que agora presentamos, 1987-2002. Chévere. Trinta e cinco anos de axitación cultural, editado por Kalandraka, interesa por causas diversas, principalmente pola vontade decidida de dar conta do que foi, nun exercicio narrativo e reflexivo realmente notable ao que se entregan catro dos protagonistas fundamentais na compañía compostelá. Son Miguel de Lira, Xron (Xesús Ron), Manuel Cortés e Patricia de Lorenzo, ben que no reconto do espectáculo último, N.E.V.E.R.M.O.R.E., incorporen outras voces. Trátase da autoría compartida, como tantas cousas na compañía, dun reconto exhaustivo que vai debullando de vagar momentos importantes, acompañado dunha documentación gráfica realmente valiosa, que axuda moito a entender as escollas estéticas que informan unha maneira de facer teatro situada entre o cabaré, a farsa, a axitación e a propaganda, e a presentación escénica (performance en inglés). Chévere nace nos últimos folgos do que se chamou “a movida”, e asenta o seu facer nunha mirada irreverente, ousada, e sarcástica, con todo e ante todo, tamén o propio teatro. Unha filiación claramente posmoderna, mais cunha mirada crítica ás cousas do presente que se fai sentir en espectáculos recentes, nun pulo documental claramente político.

O volume contén oito capítulos, e cada un artéllase a través dun diálogo aberto no que Miguel, Xron, Manuel e Patricia analizan todas as propostas escénicas que foron presentando, sen esquecer incursións no audiovisual, no teatro científico e outras iniciativas. No discurso tamén emerxen cuestións substantivas ao facer teatral, desde as causas que provocan a creación dun determinado espectáculo ata as ferramentas coa que se xesta e desenvolve. Estamos pois ante unha intrahistoria cun valor certo por toda a información que se traslada, en calidade e cantidade. Roberto Pascual asina un epílogo que ofrece outras claves para entender o conxunto.E o relato mancomunado acaba por ser tamén unha fonte de información sobre a historia da cultura galega, no seu conxunto e nas últimas tres décadas e media, da que abrollan aquí e acolá outros relatos non menos importantes, como o da xénese, posta en marcha e peripecia da Sala Nasa. Un volume cun deseño realmente excepcional, que ten no ton e nos modos do fío narrativo, aberto e sincero, o seu engado maior, e por iso nos parece unha lectura moi estimulante e recomendable, coa vontade de chegar a todos os públicos. Parabéns á compañía e á editorial pola iniciativa.

Sen guión previo

O texto da contracapa acerta a definir en poucas palabras a cerna e posterior traxectoria da compañía, invocando os conceptos de festa, celebración e acontecemento, ou a vontade de situarse a medio camiño das cousas, habitando unha encrucillada permanente na que os vieiros están sempre por facer, ou de mesturar, sen vontade de acadar esencia ningunha, cousas en aparencia antagónicas como o serio e o informal. No relato dos feitos intúese unha vontade decidida por ir facendo e pasalo ben, na que ao mellor algo tivo que ver John Eastham, un dos incitadores primeiros da compañía e procedente dun país no que se poderían atopar referentes certos dun modo de facer na escena, asentado na irreverencia e no ludismo desatado e descarnado.

Miguel de Lira, que con John senta os alicerces do colectivo por volta de 1987, pon o ramo ao relato cunha frase moi acaída e calibrada: “Se Chévere non fixese nada máis xa, este sería un final magnífico”. Certamente, pois, nos trinta e cinco anos que leva activa, a compañía soubo anosar unha maneira de facer, recoñecible e recoñecida, e moi querida por unha comunidade ampla de espectadoras e espectadores. Mais agardamos que a aventura continúe anos e anos, para ben do país.

Suscríbete para seguir leyendo