O Manifesto 175 anos despois

No ronsel de Marx e Engels

Monumento a Karl Marx e Friedrich Engels no Marx-Engels-Forum, no barrio de Mitte (Berlín, 1986).

Monumento a Karl Marx e Friedrich Engels no Marx-Engels-Forum, no barrio de Mitte (Berlín, 1986). / FDV

Alfredo Iglesias Diéguez

De certo, 1848 foi un ano de estouridos revolucionarios en toda Europa: o 25 de febreiro proclámase a II República francesa, a mesma que tivo como ministro a Louis Blanc, quen puxo en marcha os Ateliers Nationaux; entre xaneiro de 1848 e febreiro de 1849, prodúcense insurreccións en Palermo, Milán, Venecia e Roma; e entre marzo de 1848 e xullo de 1849 sucédense revoltas nas cidades alemás de Múnich, Berlín, Dresde e, entre outras varias, Francfort. Así mesmo, esa vaga da revolución foi estenderse por outras urbes europeas (Viena, Budapest, Praga, Cracovia, Bucarest...), onde houbo estoupidos de menor intensidade, e a Londres, onde o 10 de abril de 1848 tivo lugar a última das grandes manifestacións do movemento cartista. Ora ben, por máis que en todos eses procesos o pobo foi o gran protagonista nas barricadas, quen se consolidou no poder político deses estados foi a gran burguesía.

En semellante contexto, o 21 de febreiro de 1848 Karl Marx e Friedrich Engels publicaron en Londres o Manifesto comunista, un texto para a loita da xente común, para “os ninguén da historia”, que dicía Eduardo Galeano; agora ben, en tanto que tratado de combate para o pobo -que sempre pon os mortos nos procesos revolucionarios pero despois queda afastado do poder político que contribúe a conquistar- trátase dun escrito de carácter filosófico no que se dirixen a esa parte (partido, adoitamos traducir) comunista da sociedade: a esa xente explotada que, excluída da Historia, ten que tomar consciencia de que “non ten nada que perder, como non sexan as súas cadeas, pero en cambio ten un mundo enteiro por gañar”, para dicilo coas mesmas palabras que empregaron Marx e Engels no peche do Manifesto.

Neste sentido, hoxe, 175 anos despois da súa publicación, debemos preguntarnos: ten sentido seguir a ler o Manifesto? A resposta sempre ten que ser positiva na medida en que sexa pertinente preguntarse se hai algunha alternativa ao capitalismo (non só ao neoliberalismo, como pensa moita xente na esquerda); se ten sentido, no contexto da exacerbación das desigualdades sociais, da degradación da democracia representativa, do triunfo do individualismo libertario e egoísta, do auxe das identidades nacionais interclasistas e excluíntes, da destrución ecolóxica da natureza..., preguntarse pola fin da opresión, que se di na Internacional.

Claro que ten sentido! O Manifesto é un clásico do pensamento político, como o pode ser o Príncipe de Maquiavelo. Ora ben, como se le un clásico? Como eséxetas que se limitan a realizar unha lectura pechada do texto, sen o seu contexto..., ou como intérpretes da realidade que buscan “cambiar o mundo de base”? Obviamente, sen desprezar a primeira lectura, é a segunda forma de ler o Manifesto a que máis nos ten que dicir e a que se mantén máis fiel ao espírito dos autores, xa que se ben é un clásico, trátase dun clásico da tradición comunista, o que implica que é preciso ler o Manifesto dende a perspectiva de quen nada ten. Isto é: ler o Manifesto cunha mirada histórica -porque a loita de clases existe..., e como dixo Buffet hai uns anos nunha entrevista concedida a The New York Times, “a loita de clases non só existe, senón que é a miña clase quen a vai gañando”-; ler o texto dende a análise sociolóxica do mundo actual, identificando a estrutura de clases, o intercambio desigual... e mais as estratexias e os mecanismos de opresión que garanten que os intereses da clase dominante sexan os intereses dominantes da sociedade; e, en definitiva, ler o texto dende unha perspectiva política, que nos permita comprender que mentres o proletariado non tome conciencia de clase, non loite por transformar o réxime burgués e non conquiste o poder político para construír a democracia, ningunha conquista social será definitiva e a liberdade e a igualdade seguirán sendo unha quimera.

Suscríbete para seguir leyendo