Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Marx e o pensamento emancipatorio

Historia do pensamento (XXVII)

Karl Marx e Friedrich Engels no obradoiro da Nova Gaceta Renana (1849).

No ano 1848 dous mozos rebeldes, Karl Marx (1818-1883) e Friedrich Engels (1820-1895), que pertencían á Liga dos comunistas, publicaron o Manifesto comunista, unha obra na que se expón dun xeito claro e conciso unha nova concepción do mundo que rompe co socialismo anterior ao sosteren que o obxectivo do movemento obreiro consistía na conquista do Estado pola clase traballadora. Non en van, no ano 1845, mediante as Teses sobre Feuerbach, Marx propuña como obxectivo da loita a “transformación do mundo de base”, como recolle un verso da Internacional (1871), de Eugène Pottier.

A natureza humana no pensamento marxista: Nas Teses sobre Feuerbach (1845), Marx establece o que vai ser o fundamento de todo o seu pensamento revolucionario: a natureza humana non é unha esencia inherente a cada individuo, a natureza humana é “na súa realidade, o conxunto das relacións sociais”. Ora ben, en tanto que seres naturais que temos necesidades físicas, os seres humanos somos produtores, producimos os nosos alimentos, producimos os artefactos cos que elaboramos eses alimentos... Non obstante, en tanto que seres sociais, o modo en que producimos está historicamente determinado. Velaí a tese coa que arranca o Manifesto comunista (1848): “a historia de todas as sociedades até os nosos días -enténdese da historia postneolítica, a historia das sociedades produtoras ou históricas-, é a historia da loita de clases”. Eis a pedra angular de todos os seus traballos posteriores: entender o papel do traballo na organización da sociedade e, xa que logo, na explotación do “home polo home”.

F. Engels

Neste sentido, Marx compromete toda a súa actividade teórica en analizar as causas económicas da explotación. Velaí están, por exemplo, os seus traballos de natureza económica: Traballo asalariado e capital (1849), Contribución á crítica da economía política (1859), Salario, prezo e ganancia (1865) e, finalmente, O capital (1867), a súa principal contribución nesa busca científica, que conclúe cun descubrimento fundamental para a comprensión do mundo. Isto é, que no salario, que o traballador ou traballadora percibe a cambio do seu traballo (entendido como mercancía, como forza de traballo), durante a xornada laboral, agóchase un proceso de apropiación do valor excedente (plusvalía), producido polo traballador ou a traballadora no tempo de traballo suplementario, en tanto que tempo que excede o tempo necesario para producir o equivalente ao valor do salario. Eis o principal descubrimento de Marx: a apropiación da plusvalía polo posuidor dos medios de produción e do capital leva á proletarización de todas as actividades produtivas, á pauperización da clase traballadora e á concentración da riqueza; isto é, a explotación do “home polo home”.

Lucrecia Mott

A loita pola igualdade e a fin da explotación:Marx, como calquera revolucionario formado nos ambientes liberais de comezos do século XX, entendía que os seres humanos somos libres e iguais; por esa razón, complementariamente a esa busca científica por comprender ás causas da explotación, desenvolveu dúas actividades paralelas: unha teórica, establecendo que a fin da explotación só pode ser posible como resultado da propiedade colectiva dos medios de produción e o control obreiro da produción; outra política, a organización do movemento obreiro- alén da súa participación na Liga dos comunistas (1847), foi un dos promotores da fundación da Asociación Internacional dos Traballadores (1864).

Elizabeth Cady Stanton

Eis a importancia de Marx: a elaboración dunha potente ferramenta analítica que nos permite recoñecer a existencia obxectiva de distintos grupos sociais (clases, xéneros e nacións) e identificar as estruturas que orixinan a desigualdade entre os grupos sociais antagónicos (burguesía e proletariado, home e muller, colono e colonizado…) e a orixe da explotación (social, de xénero, colonial, da natureza). Neste sentido, Marx sabía ben que se non se acaba coa condición de existencia da explotación (a apropiación do valor excedente) non se podía pór fin á explotación, polo que sinalou un camiño a seguir: a loita de clases con perspectiva de xénero, nacional e ecolóxica.

Abolicionismo e feminismo

No ano 1815 o Congreso de Viena aprobábase a Declaración sobre a abolición do comercio de escravos, que puxo fin á trata legal de escravos. Quedaba, non obstante, resolver a cuestión da escravitude. Así, co obxectivo de avanzar cara a abolición da escravitude, no ano 1840 celebrouse en Londres unha convención mundial contra a escravitude, na que participaron Lucrecia Mott e Elizabeth Cady Stanton, coñecidas abolicionistas americanas. O feito de seren discriminadas como mulleres, animounas a organizar un acto de carácter público no que se puidese analizar a situación da muller no eido social, económico, político, relixioso e cultural, que tivo lugar en Seneca Falls (Nova York) en 1848. Á Convención de Seneca Falls acudiron principalmente mulleres da burguesía, algunhas obreiras -como Charlotte Woodward- e varios homes, entre os que se atopaba a famoso abolicionista negro Frederick Douglass.

Na Declaración de sentimentos aprobada na Convención reclámase a igualdade legal da muller fronte ao home, o dereito a dispor de propiedades e a igualdade de oportunidades educativas e laborais, polo que estamos ante un texto fundamental na toma de conciencia da igualdade da muller, que marcará a nova andaina na loita pola igualdade. Unha andaina que ao longo dunha xeración irá da man do abolicionismo.

Compartir el artículo

stats