Miñatos de verán

Unha zarzuela galega

Ramón Otero Pedrayo e mais a súa muller, María Josefa (Fita) Bustamante, en   El Sardinero (Santander).

Ramón Otero Pedrayo e mais a súa muller, María Josefa (Fita) Bustamante, en El Sardinero (Santander). / Manuel F. Vieites

Manuel F. Vieites

En 2002 Goretti Sanmartín Rei publicaba coa Universidade da Coruña un interesante estudo sobre a obra dramática de Juan de la Coba y Gómez (1829-1899), o popular Xan da Cova, que entre outros méritos nese eido, amais de varios títulos en castelán, está o de ter usado o galego en La Galiciana e María Pita, que figuran, ata onde se sabe, entre as primeiras pezas faladas e cantadas do país, xénero moi popular onda nós, no que, aos poucos, aparecen textos en bilingüe, e despois en galego, como Non máis emigración de Ramón Armada Teixeiro, con música de Felisindo Rego, estreada na Habana en 1886. Certo é que La Galiciana fora publicada nos Cadernos de Teatro, en 1995, editada por Anxo Gómez e Mercedes Queixas. E no 2010 o profesor Javier Jurado Luque defendía na Universidade da Coruña unha tese doutoral na que asentaba os alicerces para un estudo sistemático do que foron as manifestacións escénicas vinculadas con eses xéneros, que van da ópera ao “apropósito” (moi común no teatro popular dos entroidos vilegos), con partes cantadas e mesmo bailadas.

Vai ser o propio Jurado Luque quen se ocupe de recuperar e presentar un texto de Ramón Otero Pedrayo, Miñatos de verán, que foi estreado como zarzuela en Ourense en 1959. Porén, vén sendo unha reelaboración que o señor de Trasalba fai dun título anterior homónimo, que se estrea na Habana con música de José Fernández Vide e libreto de Enrique Zas. Tamén se ocupa o profesor Jurado de explicar a xénese da versión de Don Ramón e doutros asuntos relevantes daquela incursión do autor de Teatro de máscaras ou Rosalía nun xénero tan popular e tan afastado das súas escollas estéticas, malia que pezas como A Lagarada ou O desengano do Prioiro mostren un notable coñecemento dos espazos e tempos propios da sociabilidade máis popular.

Otero recupera e explota o tópico literario do burlador burlado, que xa utiliza Aristófanes en Os Cabaleiros, moi presente na creación dramática de expresión castelá no Século de Ouro. Onda nós foi utilizado por Xavier Prado “Lameiro”, nunha das súas obras máis famosas e representadas, A retirada de Napoleón, que estrea a Coral de Ruada en 1920, e que recrea o modo en que a mocidade dunha vila da Galicia interior argalla unha divertida pantomima coa que fan mofa e escarnio dun aspirante a deputado “cunero” (hoxe tamén os hai), que logo de prometer cousas esaxeradas ao votantes, como converter un pequeno regato en río navegable, ten mentes de se aproveitar dunha moza da terra. Aquí xa aparece a figura do miñato, ou bexato, ave de presa con moi mala fama no mundo rural.

Na fabulación de Otero saberemos da peripecia de Maripepa, moza de dezanove anos dunha vila mariñeira, a quen pretenden dous señoritos veraneantes, mentres Manuel, de alcume Mar de Pé, que vive todos os ventos por ela, padece en silencio, consolado polo seu amigo Corisco. Un dos señoritos, Eduardo, con falsas promesas, convence a Maripepa para que fuxa con el a Compostela, mais nas rúas da cidade O Corisco e a Tía Antona do Con discorren e traman outra pantomima divertida para burlar ao burlador, evitando novas falcatrúas. Todo remata como debe rematar.

Por aquí, e noutras historias que se integran na trama xeral da peza, tamén asoman os tópicos dos abusos dos poderosos que enganan aos máis humildes, sempre inocentes e confiados, ou o dos amores desiguais, que adoitaba salientar os problemas supostos que poden abrollar cando se namoran persoas de diferente condición social, situación e circunstancias. Un conto con final feliz e un retrato social moi acaído para a Galicia da época.

Trazos oterianos

Javier Jurado dá conta das diferenzas presumibles, pois non se dispón do libreto de Enrique Zas, entre a versión orixinal e a que constrúe Otero Pedrayo, pois aquel era concibido como unha embrolla tráxica, coa morte de Eduardo e a tentativa de suicidio de Maripepa, felizmente resolta co trunfo do amor entre ela e Manuel. Nesa dirección, é difícil calibrar o que pertence a cada quen, pero podemos supoñer con certas garantías que Otero tan só partise da trama narrativa.

Do que non hai dúbida é de que no texto hai moitos elementos da maneira que tiña Otero de construír os seus mundos dramáticos, neste caso poñendo en valor as esencias da cultura, como os nomes e as falas das xentes, ou os costumes e ritos da sociabilidade mariñeira, para presentar unha Galicia primixenia cun arrecendo máxico e moito saber popular. E como ocorría con Luis de Castromouro, outra das ideacións memorables de Prado “Lameiro”, aquí tamén se reflicte a realidade das falas das xentes, pois os señoritos falan castelán e a xente mariñeira un galego ben requintado. Unha escolla ao mellor máis acaída para a Galicia de 1959.

Suscríbete para seguir leyendo