Arte: exposicións

Nos vieiros da arte galega

Fernández del Riego e a plástica

Fdez. del Riego no lapis dos artistas de noso.

Fdez. del Riego no lapis dos artistas de noso. / Arquivo

A dedicatoria do Día das Letras Galegas deste ano trae ao primeiro plano da actualidade a figura de Francisco Fernández del Riego (1913-2010) que foi, como é ben coñecido, personalidade central da cultura galega do século XX. As monografías recentemente editadas de Malores Villanueva, Francisco Fernández del Riego. Un loitador pola idea de Galicia (Galaxia) e Ramón Nicolás, Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galegusimo (Edicións Xerais), ambas moi recomendábeis, proban o interese por afondar en aspectos da súa personalidade vital e intelectual.

Neste contexto é de celebrar a continuidade ao longo de todo o ano do proxecto expositivo Francisco Fernández del Riego. Nos vieiros da arte galega, dedicado ao escritor na Pinacoteca que leva o seu nome en Vigo, exposición que salienta, dentro da súa escrita polifacética, o esforzo de divulgación e apoio á proxección das artes visuais, un ámbito que ocupa un lugar menos coñecido, pero, sen dúbida, de interese. A mostra é froito dun rigoroso traballo de investigación da comisaria da mostra Beatriz Liz de Cea e permite acompañar a relación de Del Riego coas artes plásticas xa desde os anos da República por medio da presenza dun variado conxunto de artistas con quen tivo relación o escritor ao longo da súa vida, moi ben representados cos fondos do Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, o Museo Fernández del Riego e a Fundación Penzol.

Nos vieirosda arte galega

Fachada da pinacoteca que leva o seu nome. / FDV

As ligazóns plásticas de Fernández del Riego poden verse con claridade no acervo do museo que leva o seu nome e que custodia a súa colección persoal, froito das relacións do autor no campo cultural galeguista e tamén da súa proxección posterior como personalidade de referencia na última etapa da súa vida, o que nos leva desde o Castelao da primeiras décadas do XX até a nova arte galega dos anos oitenta. Porén, na vinculación do noso escritor coas artes plásticas cómpre destacarmos dous momentos: un no período republicano cando os seus escritos na prensa diaria ou na revista Nós acompañan o asentamento do movemento d’Os Novos e traballa na organización dunha exposición de pintura promovida pola organización xuvenil galeguista Ultreya; o segundo momento é na posguerra onde tenta dar visibilidade á arte galega desde o suplemento do xornal compostelán La Noche e colabora decisivamente na realización en 1951 da mostra de artistas galegos en Buenos Aires, onde o seu labor se achega ao que hoxe chamamos comisariado.

O primeiro momento é evocado por un coñecido debuxo de Luís Seoane no cal reproduce unha reunión na imprenta Nós en 1933, nel aparecen Xoán Rodríguez Tenreiro, Del Riego, Xoán Brañas, Ánxel Casal e Álvaro das Casas. O ambiente é o mesmo que o propio Luís Seoane lembraba nun escrito de 1959 en que sinalaba que na imprenta de Casal eran acollidos “os mais novos, aqueles que procuraban expresar as suas ideas en semanarios culturais ou políticos, sen ter xamais demasiados cartos para as suas empresas e (...) surxían as páxinas livres, acesas de paixón e de limpo ideal de “Universitarios”, “Claridad” e de “Ser””.Este é o espírito que deitan tamén as páxinas de Del Riego que recordan este período coa súa militancia no Partido Galeguista, o activismo na FUE -a Federación Universitaria de Estudantes- e a súa participación en todos os procesos culturais que nacían no Santiago da República, con especial atención á produción literaria e artística.

Nos vieirosda arte galega

Del Riego (2º á esq.) en "Nós", por Luís Seoane (1933). / FDV

Na Compostela dos anos en que Del Riego estuda Dereito, política, literatura e artes plásticas van da man nun esforzo que se proxecta sobre todo o territorio galego. A sintonía entre a xeración dos novecentistas na literatura galega e d’Os Novos nas artes plásticas, é total, o que os leva a compartiren iniciativas como a Exposición de Arte Galega, organizada por Seoane e Maside na Facultade de Letras ou a Barraca Resol, realizada en Santiago en 1933. Neste espazo repartíase a revista Resol, expúñanse pinturas e debuxos e tentábase observar as reaccións do público que acudía á feira.

"La escuela de Doloriñas" (1941), de Julia Minguillón.

"La escuela de Doloriñas" (1941), de Julia Minguillón. / FDV

A arte galega en América

O segundo momento parte da colaboración entre intelectuais e artistas galegos no exilio americano e no exilio interior que comeza a se intensificar a partir de 1946, ano en que, por exemplo, Del Riego recupera o contacto epistolar de Luís Seoane. En efecto, a inicios de 1950 Seoane comenta en carta a Del Riego a posibilidade de realizar unha exposición de Carlos Maside e Laxeiro, un proxecto que probabelmente se forxou nas tres horas que pasou Seoane en Vigo en outubro de 1949 na escala do Highland Princess, buque da Mala Real británica, en que regresaba de Londres cara a Buenos Aires, logo de expor na capital inglesa.

Decídese, finalmente, que sexan sete os artistas presentes: Maside, Laxeiro, Julia Minguillón, Pesqueira, Díaz Pardo, Prego e Faílde e nos primeiros meses de 1951 Seoane pide a Del Riego unha pequena biografía, unhas notas e fotografías das obras para o catálogo. Unha vez recibidas, Seoane destaca a obra de Laxeiro e Maside e é ben crítico con outros artistas. Finalmente a exposición foi aberta o 23 de xullo de 1951 na Galería Velázquez de Buenos Aires cunha extraordinaria concorrencia de xente á inauguración e nos días sucesivos.

Este proxecto, moi importante na estratexia político-cultural galeguista e non exento de tensións e desencontros, mostra, como poucos, o papel de Fernández del Riego no debate e promoción nun momento decisivo para arte galega do século XX.

Suscríbete para seguir leyendo