Cartas con Otero Pedrayo e unha ‘webserie’ para lembrar a Del Riego

O escritor de Lourenzá é o protagonista dunha celebración que el mesmo ideou xunto con Manuel Gómez e Xesús Ferro | Vigo acollerá un acto co Concello e a Fundación Penzol

Monteagudo (esq.), Freixanes e Casalderrey.

Monteagudo (esq.), Freixanes e Casalderrey. / C.P.

Ana Carro

O Día das Letras Galegas é o 17 de maio, pero a celebración xa deu comezo onte na Fundación Luís Seoane da Coruña, onde a Real Academia Galega (RAG) presentou a programación dedicada á figura de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010), un dos impulsores da festa da cultura galega xunto con Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo. Este ano, el é o protagonista. A publicación da súa correspondencia con Otero Pedrayo e a estrea dunha webserie sobre a súa vida son algúns dos actos previstos para este 2023.

“Foi o inventor dunha iniciativa que hoxe é un acontecemento social”, comentou o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, nunha presentación na que tamén participaron os membros da comisión executiva da RAG Henrique Monteagudo e Fina Casalderrey. Del Riego foi, segundo Freixanes, “un intelectual prolífico, editor, ensaísta e crítico literario”. Ademais, exerceu “de ponte entre a Xeración Nós e os galeguistas máis novos, e tamén entre a Galicia da diáspora e o exilio interior no que el mesmo permaneceu”.

A súa obra non é ningún segredo. Tampouco a súa importancia na cultura galega, pero aínda hai terreos por explorar. Por iso, este ano publícanse as súas cartas con Ramón Otero Pedrayo. Son máis de 450 documentos. “Un centenar escritas por Del Riego”, avanzou Monteagudo, quen destacou que o homenaxeado foi “unha persoa moi activa”.

Xa se coñece a correspondencia do de Lourenzá con Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carvalho Calero e Xosé Neira Vilas, pero agora é momento de saber máis da íntima relación que mantiña con Otero Pedrayo, “un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra”, como di a investigadora Patricia Arias Chachero.

Tamén sairá á luz en marzo unha webserie sobre o escritor. A Academia narrará dende o audiovisual os principais fitos da traxectoria do autor nunha creación realizada pola produtora Miramemira. A webserie estará na canle de YouTube da RAG e na súa páxina web, onde pode lerse xa unha biografía de Del Riego escrita por Ramón Nicolás.

A celebración oficial comeza o 6 de marzo coa Primavera das Letras, unha iniciativa de Casalderrey para crear un vínculo “entre a Academia e os escolares”. Eva Mejuto, a gañadora do último Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, é a autora de As cousas de don Paco, un percorrido pola vida de Fernández del Riego a través do testemuño dos obxectos que sempre o acompañaron. Lucía Cobo é a ilustradora. A presentación farase no CEIP Juan Rey de Lourenzá, onde se proxectará a curta "A orixe da nosa lingua guapa". A páxina web primaveradasletras.gal terá, ademais, diferentes actividades interactivas para que os nenos e nenas coñezan ao protagonista do Día das Letras Galegas dun xeito ameno e divertido. O portal das palabras, espazo web para a difusión da lingua galega creado pola RAG e a Fundación Barrié, terá tamén un apartado dedicado a esta gran festa.

O lugar onde naceu Francisco Fernández Del Riego, Lourenzá, é o espazo escollido para celebrar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas.

Vigo e o “fogar da cultura”

Vigo, onde o escritor se refuxiou na posguerra e onde viviu ata o seu falecemento, acollerá un acto literario que a RAG organizará co Concello de Vigo e a Fundación Penzol, da que Del Riego foi fundador e primero director. “O fogar de cultura” no que acubillou durante catro décadas, celebra tamén este ano o seu 60 aniversario, “outra efeméride destacada para afondar no perfil polifacético de don Paco dende a cidade olívica”, salienta a RAG.

En outono será o tradicional simposio que fai a Academia cada ano sobre os homenaxeados o 17 de maio para falar da figura e obra de Del Riego. Aínda que isto é só un adianto, pois haberá máis iniciativas e actividades ao longo do ano.

A RAG celebrou onte na Fundación Luís Seoane o primeiro acto fóra da súa sede. O número 11 da rúa Tabernas, na Coruña, atópase en reformas. Os fondos da Academia e da Casa Museo Emilia Pardo Bazán foron trasladados a unha nave no polígono de Pocomaco. Alí permanecerán 19 meses, que é o tempo que duran as obras da rehabilitación integral, pois un estudio revelou que existía risco de “derruba parcial”.

Pero a actividade da RAG ten que continuar, aínda que non sexa na sede. O seu presidente, Víctor F. Freixanes, agradeceu onte a disposición da Fundación Luís Seoane, que cedeu o seu salón de actos para facer a presentación dos actos polo Día das Letras Galegas. Freixanes contou tamén que os plenos da Academia vanse celebrar no Concello da Coruña.

PRINCIPAIS ACTOS

  • ‘A primavera das letras’, en marzo

    O 6 de marzo presentarase As cousas de don Paco, de Eva Mejuto, e proxectarase a curta "A orixe da nosa lingua guapa".

  • Unha ‘webserie’ sobre o escritor

    En marzo sairá en YouTube a webserie sobre Fernández del Riego, unha creación realizada pola produtora Miramemira.

  • O pleno, en Lourenzá

    O pleno extraordinario do Día das Letras Galegas será en Lourenzá. En Vigo, onde residiu, haberá un acto co Concello e a Fundación Penzol.

Suscríbete para seguir leyendo