Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A transformación das esquerdas

No centenario de Enrico Berlinguer

Enrico Berlinguer (1922-1984) ás portas da FIAT (Turín) durante a folga de 1980. Arquivo

Cando se cumpren cen anos do nacemento de Enrico Berlinguer (Sassari, Sardeña, 1922 – Padua, 1984) é bo momento para lembrar que moitas veces as forzas da esquerda seguen a seren escravas do sectarismo e máis do dogmatismo.

Nacido nunha familia da nobreza sarda de ascendencia catalá (relacionada coa masonería desde os anos da Unificación), vinculouse de ben mozo á resistencia antifascista da súa illa. Detido despois dunha insurrección en 1943, o seu pai, avogado e político, conseguiu a súa liberación e marcharon a Salerno (Campania), onde desde o armisticio residían a familia real e diversos políticos contrarios a Mussolini. Alí, Enrico Berlinguer coñeceu ao secretario xeral do Partido Comunista Italiano, Palmiro Togliatti, que fora alumno do seu pai. Regresado á Sardeña liberada, nomeouno secretario xeral das mocidades comunistas (FGCI) e membro do comité central do partido e pasou a residir en Milán, primeiro, e en Roma un ano despois, xa coma membro do secretariado do PCI.

En 1957 pasou a ocupar a secretaria da Federación Mundial da Mocidade Democrática, organismo recoñecido pola ONU en 1945. Á morte de Togliatti en 1964, pasou a ser o número dous do seu sucesor, Luigi Longo, e seguiron a política de distanciamento verbo do PCUS. En 1969 participou nunha conferencia mundial de partidos comunistas en Moscou. Estaba aínda recente a invasión de Checoslovaquia por tropas do Pacto de Varsovia e Berlinguer non calou a súa opinión: rexeitou os sucesos que chamou “a traxedia de Praga” e defendeu a necesidade de respectar as liberdades de expresión e prensa a das soberanías nacionais.

E se condenara o ataque do imperialismo ruso (soviético), xa como secretario xeral do PCI (elixido en 1972), fixo o mesmo verbo da intervención de Washington no golpe de estado dos militares chilenos en 1973. Esta insurrección contra o goberno de Unidade Popular fíxolle ver que non abondaba cunha simple vitoria electoral para construír un socialismo democrático. Convalecente dun accidente en Bulgaria, naquel outono de 1973 escribiu tres artigos para Rinascità, a revista cultural e de debate do PCI. Neles e á vista da crítica situación pola que Italia atravesaba (estratexia da tensión, outonos quentes, terrorismo fascista, crise do petróleo) comezou a formular as liñas do que meses despois pasou a chamar “compromiso histórico”: un pacto de Estado entre comunistas e democristiáns para estabilizar a nación.

En 1974 coñeceu a Josif Broz Tito, que lle abriu as portas ao Movemento dos Países non Aliñados, que China lideraba. Dous anos despois, e perante 5.000 delegados do PCUS, defendeu a necesidade dunha vía autónoma (italiana) para construír o socialismo en democracia. Foi a ruptura definitiva cos soviéticos, que pasaron a considerar o PCI un partido interferido pola OTAN, ao que Berlinguer respondeu que se sentía cómodo co paraugas da organización atlántica de defensa.

Berlinguer era partidario de abrir as portas do partido ao conxunto da sociedade italiana. E para iso, e malia o seu ateísmo, mantivo unha intensa relación epistolar con Luigi Betazzi a partir de ser nomeado bispo de Ivrea en 1966 (era tamén presidente de Pax Christi, movemento católico pola paz). A publicación das cartas que intercambiaran provocou un considerable escándalo. Cómpre non esquecer que en 1949 e 1950 Pío XII decretara a excomuñón dos comunistas e incluso daqueles que os votasen.

A proposta de “compromiso histórico” foi aceptado por Aldo Moro. Así e todo, contaba tamén con importantes obxectores: desde Washington a Moscovo pasando, naturalmente, polos demais forzas políticas italianas (coa excepción do Partido Republicano) que dominaban o poder. En marzo de 1978 o Parlamento ía aprobar un novo goberno con Giulio Andreotti co apoio dos comunistas. Para desbaratar calquera posibilidade de éxito, un comando das Brigate Rosse secuestrou a Aldo Moro, que case dous meses despois apareceu asasinado nunha rúa de Roma. Malia todo, Berlinguer foi un dos máis firmes defensores de non negociar cos terroristas.

As raiceiras de Gramsci

O carisma que Enrico Berlinguer acadou máis alá da área de influencia do PCI forxouse grazas ás súas calidades persoais: boas formas, austeridade e modestia. Pero xa sabemos que non son vimbios dabondo para labrar un queipo de excelencia política. A base para que o pensamento de Berlinguer tivese éxito político estaba no traballo de quen foi o primeiro secretario do partido, Antonio Gramsci, sardo coma el.

Desde a súa práctica nos primeiros anos do goberno fascista, cando aínda gozaba de liberdade formal, e nos anos que pasou despois na cadea, Gramsci estruturou un pensamento político que hai un século xa o facía distinto ao dos outros dirixentes comunistas.

Xa inmediatamente despois da morte de Lenin sinalou que o PCUS estaba a perder a súa forza de vangarda. Tamén explorou a colaboración co sector católico progresista do Partido Popular Italiano (rexeitaba o anticlericalismo de moitos socialistas). E estableceu algúns conceptos que foron a base, medio século despois, do eurocomunismo: hexemonía cultural, bloque hexemónico, conciencia de clase, antisectarismo, papel das clases subalternas e dos intelectuais, a literatura nacional-popular, partido aberto a unha ampla base militante. Conceptos recollidos nos Cadernos do cárcere que escribiu nos seus anos de cadea. Esa foi a guía de Berlinguer.

Compartir el artículo

stats