Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

50 anos de Pepe Carvalho

O compromiso político da literatura

Juanjo Puigcorbé nunha imaxe da serie televisiva Pepe Carvalho (1999). Arquivo

Era 1972 e Manuel Vázquez Montalbán (1939-2003) viña de crear o que sería o seu gran protagonista: exmembro do Partido Comunista español, exaxente da CIA e, nada máis e nada menos, que gardacostas do presidente Kennedy. Contraditorio, complexo, gourmet, de orixe galega e afincado en Barcelona, Pepe Carvalho fíxonos unha confesión inexorable no seu primeiro título: Yo maté a Kennedy (ou foi o seu autor?). A novela, que agora cumpre os cincuenta anos, arrancou cunha hilarante conversación coa mesmísima Jacqueline no Palacio das Sete Galaxias – unha visión poética e de realidade virtual da Casa Branca. A partir de alí, todo podería acontecer.

“Unha fantasía cromada, galáctica e íntima”, así a describe Miqui Otero no prólogo da edición especial que publicou Planeta en conmemoración da efeméride. Tamén comenta que Yo maté a Kennedy “caería tras o seu lanzamento nas caixas de saldos de El Corte Inglés”. Porén, aquilo era só o principio dun personaxe que percorrería case vinte novelas, arredor de trinta relatos; tería o seu propio receitario e saltaría das letras ao cinema, á televisión e máis á novela gráfica. Pero o seu primeiro encontro cos lectores foi unha novela revestida de sátira, con certo ensaio sociopolítico e ata futurista, onde ademais tiña lugar a poesía. Vázquez Montalbán comentaría: “Aquela novela reflexaba un mundo irreal que viña da empanada mental que vivíamos. Alí cabía todo: poemas, textos de vangarda, influencia do cómic e do cine... Era un maremágnum que reflectía a descomposición da novela que criamos estar vivindo”.

Viaxar, resolver misterios, o bocadillo da señora Paca, as mulleres... mais de pano de fondo, unha crónica da sociedade española. Páxina a páxina íase perfilando a personalidade do atípico detective, amante da boa cociña e icónico da novela negra, xénero case inexistente durante o franquismo. Manuel Vázquez Montalbán cría no compromiso político da literatura e Carvalho era a súa voz, o seu “alter-ego” nun mundo do que emanaba o seu descontento. As aventuras sucedíanse unhas a outras, nun fío constante que tecía un fiel retrato do período tardofranquista, a Transición e os primeiros anos da democracia; sempre tras unha ollada satírica dos acontecementos. Neste escenario situáronse novelas como Asesinato en el Comité Central (1981) e Los mares del sur (1979), gañadora do Premio Planeta de 1979, do Premio Internacional de Novela Policíaca de 1981 e levada ao cinema por Manuel Esteban, con Juan Luís Galiardo na pel do detective.

Entre misterios, aventuras e intrigas, as referencias culturais e gastronómicas volvéronse un punto de evasión para o seu espírito inquieto, unha constante que Vázquez Montalbán logrou transmitir ao personaxe, así como a súa paixón pola cociña tradicional española, que deu por resultado Las recetas de Carvalho (1989). Así con todo, acabou por converterse nun fenómeno capaz de sobrevivir o seu autor e saírse do papel para explorar outras áreas. Deste xeito, actores como Patxi Andión e Omero Antonutti foron tamén a súa imaxe, sen esquecer a Carlos Ballesteros, na que foi a primeira película do director Bigas Luna, Tatuaje (1976), baseada na novela de 1974 onde Carvalho se amosa por primeira vez como detective privado. Eusebio Poncela protagonizou, pola súa banda, unha serie de oito capítulos estreada en 1986 e o salto á ilustración deuse no 2017, cando Norma Editorial publicou a primeira novela gráfica arredor da súa figura.

Manuel Vázquez Montalbán, que faleceu en Bangkok en 2003, sabía que Pepe Carvalho envellecía a carón del, mais que os seus lectores sempre poderían atopalo abrindo a cuberta das súas aventuras. Nunha entrevista en 1997 con motivo do vinte e cinco aniversario da serie expresou: “É satisfactorio crear algo que te sobrevive”. Falaba da inmortalidade acadada por quen deixa nas páxinas da literatura a súa ineludible pegada. En 2019, Carlos Zanón tomou o relevo da narración e, sen perder de vista a súa perspicaz mirada, escribiu Problemas de identidad, a entrega máis nova de Pepe Carvalho.

 

Compartir el artículo

stats