Libros

Narrar en Fisterra

Un escaparate da narrativa actual

Aspecto da portada de "Fisterra. Relato curto en Galicia".

Aspecto da portada de "Fisterra. Relato curto en Galicia". / Estro Montaña

Estro Montaña

Fisterra. Relato curto en Galicia é unha obra coral, coordinada por Xosé Manuel del Caño, na que corenta escritores ofrecen unha panorámica da narrativa actual, dentro dun xénero que en Galicia tén unha tradición de calidade, o mesmo que sucede en EE UU, América Latina ou Rusia, onde grandes mestres cultivaron o xénero curto.

No libro descubrimos un conto de Ferrín, que despois de dúas décadas sen publicar narrativa, nos entrega un relato no que o protagonista recibe da nai un irmán ben curioso; á súa beira, con estilo brillante Darío Xoán Cabana ofrécenos as derradeiras páxinas en prosa da súa fecunda vida literaria. Do rural e da cidade, do pasado e do presente, cas temáticas máis variadas, cunha importante presenza de escritoras, con estilos dispares, con escritores coma o mencionado Ferrín que se converten en personaxes doutros contos do libro, Fisterra. Relato curto en Galicia é unha obra que nos permite analizar o pulo da nosa narrativa e a modernidade duns autores que son continuación dunha rica tradición na que Dieste, Castelao, Cunqueiro ou Blanco Amor marcaron un camiño venturoso.

Os autores destes relatos inéditos son: Xavier Alcalá, Fran Alonso, X. Mª Álvarez Cáccamo, Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Anxo Angueira, Carmen Blanco, Darío Xoán Cabana, Héctor Carajille, Marica Campo, Mª Canosa, X.M. del Caño, Paula Carballeira, Ramón Caride, Francisco Castro, Luz Darriba, Pedro Feijoo, Fernández Naval, Alberto Fortes, Carlos G. Reigosa, Úrsula Heinze, Mª López Sandez, Andrea Maceiras, Xesús Manuel Marcos, Paco Martín, Martínez Oca, Marina Mayoral, X.L. Méndez Ferrín, Xosé Miranda, Estro Montaña, Eva Moreda, Olga Novo, Enma Pedreira, Elvira Ribeiro, Eli Ríos, Riveiro Coello, Rodríguez Fer, Alfonso S. Palomares, Anxos Sumai e Rexina Vega.

  • VV.AA., Fisterra. Relato curto en Galicia, Linteo, Ourense, 2022, 22€

Suscríbete para seguir leyendo