Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TEATRO

O capítulo número 15

James Joyce, dramaturgo

Un momento na celebración anual do Bloomsday.

En febreiro de 1922 publicábase por primeira vez a novela titulada Ulysses, da que era autor James Joyce, quen anos antes xa presentara volumes tan importantes como Dublineses (1914) ou Retrato do artista cando novo (1916), os dous dispoñibles en lingua galega, ao igual que Ulysses. En 1918 sae do prelo Exiles, unha peza dramática na que segue a estela de Henrik Ibsen, un dramaturgo que en países dun marcado integrismo relixioso era ben pouco apreciado, malia os esforzos de autores como George Bernard Shaw ou Ignasi Iglesias por defender a súa relevancia. A edición de Ulysses na súa lingua orixinal coñeceu problemáticas diversas en países de expresión inglesa coma os Estados Unidos de América ou Inglaterra, que tamén padeceu a editora Margaret Caroline Anderson, que publica os primeiros capítulos na revista The Little Review, que fundara en 1914 en Nova York. Finalmente será Silvia Beach quen publique a novela íntegra desde a súa librería de París, Shakespeare & Co, hai agora cen anos, un motivo de celebración por motivos varios.

E entre eles destacamos agora a importancia que pode ter o capítulo 15, que nalgún momento levou a denominación de “Circe”, en tanto a novela no seu conxunto, como expresara o seu autor, ten algunha relación coa Odisea, e cos diferentes episodios que vai vivir Ulises na súa loita por retornar a Ítaca. Un capítulo escrito en modo dramático e que se debe entender como un texto dramático incrustado nunha novela, sen que tal encaixe lle faga perder a súa natureza formal, como tamén acontece con outros notables exemplos que podemos encontrar en obras tan relevantes como Moby Dick, de Herman Melville, ou This Side of Paradise, de Francis Scott Fitzgerald, e sen esquecer En la luz del día, magnífico manifesto factográfico de Ramón María del Valle-Inclán.

O texto que Joyce nalgún momento titulou Circe presenta a estrutura propia dunha peza dramática, con texto primario, ou diálogos, e texto secundario, ou anotacións dramáticas, nas que se deixa sentir a voz poderosa dun dramaturgo implícito que formula co seu discurso unha notable revolución literaria, que no eido da creación dramática ten a mesma transcendencia que vai ter a novela no eido narrativo. As tales anotacións, da man do tal dramaturgo, que se move entre unha obxectividade case fotográfica e unha subxectividade cáustica, cobran vida propia e deixan de ser simples indicadores de acción, tempo ou lugar, para convertérense nun espazo de plena expresión literaria, tal e como viña propoñendo Valle-Inclán en pezas igualmente notables como Águila de blasón ou Luces de bohemia.

James Joiyce por volta de 1904. Manuel F. Vieites

Certamente a peza que denominamos Circe non figura como tal nas historias da literatura dramática, ou nas historias do teatro, e tampouco non figura James Joyce como dramaturgo nun volume tan salientable como The Cambridge Guide to Theatre. Non obstante as evidencias formais non se poden obviar, como xa fixera en 1968 Roberta Salper de Tortella en relación a En la luz del día, nun artigo tan valente como iluminador. Felizmente cada vez son máis as voces que se suman a ese reclamo de situar Circe na ribeira dramática, para poder explicar o texto coas ferramentas propias e distintivas da análise dramática, cobrando así un relevo excepcional.

Son moitos os aspectos a destacar nun texto, e seguimos con Circe, que quizais sexa o máis innovador no campo dramático en todo o século XX. Un deles deriva de presentar unha fascinante síntese das diversas correntes que se configuran no espazo das vangardas históricas, do expresionismo ao dadaísmo, do futurismo ao surrealismo, e moi especialmente tomando o cubismo como técnica de composición e tratamento da materia dramática. Outro deriva da posibilidade de que, con Circe, Joyce cumprise o soño de Hugo de crear un teatro en absoluta liberdade, ou os de Alfred de Musset, Theodore F. de Banville ou Stéphane Mallarmé de xerar un teatro mental, renunciando á escena e propoñendo que a materialización do texto se construíse na lectura, grazas á imaxinación de lectoras e lectores. Estética da recepción, dirase décadas despois.

Con este capítulo 15, de nome Circe, e co 18, de nome Penélope, Joyce convértese nun dos máis importantes dramaturgos do século XX. Ora é de celebralo.

En Galicia

A relación primeira do Ulysses con Galicia foi analizada por varios autores, e destacamos as achegas de Xoán González Millán (1989) ou Joaquim Ventura (2016), que se ocupan das peripecias de Ramón Otero Pedrayo na tradución de varios fragmentos que publica a revista Nós en 1926. Sen restar importancia a tal peripecia, quizais sexa aínda máis relevante a pegada que a novela puido ter nas nosas letras naquela altura e no grupo Nós, e para iso cómpre considerar o que podemos ler na novela de Álvaro de las Casas, Xornadas de Bastián Albor (1931), cando o narrador fala do entusiasmo de Domingo García-Sabell ao recibir un exemplar da novela de Joyce.

Para alén de influencias evidentes, como a que podemos documentar, no plano formal, en O porco de pé (1928) de Risco, non podemos esquecer as que transparenta toda a obra dramática de Ramón Otero Pedrayo, nomeadamente pezas como O desengano do prioiro, Teatro de máscaras, ou Rosalía, sendo este último un dos máis importantes textos da nosa dramática, malia que unha e outra vez se fale del como novela dialogada.

Por aí tamén destaca a transcendencia do capítulo 15, ou a do 18, para tomar conciencia da natureza versátil do texto dramático, ou para explicar tendencias últimas, xa contidas nese monumento literario que Joyce publica en 1922, e que grazas ao empeño da Editorial Galaxia podemos hoxe ler comodamente en galego, na lingua nosa.

Compartir el artículo

stats