Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Marilar Aleixandre | - escritora

“Intentei meterme na pel das reclusas da Galera”

Marilar Aleixandre, nunha recente imaxe en Compostela. Xoán Álvarez

Aleixandre regresa ás librerías con dúas novidades editadas por Galaxia: a novela As malas mulleres, onde a autora pescuda nas vidas das reclusas do cárcere de A Galera, e o ensaio Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán, que coasina con María López Sande.

–Como coñeceu Vde. a historia do cárcere da Galera e cando e por que decidiu escribir unha novela baseada no que acontecía nesa prisión?

–Na biografía de Concepción Arenal, de Anna Caballé, lida ao escribir sobre Pardo Bazán, encontrei o nome, A Galera, e o número de trescentas presas, só iso. Non puiden localizar información ningunha sobre a prisión, talvez por ser historias de inxustizas que a xente prefire esquecer; os cárceres, como di Foucault, son formas de exercer o poder, de subxección dos corpos. Os cárceres de mulleres están aínda máis vencellados ao que as mulleres poden ou non poden facer co seu corpo. As Galeras foron propostas por Sor Magdalena de San Jerónimo en 1608 a Felipe III por “non haber bastante castigo a estas malas mulleres”, de aí tomei o título. Hóuboas por todas as cidades, mais na Coruña case ninguén sabe que a rúa debe o nome ao cárcere. Imaxinei un conflito entre Arenal e unha rapaza presa.

–Unha das personaxes protagonistas de As malas mulleres é Sisca, unha rapaza de quince anos. Está baseado nalgunha persoa real ou nela conflúen as vidas de varias daquelas mulleres?

–Ao non haber documentos sobre o cárcere, non podía saber a historia de ningunha presa en 1863. Só coñecemos o nome dunha: Pepa a Loba, que se foi facendo un lugar na novela. Si sabemos que aos quince anos estaban xunto coas adultas. Sisca é personaxe de ficción, mais o motivo que a levou ao cárcere, desvelado cara á metade do libro, está baseado nunha historia real, que sucedeu na Coruña en 1953, pois as mulleres seguían sen ser donas dos seus corpos. Intentei meterme na súa pel, a dunha rapaza de familia traballadora, filla de lavandeira, que nin sequera puido ir á escola.

Portada do libro "As malas mulleres".

Portada do libro "As malas mulleres".

–Cales eran os delitos dos que eran acusadas a maioría das mulleres que estaban alí presas?

–Non o sabemos, ao non haber datos sobre a Galera. Segundo as Cartas aos delincuentes, de Arenal, a meirande parte estaban presas por pequenos roubos, ou por exercer a prostitución ao non ter posibilidades de traballar; tamén por abortos, ou por infanticidios, mortes de criaturas para ocultar un embarazo, que levan a Emilia Pardo Bazán a propoñer en 1901 maternidades públicas para salvalas. Poucas, como Pepa a Loba, acusadas de asasinatos. Na novela “o mudo coro das malas mulleres” narra encontros con predadores sexuais que acaban en mulleres presas.

–Accedeu Vde. a algún informe que Arenal fixera a raíz da súa visita?

–A Galera sumiuse na desmemoria, daquela tirei do fío da Sociedade da Madalena, fundada por Arenal e Juana de Vega para mellorar a vida das presas. Grazas á axuda de Carmen Martínez, da Biblioteca Franciscana de Compostela, localicei as Memorias inéditas da sociedade. Nelas podemos albiscar a situación da Galera á chegada de Arenal, os atrancos á Sociedade para ensinar a ler as presas, ou a necesidade de mercar leite e medicinas para as criaturas das presas. Esas breves notas de Arenal desenvólvense na novela, debullando a resistencia das autoridades a que as reclusas aprendesen a ler; na época tampouco os pais consideraban necesario que as fillas aprenderen a escribir. Na novela os libros, sobre todo Cantares gallegos, son unha táboa de salvación, unha faísca de esperanza para as desesperadas

–Concepción Arenal é unha figura ben coñecida. Non tanto Juana de Vega. Pesou moito neste esquecemento o feito de que fora a muller do célebre militar Francisco Espoz y Mina?

–Juana de Vega tiña inicialmente pouca presenza; mais ás veces as personaxes levan a autora a mudar os seus plans. Foi unha muller afouta, participou desde nena nas conspiracións contra o absolutismo, tivo que fuxir de España con Mina, denunciou as corruptelas..., as súas Memorias íntimas revelan unha vida de novela. Na ausencia do recoñecemento que merece, pesou máis o ser muller; segundo Xosé Ramón Veiga, presentarse como viúva de Mina é unha estratexia para participar en política, o que estaba vedado ás mulleres.

"O pensamento de Pardo Bazán adiántase ao seu tempo: reclama todos os dereitos para as mulleres"

decoration

–Tamén acaba de saír do prelo Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán que Vde. co-asina con María López Sández. Cre que se está a reivindicar suficientemente o feminismo de Pardo Bazán agora que se celebra o centenario da sua morte?

–O pensamento feminista de Pardo Bazán adiántase ao seu tempo: reclama todos os dereitos para as mulleres, e ademais identifica os fundamentos da exclusión, a ideoloxía e os mecanismos que subxacen e hoxe chamamos patriarcado. Un exemplo é a idea de que “o home se cre dono da vida e morte da muller” na base dos mullericidios –palabra que ela crea, contra o termo de “crimes paixonais”–; outro é a denuncia da “dobre moral” no sexual, ou no dereito ao traballo remunerado. Creo que a meirande parte das feministas o reivindican, aínda que en Galicia algunhas correntes seguen a ollala a través do antagonismo con Murguía. Paréceme pouco acaído procurar nos seus escritos cuestións que xorden moito despois. Animo a lela, sobre todo o ensaio A educación do home e da muller, axiña dispoñible en galego.

"Movendo os marcos do patriarcado", que Aleixandre coasina con María López-Sández.

"Movendo os marcos do patriarcado", que Aleixandre coasina con María López-Sández.

–Como fixo na súa época Pardo Bazán para compatibilizar o seu feminismo radical co feito de que fose unha muller moi católica e, politicamente, moi conservadora?

–Foi unha muller moi complexa e contraditoria, como tantas persoas, mais isto que se recoñece nos varóns non se perdoa ás mulleres. No XIX, como analiza Isabel Burdiel na súa biografía, o cristianismo aceptaba mellor certa igualdade das mulleres –almas iguais aos ollos de Deus–, que os liberais. Así os krausistas, igual que eran nacionalistas españois e opostos aos nacionalismos emerxentes, como o galego, tiñan ideas bastante reaccionarias sobre as mulleres, defendían que estudasen, mais para seren mellores nais e educar mellor os fillos. Un deles, Altamira, é dos máis duros opositores a que Emilia ou calquera muller entrase na academia. Emilia foi conservadora no político, excepto no feminismo, mais apoiou con cartos a Institución Libre de Ensino. E foi católica, relativamente, incumpriu os mandatos da Igrexa, por exemplo na súa vida amorosa. É notable que nas súas novelas, La piedra angular –contra a pena de morte–, Un viaje de novios, La Quimera, os personaxes máis positivos, encarnando ideas avanzadas, son médicos, librepensadores ou mesmo descritos como ateos. Defendeu o dereito das mulleres á sensualidade e ao pracer, contraditorio coa moral católica. Á filla da mestra galega Carmen López-Cortón desexoulle “moitísimo marimachismo, bigote, cello e ideas subversivas sobre as relacións entre as dúas metades do xénero humano”. Hai na súa vida e na súa obra tensións moi interesantes.

Compartir el artículo

stats