Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A cámara escura

Distorsións e perversións

Novas tecnoloxías: un mundo de posibilidades pero asemade distorsións.

Este texto que presentamos, A cámara escura, do que é autor o dramaturgo e antropólogo José Luis Baños de Cos, foi o gañador en 2020 do terceiro Certame de Textos Dramáticos Roberto Vidal Bolaño, convocado polo Concello do Porriño, o Instituto de Educación Secundaria Ribeira do Louro e mais Editorial Galaxia, que o vén de editar. O xurado estivo integrado por Zé Paredes, Delio García, Inma López Silva e Raquel Castro. Publícase na colección “Costa Oeste”, destinada á mocidade. Un acerto.

A peza, dunha actualidade certamente notable, admite lecturas varias. Unha delas podería artellarse a carón da teoría dramática para considerar a maneira en que se configura o conxunto, e máis concretamente unha trama sutil, argallada en secuencias moi breves, ao xeito de chíos; outra podería vir dada pola súa dimensión semántica, ao presentarnos temáticas especialmente relevantes no momento actual, aínda que tamén cabería pensar na Filosofía da Educación, pois de forma implícita, e mesmo sen querelo, o texto traslada un manifesto educativo relevante, e por aí asoma unha dimensión pragmática que cómpre destacar. Estas últimas posicións son as que informan a nosa lectura, pois permítenos incorporar as dúas primeiras, e ampliar a nosa visión.

"O texto reflexiona arredor dos perigos e mal uso das novas tecnoloxías"

decoration

En efecto, o texto, que semella querer reproducir unha actividade de aula nun instituto calquera na que se mostra a emerxencia da arte fotográfica a partir das primeiras experiencias coas imaxes proxectadas (ben que non se fale do sabio chinés de nome Mo Tzu), presenta quince fotografías, que operan a modo de escenas instantáneas en diferentes momentos da peripecia vital de Alicia, personaxe central. Un nome con tantas connotacións, e que nesta ocasión ten moitas e moi diversas resonancias, se pensamos en espellos, pozos que semellan buracos negros, ou na maneira en que dun segundo para outro o mundo se volve do envés, e comeza entón unha noite mesta, cega, de pedra. Un pesadelo.

Trata a peza das consecuencias nefastas que derivan de subir ás redes sociais imaxes persoais que estando dirixidas a unha persoa moi concreta, acaban por ser compartidas urbi et orbi, o que sitúa a quen habita a imaxe nunha situación de absoluto desamparo, ao ser obxecto de mofa e moca por parte de grupos moi diversos, entre eles o de clase, instituto ou barrio, que actúan coma unha sorte de coro, e imitan de forma precisa o pensar e o facer dos que eran propios dos dramas satíricos da Grecia clásica, lonxe de calquera pulsión reflexiva ou crítica. Un coro que, tendo sempre dous ou tres corifeos que actúan coma galos de curral, xera, da maneira máis cruel que poidamos imaxinar, un proceso de conversión do suxeito en obxecto, en cousa, o que pola súa vez deriva en clastomanía, ou tendencia á autodestrución.

O autor teatral José Luis Baños de Cos.

Así, a imaxe que Alicia traslada a través dese mecanismo de proxección case universal que denominamos teléfono móbil, nun acto de intimidade cómplice, pero tamén inocente, proxéctase en todas as paredes e muros de todas as xentes de todos os mundos, e a cámara escura deixa de ser tal. Esa distorsión da comunicación, que asenta nunha traizón, acaba provocando a máis pérfida das perversións, cando os seres humanos se converten en depredadores do alleo cunha facilidade malsán. E por aí abrolla a dimensión educativa dun texto que alerta dos perigos destas tecnoloxías novas que nos ofrecen un mundo de posibilidades de comunicación e interacción pero que tamén poden activar infernos insoportables. Motivos de reflexión.

Aprender a actuar

En 1996 a Unesco publicaba un informe, A educación encerra un tesouro, coordinado por Jacques Delors, quen tamén asinaba un capítulo, “Os catro piares básicos da educación”, onde sinalaba a importancia de considerar, por riba de materias e contidos de estudo, aprendizaxes previas e transversais necesarias para que a persoa constrúa unha sólida estrutura emocional, social e cognitiva. Falaba así de aprender a ser, aprender a facer, aprender a coñecer ou aprender a convivir. Catro capacidades fundamentais na vida enteira da persoa, pero por diante das que deberiamos situar a que consideramos aprendizaxe esencial, ou a capacidade de actuar en toda situación que nos presenten os escenarios sociais polos que transitamos no día a día.

Unha capacidade que implica poder elaborar en cada momento unha dramaturxia precisa, en tanto construción desa acción necesaria que toda situación require. Unha dramaturxia da existencia que nos permite formular plans de acción e calibrar as súas consecuencias, mais nun contexto lúdico, no que aprendemos a vivir, explorando o valor educativo do erro. Velaí a importancia dunha educación dramática actualmente ausente das aulas pero que tanto podería facer para construír persoas libres, autónomas, tolerantes e solidarias. Retos da educación do presente, lonxe de receitas e modas e dun currículo caduco.

Compartir el artículo

stats