III Gala do Deporte de Cambados

Cambados vístese de “gala” para render tributo aos seus deportistas

» O deporte da vila presumirá este sábado de boa saúde con 60 candidaturas e premios en 14 categorías

Os titulares de Deportes, Fernando Patricio, e Cultura, Tino Cordal, presentaron a programación do evento este martes.

Os titulares de Deportes, Fernando Patricio, e Cultura, Tino Cordal, presentaron a programación do evento este martes. / Faro

A vila quenta motores estes días para vestirse de gala e homenaxear por todo o alto aos seus deportistas, adestradores, clubes, escolas e demais impulsores do sector como merecen. 

A III Gala do Deporte de Cambados volverá este sábado ás 20.00 horas da tarde ao auditorio da Xuventude da vila tras dous anos de parón pola pandemia.

Unha cita coa que o Concello quere render tributo “ao deporte cambadés que tantas alegrías esta dando á vila”, en palabras do propio edil de Deportes, Fernando Patricio, que este martes presentou a programación do evento xunto ao tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Tino Cordal

14 categorías en premios

A entrada á gala será de balde ate completar aforo e seguirá a estrutura de edicións anteriores. Unha cita que contará con premios nas seguintes 14 categorías:

  • Mellor deportista masculino e feminino,
  • Mellor deportista promesa masculino e feminino,
  • Mellor deportista veterano masculino e feminino,
  • Mellor adestrador e Mellor adestradora,
  • Mellor equipo dunha entidade,
  • Mellor club,
  • Mellor escola deportiva,
  • Mellor patrocinio e colaborador co deporte,
  • Mellor traxectoria deportiva e
  • Mellor evento do ano. 
Durante a gala, farase entrega de tres mencións especiais a tres ex-presidentes do Clube Xuventude de Cambados.

Durante a gala, farase entrega de tres mencións especiais a tres ex-presidentes do Clube Xuventude de Cambados. / Noe Parga

Mencións especiais

A III Gala do Deporte de Cambados terá lugar o sábado ás 20.00 horas no auditorio da Xuventude con entrada de balde ata completar aforo

Haberá ademais tres mencións especiais para tres grandes impulsores do deporte da localidade: os ex-presidentes do Clube Xuventude de Cambados José González Crespo, José Prado Acha e Benito González San Isidro, “tres persoas moi especiais que fixeron moito polo deporte de Cambados, que levaron ao clube onde está hoxe e que traballaron arreo para que seguira adiante”, en palabras de Fernando Patricio sobre un “merecido recoñecemento ao seu bo facer”. 

Pola súa banda, os 14 gañadores foron escollidos entre máis de 60 candidaturas por un xurado composto por periodistas especializados en Deportes e que non o tivo nada doado á hora de elixir. Ademais, o Concello tamén confirmou que haberá un detalle para cada un dos tres nominados de cada unha das categorías contempladas polo certame. 

Todo listo para festexar o deporte da vila cunha gala moi especial.Terá lugar ás 20.00 horas da tarde do sábado no auditorio da Xuventude e contará cunha longa lista de nominados que amosan a boa saúde da que goza o sector en Cambados e dos que, móstrase convencido Cordal, “seguro que todos merecen premio”.