NADAL OURENSE 2022

As enfermeiras de Ourense despiden o ano coa súa gran homenaxe á experiencia

» Tras dous anos de esforzo e loita pola pandemia, o COE Ourense retoma a súa festa anual » Unha cita na que se rendeu tributo ás 44 profesionais que se xubilaron e as 28 que celebraron a súas Vodas de Prata

Foto de familia durante o evento.

Foto de familia durante o evento. / Cedida

Había moito que compartir, moitos aos que render tributo tras dous anos de loita e esforzo no que as enfermeiras e enfermeiros de Ourense traballaron sen descanso para sacar adiante aos enfermos durante o peor da pandemia da Covid-19

Por iso este ano o acto de Homenaxe á Excelencia Profesional resultou especialmente significativo para todas e todos, porque voltaba tras dous anos de parón sen poder celebrarse, e porque o labor do sector, queda lonxe de toda dúbida, debúxase como máis fundamental se cadra ca nunca. 

“No se trabaja de enfermera, se es enfermera”

Unha cita moi esperada na que se despediu un ano duro para o colectivo e durante o que o persoal enfermeiro volveu amosar a súa valía e é que, tal e como expresou a propia presidenta da organización colexial, Ascensión Pérez Sampayo, durante o seu discurso no acto: “No se trabaja de enfermera, se es enfermera”, dixo en referencia a unha cita da escritora catalá Gisela Pou.  

Neste senso, o evento rendeu tributo e recoñeceu a traxectoria das 44 profesionais que se xubilaron e as 28 que celebraron a súas Vodas de Prata durante os anos 2020 e 2021, nos que non se puido celebrar o evento. Elas foron en boa parte as protagonistas da xornada conmemorativa, que arrancou cunha Eucaristía de Acción de Gracias presidida por Monseñor Leonardo Lemos, bispo da Diócese de Ourense, na Catedral de San Martiño. 

A este respecto, a presidenta da organización colexial, Ascensión Pérez Sampayo, quere agradecer unha vez máis o apoio constante, e especialmente durante a pandemia, da Igrexa e da poboación ourensá, con especial mención a Monseñor Leonardo Lemos, encargado de oficiar a misa, e a todos os sacerdotes e seminaristas que participaron na cita relixiosa, ademais de ao coro formado polas relixiosas da Congregación Hijas de Nuestra Señora del Sagrado Corazón María Madre; que tampouco esquece a mención aos medios de comunicación “que en todo momento nos apoiaron, acompañaron e visibilizaron o labor da profesión enfermeira durante os tempos tan duros que nos tocou vivir como sociedade”. 

Un xantar de fraternidade ‘cheo de sorpresas’

A celebración continuou cun xantar de fraternidade no Restaurante A Carballeira de Santa Cruz. Foi durante os aperitivos cando se produciría a primeira sorpresa da xornada: a actuación da Real Banda de Gaitas de Deputación de Ourense, baixo a dirección de D. Xosé Luis Foxo. Trala interpretación do himno galego, a agrupación abandonou a sala e deu inicio o xantar, o cal estivo amenizado pola actuación dos bailaríns Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo (profesores da escola SanTango de Santiago de Compostela).

Durante a sobremesa, as homenaxeadas recibiron os diplomas e obsequios por parte das autoridades presentes: o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (quen foi substituído na parte final da entrega polo tenente alcalde Armando Ojea); a deputada provincial de Benestar, Luz Doporto; o comisario xefe provincial da Policía Nacional de Ourense, Juan Carlos Blázquez; a presidenta do COE Ourense, e Ascensión Pérez Sampayo, acompañada da presidenta do COE A Coruña, Inés López Carral, e da presidenta do COE Lugo, Lourdes Bermello López.