Entrevista | Diego Vázquez Presidente do clúster Galicia Constrúe

“Na construción necesitaríamos máis de 3.000 traballadores novos e cualificados”

"A economía circular é urxente e necesaria porque é un dos sectores que máis recursos consume e máis restos xera"

"Os concellos foron menos receptivos ás revisións pola inflación"

“Na construción necesitaríamos máis de 3.000 traballadores novos e cualificados”

“Na construción necesitaríamos máis de 3.000 traballadores novos e cualificados”

R. V.

“Hoxe en día, os mozos de 16 a 29 anos representan só un 9,1% dos traballadores do sector fronte ao 25% que supoñían no 2008”, indica Diego Vázquez, o novo presidente do clúster Galicia Constrúe que botou a andar a principios de mes integrado por 42 empresas e catro centros tecnolóxicos.

Que é o clúster da Construción e qué retos ten? 

É unha entidade aberta á participación e colaboración de empresas, organismos e entidades públicas e privadas que conforman a cadea de valor e que nace para dar resposta aos seus retos tecnolóxicos, sociais e medioambientais. A día de hoxe, está integrado por 42 empresas e catro centros tecnolóxicos. O seu principal obxectivo é acompañar ás empresas a adaptarse a este tempo de transformacións tecnolóxicas e sociais. Aspiramos a conseguir a tripla sustentabilidade: económica, social e ambiental para lograr a rendibilidade das nosas empresas; a consolidación e mellora das condicións laborais e reducir o impacto no medio ambiente. Outro dos seus obxectivos é seguir potenciando a igualdade, conseguindo incrementar a presenza da muller e incorporar a xente nova, garantindo así o recambio xeracional.

En que estado se atopa o sector en Galicia? Cánto subiron os materiais?

Atópase nun momento complicado debido ao incremento dos prezos das materias primas que, aínda que se moderaron nos últimos meses, acumulan un aumento interanual do 12,1% segundo o último índice do Ministerio de Transportes. Esta situación provoca que moitas pequenas e medianas empresas se atopen nun momento difícil xa que, ante o aumento de actividade, teñen que afrontar a paralización e o retraso de moitas obras pola carestía dos materiais.

Huobo falla de sensibilidade do Goberno á hora de adaptar os contratos á coxuntura económica? E da Xunta?

O comportamento da Administración do Estado e da Xunta á hora de ter en conta esta situación foi positivo; sin embargo, hai que facer fincapé en que non ocorreu o mesmo no caso das Administracións Locais, moito menos receptivas á hora de ter en conta a inflación. Específicamente, polo que se refiere á revisión excepcional de prezos non tivo aplicación esperada, xa que na maioría dos casos, optaron polo silencio negativo cos prexuízos que isto conleva.

“É necesario facer fincapé en que a xente nova e as mulleres vexan a construción como un sector atractivo”

Un dos grandes problemas é a falta de man de obra especializada. Canta fai falla en Galicia? Esta cerencia e cuestión de salarios, de falla de formación...?

Segundo estimacións da Fundación Laboral de la Construcción, necesitariamos incorporar máis de 3.000 traballadores novos e cualificados para cubrir os postos de persoal que se xubila e o incremento de actividade das empresas. As empresas da industria necesitan adaptarse ás necesidades sociais do mercado laboral. Hoxe en día, os mozos de 16 a 29 anos representan só un 9,1% dos traballadores do sector fronte ao 25% que supoñían no ano 2008, segundo a Confederación Nacional de la Construcción (CNC). Non debemos demonizar á xente nova que está buscando outro tipo de emprego distinto ao da construción. Máis ben temos que ser capaces de adoptar rapidamente os cambios de cultura empresarial e social necesarios para que a xente nova queira incorporarse á construción, porque se non o fan é porque non a están a percibir como unha industria atractiva para eles.

Qué perfís urxe contratar? E formar?

Hoxe en día, os postos máis demandados son albaneis, carpinteiros, electricistas, fontaneiros, encofradores, pintores, operadores de maquinaria ou montadores de estruturas metálicas que non se repoñen tras as xubilacións. Pero tamén é necesario facer fincapé en que a xente nova e as mulleres vexan a construción como un sector atractivo. Por iso quero animar a que estes colectivos se formen e traballen na industria para que constaten que é unha oportunidade laboral con moito futuro.

Por que hai tan poucas mulleres e qué se pode facer para favorecer a súa incorporación?

A incorporación de mulleres ao sector é lenta pero progresiva. Segundo datos do Observatorio Industrial de la Construcción, en Galicia, están traballando en construción 6.216 mulleres, que representan o 8,4% do total das persoas ocupadas do sector na comunidade e o 5% do total de mulleres empregadas en construción. Estas cifras supoñen un aumento do 12,7% do total de traballadoras do sector en Galicia con respecto a 2021. Aínda queda moito camiño para lograr a igualdade. Por iso, dende as empresas temos que ser capaces de mellorar a conciliación para favorecer a incorporación de mulleres.

Cales son os principais retos e dificultades aos que se enfrontan as empresas do clúster?

Son moitos. Un deles é o de saber adaptarse ao proceso de transformación coas novas esixencias de sostibilidade e ás novas tecnoloxías, unha realidade que chegou para quedarse e que as empresas deben ir introducindo na súa actividade. Outro reto, que á vez é unha dificultade, é a captación de xente para traballar no sector. A falta de profesionais cualificados está levando a algunhas empresas mesmo a rexeitar proxectos por non dispor da man de obra necesaria para realizalos. Ademais, estamos ante un escenario de incertidume que complica a toma de decisións

Ónde están as oportunidades?

As oportunidades atópanse en incorporar a innovación aos seus procesos produtivos para mellorar a súa competitividade. Aplicar a economía circular no sector da construción tamén é unha oportunidade urxente e necesaria porque é un dos sectores que máis recursos consume e máis residuos xera. Noutras palabras, búscase aumentar o ciclo de vida dos recursos e tamén o ciclo de vida dos edificios, reducindo os residuos e empregando a reciclaxe de materiais así como a súa posterior reutilización.

Cara a onde tende a edificación en Galicia?

A edificación en Galicia tende cara á eficiencia enerxética para reducir a contaminación e mellorar a saúde, o benestar e o confort das persoas. Hoxe en día é prioritario reducir o impacto no medio ambiente, chegar ao consumo enerxético nulo e utilizar métodos e materiais renovables, así como unha iluminación natural, a correcta regulación térmica, a utilización de sistemas de climatización e de iluminación eficientes ou unha boa calidade do aire.

"A falta de profesionais cualificados está levando a algunhas empresas mesmo a rexeitar proxectos"

Que modelos deberíamos copiar doutros países?

Neste sentido, hai países europeos que levan moitos anos apostando pola construción sostible. Un exemplo é Noruega, un país moi preocupado polo consumo de enerxía e o impacto no medio ambiente ou Irlanda, onde a maior parte dos proxectos novos se realizan baixo estándares sostibles, reducindo a cero as emisións de CO2.

Cáles son as grandes licitacións pendentes na comunidade?

Entre as licitacións pendentes en Galicia que son importantes para vertebrarnos territorialmente co Noroeste da Península figura o Corredor Atlántico de Mercadorías. Permitiríanos posicionarnos como territorio competitivo, atraer inversión e talento, potenciarnos como nodo de conexión intercontinental e combatir o despoboamento a través dunha rede de infraestruturas digna. Sería tamén relevante incorporar o Noroeste no mapa de autopistas ferroviarias deseñadas polo Goberno de España así como a conexión das principais cidades de Galicia por Alta Velocidade. Do mesmo xeito, é imprescindible apostar pola conexión férrea con Portugal para vertebrar por alta velocidade o Eixe Galicia-Porto. Tampouco debemos esquecernos que debemos mellorar a especialización e coordinación dos aeroportos de Galicia, para contar cunha conexión aérea competitiva co resto de España, Europa e o resto do mundo.