“Necesitamos moita eficiencia enerxética, pero aínda así a demanda renovable é monumental”

“Pregúntome se unha sociedade avanzada como a galega, con grandes recursos eólicos e solares, pode ollar para outro lado sen reflexionar sobre a emerxencia climática”

O catedrático e investigador, Xavier Labandeira.

O catedrático e investigador, Xavier Labandeira. / PABLO HERNÁNDEZ GAMARRA

Julio Pérez

Julio Pérez

Para Xavier Labandeira pesa máis a conciencia científica que as posibles críticas que poida recibir por alzar a voz ante o ruído ao redor das enerxías renovables. “Os incentivos individuais de participar en debates tan complexos e polémicos son moi limitados –asume o catedrático da Universidade de Vigo e director de Economics for Energy–, por non dicir que son negativos”. Por que o fai entón? Porque non lle gustaría repasar a hemeroteca “dentro de dez ou vinte anos” e ver “que non tivemos unha discusión completa e informada sobre como abordar a encrucillada actual”. Galicia, España e o resto do mundo xóganse coa descarbonización moito máis que un cambio de modelo enerxético. É a transición a outro paradigma económico e social do que dependen as condicións de vida no planeta. “Sempre pensei que os académicos temos, dentro das nosas capacidades e especialización, a obrigación de informar e participar nos debates clave da sociedade”, apunta un dos expertos de referencia mundial, membro do Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC). Avisa da importancia da elección, “un elemento central da ciencia económica, nun momento crucial”. “As eleccións que fagamos hoxe neste campo terán fortes implicacións para o futuro –subliña–: dicir si ou non a algo non é gratuíto porque hai moitas irreversibilidades potenciais asociadas ao cambio climático”.

  • Ficha persoal

    Xavier Labandeira (Vigo, 1967) é catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, onde forma parte do grupo de investigación Rede e do centro de ECOBAS. Dirixe Economics for Energy e foi autor principal do Grupo Intergubernamental de Cambio Climático da ONU (IPCC).

–Que sensación ten con toda esta discusión que se está dando nas enerxías renovables?

–Creo que esta oposición ás renovables forma parte dun fenómeno máis amplo: as crecentes e múltiples barreiras para avanzar de forma rápida no proceso de descarbonización. Hoxe temos problemas serios para que os políticos introduzan medidas moi necesarias pero custosas electoralmente, por exemplo impostos ambientais que incentiven o cambio. No mundo empresarial observamos cada vez máis greenwashing ou facer que se fai sen resultados. E moitos cidadáns rexeitan cambios no seu entorno ou estilo de vida. Probablemente todo o precedente estea relacionado coas expectativas creadas sobre a transición ecolóxica, que inicialmente se vendeu como un proceso suave no que todos iamos gañar. A realidade é ben distinta: un camiño pedregoso onde, a pesar de que os beneficios netos para a sociedade son positivos, haberá bolsas importantes de perdedores. Nun contexto coma este, e cunha mínima marxe de manobra ante o cambio climático por deixación nas últimas décadas, a preocupación é máxima.

–A discusión deixa de lado o primordial, que é a loita contra o cambio climático? A sociedade aínda non asimilou a urxencia?

–Sorpréndeme que moitos dos participantes do debate nin mencionen esta cuestión central: os retardos ocasionados polas múltiples barreiras ás que me referín antes van levar a maiores impactos do cambio climático. E lembremos que España será un dos países máis afectados do noso entorno, con graves implicacións sociais e económicas que xa estamos comezando a sufrir. No tempo de desconto para poder manternos por debaixo do aumento de 2ºC de temperatura, o obxectivo do Acordo de París, pregúntome se unha sociedade avanzada como a galega, con grandes recursos eólicos e solares, pode ollar para outro lado sen reflexionar sobre esta cuestión e as súas implicacións locais e globais.

–O acelerón da descarbonización ten moito que ver coa crise enerxética trala invasión de Rusia a Ucraína, pero é evidente que había razóns de sobra xa antes para cambiar o mix de xeración e consumo, non?

–O sistema actual é claramente insostible desde múltiples perspectivas ambientais, pero tamén implica depender de terceiros países, moitos deles nada recomendables e fiables como estamos vendo, e orixina unha inmensa exportación de rendas.

–Hay outra alternativa á electrificación para prescindir dos combustibles fósiles?

–A electrificación será crucial para a descarbonización porque é o único sector no que xa contamos con tecnoloxías moi maduras de produción que non emiten gases causantes do cambio climático. Asemade, trátase dunha enerxía moi eficiente en relación con outras alternativas fósiles. A electricidade producida con tecnoloxías limpas será fundamental para contar con hidróxeno para sectores non electrificables como a industria ou transporte pesado. Obviamente hai moitos intereses no conglomerado fósil para retrasar o proceso, ás veces reclamando “neutralidade tecnolóxica” ou esperar á aparición de tecnoloxías milagre. Ante a situación de emerxencia climática nin estamos en condicións de esperar nin precisamos milagres porque xa contamos con alternativas viables para poder descarbonizar.

–É posible ese camiño sen un despregue de renovables a gran escala?

–A escala é maior do que moitos imaxinan. Non se trata de facer uns poucos máis parques eólicos e hortos solares. Prescindir dos fósiles vía electrificación e hidróxeno verde esixirá un grandísimo aumento nas capacidades renovables. Necesitaremos moita eficiencia enerxética para unha menor demanda sobre a expansión renovable, pero aínda así será monumental. Algúns poden aducir a opción nuclear porque tampouco emite gases de efecto invernadoiro, pero hai moitas desvantaxes, desde custos moito máis elevados ata xeración de residuos radiactivos de vida milenaria.

El catedrático e investigador, Xavier Labandeira.  | // PABLO HERNÁNDEZ GAMARRA

Xavier Labandeira. / PABLO HERNÁNDEZ GAMARRA

–A proliferación de máis e máis grandes proxectos rompeu a convivencia que a eólica mantiña co territorio en Galicia desde finais dos 80. Que pensa do lema “Eólica si, pero así non”? Entende o malestar?

Entendo e comparto a preocupación e malestar ante a ocupación do territorio e os impactos da crecente xeración renovable, pero sen esquecer dúas cousas: que necesitamos actuar con rapidez e decisión ante o cambio climático e que outras alternativas enerxéticas son peores. En canto ao lema, pode ser válido sempre e cando non implique autoenganarnos e aporte solucións. Sobre todo, hai que evitar misturar todo e non engadir complexidade a un asunto que debe tratarse de forma secuencial. En particular, a crecente demanda directa de electricidade e a indirecta polo hidróxeno renovable esixe instalacións de grandes dimensións. Desafortunadamente non chega con autoconsumo ou aproveitamentos de infraestrutura existente. Debemos protexer, por suposto, lugares moi valiosos e singulares desde un punto de vista natural, pero non todos os lugares teñen esas características, como semella derivarse da ubicuidade da oposición anti-renovable. Naqueles lugares en que instalemos as tecnoloxías renovables hai que facelo procurando o máximo respeito ao entorno natural e prevendo o seu desmonte e reposición da integridade ambiental tan pronto como o avance de tecnoloxías enerxéticas menos invasivas o faga posible.

–É tamén evidente que a sociedade cambiou. Non é posible repetir, por exemplo, o modelo hidroeléctrico que no seu momento obrigou incluso a vaciar núcleos de poboación sen que houbera beneficios locais.

–Unha vez obtidas garantías ambientais, a expansión renovable debe garantir beneficios para os territorios, por xustiza e por compensación de impactos negativos. Hai diversas maneiras de conseguilo, mediante o pagamento de tributos ás administracións locais, con sistemas de concesión que requiran o pagamento dunha parte dos rendementos obtidos ás comunidades locais, etc. Creo que é importante desmontar a suposta relación inevitable entre renovable, dano ambiental e apropiación de rendas: está en man dos decisores políticos establecer as condicións para que esa causalidade non se produza. Aportemos, en fin, solucións secuenciais aos problemas.

–Pero as empresas teñen interiorizado ese cambio?

–As empresas non son ONGs e buscan, como todas, beneficios polas súas actuacións. Porén, as súas operacións deben levarse a cabo nun estricto marco regulatorio que garanta os máximos beneficios climáticos a mínimo custo ambiental local e remunerando axeitadamente aos propietarios e territorios que se ven afectados polas súas actividades. Teñamos en conta, en todo caso, que a transición ecolóxica será probablemente un dos procesos de investimento e desinvestimento máis intensos e en menos tempo experimentados pola humanidade, algo difícil de realizar sen o concurso do mundo empresarial e tamén da grande empresa.

"Elixir só pesca en lugares ben acotados, sen eólica, ten implicacións na acción climática e nos beneficios industriais”

–A ministra para a Transición Ecolóxica comentaba hai uns días en Galicia que entendía as reticencias á eólica no mar, pero también advertiu que non se pode vetar a chegada dun “novo veciño”. Comparte a reflexión? A pesca ten causas reais para ese rexeitamento absoluto?

–Por suposto, semella pouco defendible que alguén pretenda hoxe ter dereitos exclusivos e indefinidos sobre espazos que poden ter unha utilidade cambiante para a sociedade. Cando aparecen novos usos hai que procurar, en primeiro lugar, compatibilizalos coas actividades existentes. E semella, como recolleu este xornal hai poucos días, que este pode ser o caso para moitas actividades pesqueiras. Pero incluso se isto non fose así, debemos retomar o concepto da elección. Elixir só pesca en lugares ben acotados, imposibilitando así o desenvolvemento eólico en zonas de grande recurso e menores impactos paisaxísticos, ten implicacións claras sobre a acción climática e sobre os beneficios industriais directos e indirectos futuros no noso país. Estamos dispostos a tomar decisións como estas á lixeira?

O catedrático e investigador,  Xavier Labandeira.

O catedrático e investigador, Xavier Labandeira. / PABLO HERNÁNDEZ GAMARRA

[object Object]

–Pódese defender a necesidade de aproveitar os recursos autóctonos sen caer na idea do “espolio”?

–Como xa apuntei, debemos crear as condicións para que a expansión renovable, totalmente necesaria nun lugar con abundante recurso de vento e sol ante a emerxencia climática, respecte o entorno natural, non xere irreversibilidades ambientais e remunere axeitadamente aos propietarios dos espazos nos que se instale. Esa remuneración directa, por outra banda, pode ser só parte do beneficio que deixen os desenvolvementos renovables. En Galicia, por exemplo, os impactos industriais directos asociados ao desenvolvemento destas capacidades poden ser inmensos para o conglomerado do metal, ademais dos indirectos mediante a dotación de enerxía máis barata futura en forma de electricidade ou hidróxeno verde para os nosos consumidores industriais e comerciais. Tal vez algúns non son conscientes de que nestes momentos a industria dos países máis avanzados da UE está a buscar intensamente hidróxeno verde barato para garantir a súa competitividade futura e moitos territorios están apostando por xeración de enerxía limpa barata como factor de atracción de actividades e non para exportala. Estamos dispostos a desaproveitar esta oportunidade de futuro aquí, onde temos recursos renovables e non estamos sobrados de industria e empregos de calidade para as novas xeracións?

–Como? Hay que pensar nun novo contrato social coas renovables?

–O papel da regulación será fundamental para evitar posibles abusos dos promotores de renovables. Debemos dotarnos das capacidades para garantir a máxima protección e reintegración ambiental, e ser quen de reter parte dos beneficios asociados a estas fontes de enerxía non só mediante esixencias aos promotores, senón tamén aproveitando as oportunidades que se abren para o noso tecido produtivo.

–As tarifas eléctricas por zonas eran un tabú. Un atentado á unidade de mercado. Agora non parecen tan lonxanas.

–Creo que unha grande expansión renovable diferencial entre territorios, ben porque os recursos dispoñibles son desiguais ou porque algúns deciden non aproveitar as súas capacidades, esixe prezos enerxéticos distintos. O transporte de enerxía encarece o seu subministro e non ten sentido económico unha subvención a grande escala a territorios que non conten con capacidades renovables. Adicionalmente, estes prezos máis baixos son unha maneira de compensar polos custos ambientais locais asociados a estas tecnoloxías.

Suscríbete para seguir leyendo