Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xavier Labandeira Catedrático de Economía na UVigo, forma parte do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC)

“É fundamental que os prezos do transporte recollan os custos ambientais”

“O cambio climático terá efectos sobre todos: haberá movementos de poboación e fenómenos de inestabilidade política e socio-económica”

O economista Xavier Labandeira, esta semana ante a ría de Vigo. Marta G. Brea

Xavier Labandeira Villot (Vigo, 1967) pertence ao grupo de investigación Rede da UVigo e ao centro de investigación Ecobas. É director de Economics for Energy, centro de investigación privado especializado na análise das cuestións enerxéticas. A súa investigación sitúase na fronteira entre a economía climática, pública e enerxética.

–Este verán o cambio climático está a xerar moita atención na sociedade. Estamos ante un cambio de escenario?

–Efectivamente é moi preocupante observar fenómenos climáticos anormais e moi extendidos no planeta que, en moitos casos, pulverizan os máximos desde que temos rexistros. Eu destacaría dúas mensaxes: a primeira, que estamos observando na práctica o que a ciencia e organismos internacionais como o IPCC levan avanzando desde hai décadas, con eventos climáticos extremos que teñen importantes impactos sobre a mortalidade humana, impactos sobre as colleitas, recursos hídricos, súper incendios... E a segunda, que España está entre os territorios máis vulnerables ao cambio climático en case todos os indicadores e por iso é sorprendente que non dediquemos a este asunto moita máis atención social, mediática e política.

–Que implicacións terán estes impactos?

–Haberá perdas totais importantes, e ademais, existen importantes implicacións distributivas. Os que máis teñen causado o problema son os países e cidadáns con maior capacidade económica e os que o van sufrir con máis intensidade son os que menos teñen, con menor capacidade de adaptación ante o cambio do clima. É moi relevante telo en conta para non acrecentar esta inxustiza que, ademais, terá efectos sobre todos ao producirse movementos de poboación e fenómenos de inestabilidade política e socio-económica.

–É posible aínda reducir os impactos do quecemento global? 

–Aínda que sexa decrecente, aínda temos marxe de manobra; unha ventá de oportunidade para reducir emisións e conseguir limitar o cambio climático futuro. Non é que teñamos que reducir as emisións a cero nun período moi corto, pero si debemos contar o antes posible coas políticas e o entorno tecnolóxico para poder completar a descarbonización das nosas sociedades nos anos centrais do século. Isto coñecémolo como mitigación do cambio climático. Porén, as barreiras para conseguilo son moi importantes, como observamos mesmo en países desenvolvidos como España, onde é evidente que resulta moi difícil para a sociedade avanzar na redución da dependencia fósil, por exemplo vendo a oposición que estamos tendo ante medidas febles de eficiencia enerxética ou a ubicuidade das plataformas anti-renovables. Por iso debemos prepararnos para a adaptación a grande escala, das nosas actividades económicas e das nosas infraestructuras.

“Os incendios en Galicia requiren maior énfase na xestión do territorio continuada e menos na extinción”

decoration

–E en Galicia? 

–En Galicia merece unha mención especial o caso dos incendios, onde é necesario un cambio de paradigma. A constatación de que o cambio climático esixe medidas estruturais: poñer moito énfase na xestión continuada do territorio e menos nas medidas de extinción.

–Que podemos facer neste contexto en España?   

–Probablemente precisemos mudanzas radicais na agricultura, moi dependente de recursos hidrícos que non temos, e tamén no turismo, que deberá buscar un modelo que use menos recursos. Na xestión forestal, a adaptación pode reclamar nalgúns lugares medidas impopulares como proibicións ou expropiacións. Quizais haxa que priorizar actividades de adaptación que leven simultáneamente á redución de emisións: o caso do aforro de auga na agricultura ou a eficiencia enerxética no ámbito da edificación. Tamén destacaría, sen ánimo de esgotar todas as actuacións necesarias, o ámbito do transporte. Este é o principal emisor de gases causantes do cambio climático en España desde hai anos e, como apuntaba o recente Libro branco de reforma fiscal, é fundamental para a solución. En case todos eses ámbitos, é fundamental que os prezos recollan os custos ambientais que ocasionan estes consumos. Sei que é algo moi impopular, especialmente no contexto actual de elevada inflación, pero non concibo a mitigación ou adaptación ao cambio climático sen que os prezos lancen sinais e incentivos profundos.

“Galicia necesita un cambio de paradigma sobre o tráfico rodado e no urbanismo”

–Que papel xogan as cidades ante o cambio climático?

–Tanto en redución de emisións como en adaptación ao cambio climático son un axente fundamental. Desafortunadamente, o progreso está sendo máis lento do desexable na maior parte das cidades de España e Galicia: necesitamos un cambio de paradigma sobre o tráfico rodado e cambios a fondo no urbanismo, entre outras cuestións.

–Os máis novos están moi preocupados e xa realizan accións para mitigalo. Que peso deben adquirir o cidadáns neste proceso?

–Efectivamente é positivo ver o que sucede coa mocidade. Son os claros perdedores dun cambio climático sen control. E eles poden, sen dúbida, influir sobre certos segmentos da sociedade. Aínda que algúns opinan que os cidadáns pouco teñen que facer neste eido e que a responsabilidade está en mans de políticos e empresas, creo que esta actitude dificulta a loita. O cidadán pode tomar moitas decisións sobre o seu consumo, sobre investimentos (veículos, vivendas, empresas) e en democracias poden apoiar aos políticos máis proclives a actuar neste eido.

–Pódeselle pedir máis a cidadáns con poucos recursos?.

–A loita contra o cambio climático precisamente protexe a moitos deses cidadáns que non teñen posibilidade de adaptarse, como observamos hai semanas en moitos lugares do centro e sur de España ante as vagas de calor. As políticas de mitigación do cambio climático deben incorporar compensacións para aqueles que teñen poucos medios, que non impliquen subvencións ao consumo de fósiles –como as existentes na actualidade en España, moi indesexables– senón transferencias a fogares e subvencións a cambios de equipamento. Ese é o futuro para unha transición xusta e exitosa á descarbonización.

Compartir el artículo

stats