O Altar das Laxiñas: a plasticidade da paisaxe granítica

Capitán Gosende descobre un afloramento con marmitas e outras concavidades

O nomeado altar das Laxiñas.

O nomeado altar das Laxiñas.

Calros Solla

Na tarde do 12 de maio, os exploradores do Capitán Gosende roldamos as veigas próximas ás aldeas cerdedesas de Cavenca e A Revolta. Contra o lusquefusque, no lombeiro coñecido polas Laxiñas (370 m de alt.), baixo unha grosa capa vexetal e vedramio espiñento, ocultábase o curucho dun penedo granítico moi diminuído por extracción (coordenadas.- X: 550.154; Y: 4.708.656). Cremos ter retirado a cobertura vexetal que agochaba a metade leste do afloramento, que todo el podería atinxir uns 80 m2 de superficie. A cimeira da penela das Laxiñas, no avesío dunha pequena carballeira, cae no interior dunha masa común, restos comunais do parcelamento da agra de Cavenca e A Revolta, levado a cabo nos comezos da década dos 60 do pasado século (léase: El Pueblo Gallego, 6-10-1960).

O altar respecto ao trazado da estrada que se proxecta na Revolta.

O altar respecto ao trazado da estrada que se proxecta na Revolta. / Calros Solla

Malia o fragueiro ser obxecto de rotura para a obtención de chantas, postes (ou outros), os canteiros que o interviñeron respectaron –na sección visíbel– oito piocas de fondo cónico e/ou hemiesférico (tipo “marmita de xigante” de pequena cabida) e outras dúas de pouca profundidade e fondo plano (tipo “pía” ou “filloeira”). O conxunto confírelle plasticidade á pena, cuxo aspecto crebado e posición preeminente evoca un esquecido santuario pagán.

Avesedo das Laxiñas.

Avesedo das Laxiñas. / Calros Solla

As dimensións das marmitas van dende os 32 cm de diámetro e 21 cm de profundidade (a meirande), e os 17 cm de diámetro e 12 cm de profundidade (a máis cativa). Polo que respecta ás pías ou filloeiras, os seus diámetros acadan os 22 e 24 cm, cunha profundidade non superior aos 3 cm.

As marmitas de xigante son características dos bloques graníticos ribeiráns erosionados por cavitación e turbulencia en combinación cos fragmentos de rocha contidos nas propias concavidades, proceso obrado ao longo dos milenios polas correntes fluviais impetuosas. Pola contra, as pías e píos son o resultado da meteorización química da auga retida nas cavidades. Os fragmentos de rocha desprendidos son os responsábeis da meteorización física, causantes do aumento progresivo e vagaroso (após milenios) da anchura e profundidade da pía.

Orixe e formación

Tras documentarme un chisco verbo da orixe e formación das marmitas de xigante, véxome incitado a salientar que, de ser un torrente fluvial a forza executora, o bico do outeiro (lat. altarium) das Laxiñas afastaríase no presente uns 140 m cara ao suroeste do leito do río do Seixo, e uns 115 m cara ao leste do regueiro da Abelleira, afluente do río do Castro. O río do Seixo desemboca no río do Castro na chamada poza do Cura; e uns cen metros corrente abaixo, o regueiro da Abelleira desauga no río do Castro, cadrando coa bifurcación da Insua e antes da ponte de Santo Antonio. Sería o río do Seixo, encaixado no seu curso primitivo, o artífice das marmitas do coto das Laxiñas?

Anque sexan formacións naturais, a existencia tan perto dos casais dun outeiro pedroso adobiado con pías e marmitas é unha rareza. Acompañaranse –como é frecuente– pías e marmitas con mostras de actividade antrópica? É dicir, conterá o penedo algunha manifestación de arte rupestre? Suxestivo misterio que o colectivo Capitán Gosende, co permiso dos paisanos de Cavenca e A Revolta, desexa esclarecer. Cando advertido por nós, un dos veciños da Revolta contemplou a descuberta, exclamou: “Que ben que aparecese aquí esta pedra; parece un altar!!”.

Aniñou a historia ou a lenda no outeiro das Laxiñas? Polo momento, o pasado domingo puidemos recadar que, a comezos do século pasado, os célebres fogueteiros da Revolta dispuxeran alí unha das casoupas da pirotecnia. En maio de 1932, mala hora, Xosé Varela Varela, un dos artesáns, perdeu a vida naquel obradoiro ao detonaren os explosivos que manipulaba. Ao parecer, os cimentos do fatídico cabanel subxacen na fraguiza.

Saga de pirotécnicos

O petrucio Xesús Varela Troitiño capitaneaba a finais do século XIX a saga de pirotécnicos da Revolta, xa en activo en 1879. O 14 de febreiro de 1914, co gallo da celebración do Ecce Homo, os fogueteiros dan mostra do seu bo facer: “quemándose ... gran cantidad de fuegos de aire y artificio confeccionados por el reputado pirotécnico D. Jesús Varela, y elevándose al mismo tiempo globos de diferentes tamaños y sorprendentes figuras” (Progreso). O 11 de xullo do ano seguinte fan o propio en Pardesoa, na efeméride do San Benito: “Durante la misa fueron elevados multitud de fuegos voladores y globos grostescos, confeccionados por el pirotécnico de Cerdedo D. Jesús Varela” (La Región). No primeiro de febreiro de 1926, Os Remedios en San Xurxo de Sacos: “vísperas con globos y fuegos, a cargo del notable pirotécnico de Cerdedo señor Varela Troitiño” (El Pueblo Gallego). En abril de 1930, os fogueteiros solicitaban autorización para “establecer un taller de fabricación de fuegos artificiales en el lugar de Revolta” (Progreso). En setembro de 1931, polo San Roque, os artesáns da pólvora colleitan outro éxito en Aciveiro: “...lo que llamó poderosamente la atención fue un artístico ramo de fuego, figurando un aeroplano, y que subió a una altura considerable” (El Compostelano). Como dixemos, en maio de 1932 acontece o fatal accidente de Xosé Varela (fillo). Renacendo das cinzas, en decembro dese mesmo ano, Manuel Varela Varela (fillo) solicita permiso para establecer outro obradoiro de pirotecnia na Revolta (BOPPO).

Acaroado ao penedo das Laxiñas (cara ao sur), unha morea encampecida de rebo e cachote duns 11 m de diámetro lembra o feitío dunha mámoa. Será aquel montón túmulo prehistórico, ou cascallo de antigos cerramentos desaparecidos coa parcelaria?

Salvagarda integral do patrimonio: esta é a nosa présa. A présa de outros e socavar a aba oeste do singular outeiro das Laxiñas e abrir unha estrada para, eludindo o casarío da Revolta, facilitarlles o paso aos tráilers das eólicas.