Un prodixio da poesía en Oca

Con só 12 anos de idade, María Carballeda Alonso xa conta cun poemario ao seu nome

No centro, María Carballeda, con súa irmá á esquerda;Xiana Bouzón, á dereita, e Carlos Gulías, atrás.   | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

No centro, María Carballeda, con súa irmá á esquerda;Xiana Bouzón, á dereita, e Carlos Gulías, atrás. | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

O talento da palabra non todo o mundo o ten. A gran maioría da xente sabe falar e escribir, pero expresar os pensamentos e as emocións de forma correcta e universal é algo para o que non todos valen. Moito máis complexo é se se intenta facer a través da poesía. Porén, a estradense María Carballeda Alonso, de tan só doce anos de idade, é un deses prodixios que dende moi nova capta a complexidade e a universalidade dos sentimentos e é quen de describilos con verbas. Dende a discriminación por xénero, ao amor pola lingua ou o recoñecemento do sentir dunha nai, as súas composicións versan sobre temas que un, dende a condescendencia do adulto, non se espera dunha estudante de sexto de primaria. Por iso, o corpo docente do CEIP de Oca, onde María se forma, non tivo dúbidas á hora de converter o seu caderno de escritura nun libro, titulado Poemario, que onte se presentou oficialmente na biblioteca do centro, coa presenza da escritora lalinense Charo Golmar.

A cativa chegou á sala, onde a observaban todos os seus compañeiro e compañeiras, cunha camiseta do Real Madrid e unha tranquilidade abraiante para quen está a piques de presentar a súa ópera prima. Colleu micro e sen moitos preámbulos comezou: “Este libro está dedicado ao profe Carlos, por animarme neste camiño á escritura”. Carlos Gulías Carillo é mestre de música no colexio de Oca. Foi o titor de María durante tres anos, tempo no que se asegurou en inculcarlle a ela e ao resto do alumnado a importancia de facer o que nos gusta, de intentalo, aínda que se cometan erros. El foi o primeiro lector dos poemas da cativa e quen lle deu ás para seguir collendo a pluma.

Tras dar os agradecementos oportunos, precedeu a ler algún dos textos, escritos tanto en galego como en castelán. Os seus preferidos non podían faltar na escolla: A discriminación, e Nuestra amistad. O primeiro chama particularmente a atención con versos como estes: “Por que hai discriminación/Por que as mulleres teñen que limpar, varrer ou coser?/ E logo, os homes non?/ O machismo, iso non marchou/ xa estamos cansas de ver/ o que din que é querer/ Xa estamos cansas de oír/ como se debe vivir”. Nas súas preguntas demóstrase a xuventude de quen comeza a espertar ao mundo, pero tamén a madurez dunha persoa observadora, que é capaz de cuestionarse os normas sociais moitas veces aceptadas de forma inconsciente.

Unha vez finalizado o recital, todos os compañeiros se puxeron en pé. Primeiro para aplaudir, despois para interpretar unha das poesías de María musicalizada por outra estudante, Xiana Bouzón. O texto, titulado O galego, falaba sobre o amor á lingua e a tristura por aqueles que non a falan por non ter quen lla ensine. Todas as voces cantando ao unísono acompañadas polo piano resultou un momento cargado de emotividade para os presentes, entre os que se contaban tanto docentes como familiares da protagonista do evento.

Para rematar a presentación, a escritora Charo Golmar compartiu unhas palabras coa pequena autora, así como co resto do alumnado do colexio de Oca, animándoos a todos a escribir. “Non lle temades a unha folla en branco, a escritura cura as penas e a nostalxia e permítenos dicir aquilo que ás veces non temos valor a dicir a outros”, expresou a lalinense, que fixo fincapé na importancia de crer no potencial dun mesmo, xa que todos estamos “cheos de maxia”.

Agora, María Carballeda está a punto de rematar os estudos de educación primaria e pegar o salto ao instituto. Dende xa, ten claro que a súa paixón son as letras, porén non está segura de querer dedicarse plenamente á escritura: “Si que vou seguir escribindo, pero de maior gustaríame ser mestra de algún idioma”. Para ela, esta mañá do 24 de maio de 2024 quedará sempre no seu recordo, ao igual que aquel día que por primeira vez decidiu compartir os seus textos co “profe Carlos”, a quen lle agradece os ánimos e sobre todo, a ensinanza de vida: “Sempre nos dixo que estaba ben equivocarse, que non pasa nada porque as cousas non estean perfectas, por iso me animei a amosarlle o meu caderno de poemas”. Con todo, Carballeda non se esquece de a principal responsable deste éxito e ela mesma, e recoñece: “Síntome moi orgullosa de min, de seguir escribindo pese a que nesta vida hai tanto xente que che di cousas boas como xente que che di cousas malas, eu continuei facendo o que me gusta sen oír a aqueles que me criticaron e gracias a iso, hoxe teño este libro”.

O alumnado interpreta
un poema musicalizado
da súa compañeira.   | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

O alumnado interpreta un poema musicalizado da súa compañeira. | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN / nerea couceiro

Suscríbete para seguir leyendo