Cereixo non teme ao dragón

A parroquia estradense congrega, malia a unha meteoroloxía cambiante, a centos de fieis que se encomendan a San Xorxe para pedir protección ao gando e ás colleitas

Os fieis acompañan ás imaxesna procesión.

Os fieis acompañan ás imaxesna procesión. / // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

Unha romaría de aldea é sempre un acontecemento cargado de xúbilo e expectación, especialmente para os habitantes da parroquia. Porén, non todas estas festividades gozan da mesma fama nin exercen a mesma atracción para visitantes de fóra da propia comunidade. O día da carne do San Xorxe de Cereixo é unha desas que dende sempre estivo no calendario festivo dos estradenses, e onte demostrou, un ano máis, a súa popularidade.

O pico de afluencia chegou en torno ás 13.00 horas, cando daba comezo a misa solemne e posterior procesión dos santos. Chegar ao campo da festa implicaba algunha que outra cola e agardar a que os da comisión asignasen algunha das tres parcelas destinadas a aparcadoiro , con un prezo de tres euros, para estacionar o coche. Sen necesidade de achegarse ao campo ou á igrexa era doado adiviñar o éxito da cita, pois as tres leiras estaba ateigadas. Porén, ao achegarse ao meollo as suposicións confirmábanse.

Víctor Peroja escancia sidra na Feira Multisectorial 
celebrada en paralelo á romaría.   | //BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

Víctor Peroja escancia sidra na Feira Multisectorial celebrada en paralelo á romaría. | //BERNABÉ/ JAVIER LALÍN / nerea couceiro

Os participantes da ruta cabalar
bendicindo aos equinos.   | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

Os participantes da ruta cabalar bendicindo aos equinos. | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN / nerea couceiro

O campo contaba con dous escenarios enfrontados, o de Los Satélites nun estremo e o que ocuparían Os Lóstregos pola mañá e Azucar Moreno pola tarde, no outro. Na banda dereita, a pulpería Guerra, e na esquerda, os postos de artesanía e proximidade da Feira Multisectorial de Produtos Agroalimentarios de A Estrada, onde participaban as marcas: Leite Ulla, Apícula Cañedo Mel, Sidra Camino, Horta peregrina, Froitas e hortalizas Río Ulla, Ovos de Remesar, O Mel de bresa, Sidra Peroja, As Besadas, Biofruit Galicia e Pelegrinas. Tampouco faltaba a barra da comisión, situada no centro do campo, nin os postos de rosquilleiras e chilindradas para os cativos a ambas entradas.

Ao chegar a igrexa á igrexa a estampa non podía ser outra que a de decenas de fieis sostendo as súas varas para bendicir e que así protexan ao gando, unha tradición que xunto á da bendición dos animais é das máis senlleiras da zona e está vencellada á figura de San Xorxe, santo protector dos animais e das colleitas. Dentro do templo non collía un alfinete. Os crentes aglutinábanse ás portas para escoitar a misa e comulgar e fóra, os paraugas servían tanto para protexerse do sol como da chuvia, dependendo do momento.

Por outra banda, na parte baixa da antiga casa do cura, agora totalmente reformada, atopábase Laurentino Porto e outros membros da comisión, ocupándose de vender varas, cirios e velas, así como a carne ofrecida ao santo. Estas ofrendas son cada ano menos abundantes, segundo confesaba o propio Laurentino: “Non hai moita xente que traia, antes traían tanta que ten chegado ao teito, pero cada vez é menos”. No pasado, estas donacións de carne ao Santo subastábanse ao final da misa, pero na actualidade véndese a prezos fixos: as cacheiras a oito euros, as uñas a nove, os codos a dez e os peteiros a cinco.

Cara o final da misa, a iso das 14.30 horas, chegaba o momento máis esperado: a procesión. A comitiva saía encabezada pola Virxe de Belén e seguíana Fátima, Santa Rita, A Virxe das Angustias e San Xurxo, desfilando baixo a chuvia ao son das Banda Municipal da Estrada.

Por último, antes de dar por finalizados os oficios, os xinetes de Cereixo e contorna situábanse ante o templo para ser bendecidos polo párroco. Máis dunha trintena de equinos asistiran á cita para participar desta tradición despois de teren realizado a quinta edición da Ruta Cabalar de San Xorxe. De feito, o capelán tivo que agardar varios minutos a que chegasen todos os cabalos, pois algúns quedaran rezagados durante o paseo.

Unha vez clausurados os oficios relixiosos da xornada, a iso das 15.00 horas, tocaba matar a fame e coller forzas para a verbena da tarde cun xantar popular ao que estaban anotadas máis de 800 personas. A comida estenderíase ata as 17.00 horas, cando comezaba a actuación musical de Los Satélites, cuxo relevo collerían posteriormente as Azúcar Moreno.

Este era ademais un San Xorxe especial por otro motivo, xa que Gonzalo Louzao asistía por primeira vez como alcalde, ademais de veciño. Os apretós de man e os saúdos non remataban nunca, nun día no que tamén estivo presente O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Balseiros e Louzao visitan o posto de carne mentres un veciño 
merca unha vara para o gando.   | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

Balseiros e Louzao visitan o posto de carne mentres un veciño merca unha vara para o gando. | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN / nerea couceiro