Un día para sorrir con Ana Cela

A xornalista de Sigüeiro afincada na Estrada presenta no MOME a súa ópera prima literaria, centrada na saúde mental

José López, Laura Filloy, Xosé Luna, Ana Cela e Valentín García, onte, no MOME.  | // BERNABÉ

José López, Laura Filloy, Xosé Luna, Ana Cela e Valentín García, onte, no MOME. | // BERNABÉ / nerea couceiro

Nerviosismo e expectación, as sensacións esperables cando unha persoa se abre en canal ante un grupo de descoñecidos. Ou peor, maioritariamente coñecidos. Estas eran tamén as emocións que se podían debuxar onte no semblante da xornalista estradense Ana Cela, mentres presentaba no MOME o resultado da súa terapia loitando contra a depresión e a ansiedade. Trátase da súa ópera prima, o libro editado e publicado por Edicións Fervenza “Mamá, sorrí sempre”.

O acto comezou ás 20.00 horas, cunha mesa integrada pola propia autora, o escritor Xosé Luna, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde, José López, e a xornalista Laura Filloy.

Esta última foi tamén a encargada de presentar o evento, cunha intervención que describía de forma moi precisa o que supuxo este libro para a súa creadora e o que pode supoñer para todos os futuros lectores: “A principal diferenza entre Mamá sorrí sempre e as reportaxes, crónicas e noticias que publica (Anal Cela) diariamente no Faro de Vigo é que Mamá sorrí sempre é un descenso ao inferno da depresión. É unha escolma dos sentimentos máis escuros dunha mente que loita con garras e dentes contra o monstro que trata de aniquilala, unha recompilación de escritos desgarradores que nos poñen contra as cordas, sen panos quentes (como diría Ana), para falar de saúde mental”.

Filloy tamén tivo tempo de aludir á extensa carreira de Cela en xornalismo, afirmando: “Leva dúas décadas contando historias, escribindo sobre todos e todas nós”, antes de pasar o testigo ao escritor Xosé Luna, que na súa quenda fixo fincapé á importancia de dar visibilidade a saúde mental, así como dedicarlle palabras amables e de amor a quenes padecen estas doenzas. Por outra banda, Valentín García auguroulle á autora unha longa traxectoria despois desta primeiro publicación, que considera: “sitúa a Ana na vangarda literaria”. Pola súa parte, o alcalde, José López, sumouse aos presaxios do secretario xeral de Política Lingüística e engadíu: “É una sorte atoparse na vida con xente como Ana, con esa dedicación no ámbito profesional, e esa honestidade no persoal”

Porén, o prato forte estaba reservado para a autora, encargada de pechar a presentación. Comezou o seu discurso cunha declaración sincera: “Eu nunca quixen estar hoxe aquí”. Continuou explicando que este non é o libro que “unha soña escribir” senón o que “pode necesitar escribir”. “Mamá, sorrí sempre é froito dunha terapia tras viaxar por unha das etapas máis escuras da miña vida” argumentou.

Cela expuxo que o título parte dunha nota que a súa filla de sete anos lle escribiu cando ela loitaba coa depresión, unha loita que se extendeu durante un ano, dende novembro de 2021.

Se ben non é a súa obra soñada, a escritora orosana de nacemento i estradense de adopción confesou que agardaba poder axudar a alguén con este libro, que esté a pasar polo mesmo que ela pasou. Finalmente, despois de nadar con todas as forzas para sair dese pozo que foi para ela a depresión, Ana Cela admitiu que non foi capaz de revisitar os seus textos, quizais porque aínda está “cos pés na auga” e pediu aos presentes que se coñecen a alguén que tamén o esté, que simplemente escoiten, sen xulgar.