O home dos 22 gramos de ouro xa é centenario

Modesto López Currás, o último caseiro de Goiás, celebra os 100 anos cunha multitudinaria homenaxe de familiares e veciños

Modesto coa súa filla (camiseta de raias vermellas) e outros familiares, onte, durante a homenaxe en Goiás.

Modesto coa súa filla (camiseta de raias vermellas) e outros familiares, onte, durante a homenaxe en Goiás. / Bernabé/Lucía Abeledo

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

“Sempre me sentín moi forte durante toda a miña vida”, proclamaba Modesto López Currás nunha entrevista concedida a FARO DE VIGO en maio de 2015 pola presentación do folleto 22 gramos de ouro. O título daquel proxecto divulgativo dos castros de Cotarelo (Goiás) e Donramiro –obra de Antonio Presas, Xoán Carlos García Porral e Celso Fernández Sanmartín– aludía ao achado protagonizado polo propio Modesto nunha leira de millo.

Foi polo Corpus de 1953. Como caseiro, tocoulle ir recompoñer os destrozos causados por unha riada, relata o seu veciño García Porral. A súa sacha bateu contra algo que non parecía unha pedra máis. Convencido de que era ouro, foino pesar xunto ao dentista Zalabeite e levoullo tamén a Narciso de Correos, que llo corroborou. Gardou o tesouro, temeroso de que puideran confiscarllo, ata que un día un quincalleiro de nome Aurelio pasou pola súa casa e ofreceuse a venderllo en Ourense. Tempo despois tróuxelle 100 pesos, dos que gastou 90 nun traxe en Pepe Rivas e os outros 10 xogounos ao sete e medio na Taberna do Reboeira, conta Porral. Sempre creu que a súa pedra valía alomenos 3.000 pesetas e que aquel home o timara. Quizais por iso di aínda hoxe: “A min o castro nunca me deu máis ca traballos”.

O centenario recibe o saúdo de José Crespo. |   // BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO

O centenario recibe o saúdo de José Crespo. | // BERNABÉ/LUCÍA ABELEDO / Xan Salgueiro

Un cento de persoas xuntáronse onte no centro social de Goiás para felicitar ao protagonista desta historia polo seu recén conquistado centenario. Modesto López Currás veu ao mundo en Toques o 15 de decembro de 2023 no seo dunha familia moi humilde. Tiña seis irmáns: Manuel, Ramón, Concha, María, Hortensia e Esperanza, esta só por parte de nai. De neno, viñeron para Basadroa (Agolada) e, na posguerra, chegaron a Goiás, primeiro como caseiros de Jesús de Santón e, en torno a 1951-52, para traballar na de Reboredo, en Cotarelo. Os irmáns foron marchando co tempo, ata quedar só con Hortensia e, desde 1955, tamén coa súa dona, Leontina Taboada, de Botos, tía paterna do malogrado artista Wily.

En 1973 deixaron de ser caseiros e trasladáronse á casiña que fixeran na mesma aldea de Cotarelo, cunhas cortes para catro ou cinco vacas, das que viviron en adiante, xunto co cultivo das terriñas que foran adquirindo e outras que lle deixaban. Amais, exerceu a súa vocación de tratante de gando e Leontina traballaba nunha fonda os días de feira. Tiveron unha filla, Teresa, que ten 64 anos e vive en Filgueira, dous netos –Óscar, que agora vive na súa casa de Cotarelo, e Carlota, veciña de Donsión– e dous bisnetos.

Unha vida dura

“Eu paseino moi mal e crieime tamén moi mal. Dediqueime toda a vida a arar, rozar, cavar e sachar sempre a terra”, rememoraba o home en 2015. Refléxao perfectamente unha anécdota que acostumaba a contar e que recolleu García Porral: “Cando ía á feira co seu patrón, a diferencia doutros caseiros, non marchaba para a casa logo de pechar os tratos. Pero el levaba un cacho de broa e poñíase ao lado dos pulpeiros para comela co cheiro que saía das potas”. Coma tantos outros daqueles tempos, a penas puido recibir formación máis alá da que outorga a propia vida: “Á escola fun pouco, a verdade –confesaba–. Tiven un mestre en Basadroa que lle dicía a meus pais que me mandaran á escola, pero o rapaz tiña que ir coas vacas e con seu pai, porque había que traballar”.

Ao falecer a súa dona, foi vivir coa súa irmá Hortensia e a súa sobriña Luisa a un piso da rúa O Rodo, de Lalín. A outra irmá que aínda lle vive, María, está nunha residencia. “Está perfecto de cabeza e ten unha memoria prodixiosa, sobre todo para as historias”, comenta o seu sobriño Jesús López Cuñarro, un dos artífices da homenaxe, xunto a Porral e ao tamén veciño Julio Méijome. Goza de boa saúde e camiña por sí mesmo, coa única axuda dun bastón. “É un moi querido na parroquia, non ten un inimigo”, coinciden os organizadores.

O centenario foi agasallado pola súa familia cun cadro da fotografía na Carballeira do Rodo, tomada para FARO en 2015. O alcalde de Lalín, José Crespo, entregoulle unha métopa do concello e o libro dos 50 anos da Feira do Cocido. El obsequiou aos presentes cunha ladaíña das que entoaban na súa mocidade pola festa do Rosario, que foi quen de recitar de corrido. “Se puidera, dáballe un abrazo a todos”, dicíalles aos asistentes ao acto de onte, para engadir, sen perder o seu humor que desde o cadaleito, cando lle viñeran ao enterro. non lle podería dar as grazas, polo que llas daba agora, antes de que o levaren para a caixa.

Suscríbete para seguir leyendo