“Crise climática ou crise do sistema?”, novo ciclo de conferencias do IEM

Comeza mañá con Emilio Fernández Suárez, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo

O catedrático de Ecoloxía Emilio Fernández Suárez.

O catedrático de Ecoloxía Emilio Fernández Suárez. / Marta G. Brea

R.V.

No marco dos actos do seu vixésimo quinto aniversario o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) organiza un novo programa de faladoiros titulado “Crise climática ou crise do sistema?”, centrado na análise da situación ambiental e da sucesión de colapsos previstos nas próximas décadas.

Expertos de recoñecido prestixio afondarán na crise sistémica, nas súas causas e posibles solucións no local do IEM as vindeiras semanas. O catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo Emilio Fernández Suárez abrirá o ciclo mañá venres, 5 de abril, cunha conferencia titulada “Crise ambiental acelerada e global no presente contexto socioeconómico” ás 20.00 horas. Falará do reto de compatibilizar a suficiencia enerxética, a seguridade alimentaria e o mantemento da funcionalidade dos ecosistemas mentres as condicións ambientais cambian de xeito acelerado.

A palestra servirá para debuxar o contexto das seguintes conferencias do programa mediante unha serie de indicadores que ilustran a magnitude e a escala dos cambios ambientais que experimenta o planeta desde a Revolución Industrial, para centrarse nun dos máis coñecidos actualmente, relacionado coa emisión de gases de efecto invernadoiro.